Skip to main content

Noticias

  • A Cidade da Cultura celebrará o Día da Música con Budiño, un dos músicos galegos máis internacionais, que presentará o seu último disco nun concerto gratuíto o venres 21 de xuño. O gaiteiro virá acompañado dun elenco de novas voces e talentos do neo-tradicional galego, cos que comparte o seu amor pola música de raíz e a vontade de experimentar coa electrónica. A guitarra, o acordeón, a percusión tradicional, os arranxos electrónicos e as voces de Tania Caamaño, Mónica de Nut, Fran Barcia e Andrés Boutureira virán a sumarse a Budiño nun espectáculo alegre e potente.
  • Tivo lugar a entrega de distintivos Q e S de Calidade Turística 2024 da Axencia de Turismo de Galicia. Este ano entregáronse 53 novas distincións Q de Calidade e 39 S de Sostibilidade. Actualmente, Galicia é a segunda comunidade autónoma con máis distintivos Q e a cuarta de distintivos S. O sector turístico galego atravesa un dos seus mellores momentos, con cifras récord no 2023 e cada vez máis diversificado e desestacionalizado, e con máis de 1,3 millóns de viaxeiros que se aloxaron nos establecementos turísticos galegos nos primeiros catro meses do ano e á crecente tendencia á internacionalización do destino, cun crecemento do 5% do número de turistas estranxeiros que se aloxaron en Galicia no que vai de ano.
  • O Festival IKFEM, centrado na música relacionada cos instrumentos de teclado, celebra a súa 12ª edición do 17 ao 21 de xullo en Tui e Valença do Minho. O evento transfronteirizo, que une o talento artístico da península contará con actuacións en enclaves de especial interese patrimonial como a Igrexa de Santo Domingo de Tui. Nesta edición o certame ofrecerá concertos únicos como os protagonizados polo cantautor Salvador Sobral xunto co pianista Marco Mezquida ou a soprano María Hinojosa co galego Daniel Pereira ao teclado.
  • Entre as principais novidades da actualización de 2024 está o incremento do número de cámaras nos montes que permitirá que o 85% do territorio galego en risco de incendio contará con videovixilancia. En concreto, vanse instalar outras 24 cámaras en 12 novas localizacións, e dicir, a rede de videovixilancia fixa vai contar con 177 cámaras en 88 puntos. Á hora de establecer a localización concreta das cámaras, tívose en consideración o feito de que proporcionen cobertura visual das zonas nas que se rexistra unha maior actividade incendiaria, con especial atención ás Parroquias de Alta Actividade Incendiaria (PAAI) e ás zonas de alto risco de incendios (ZAR).
  • Dentro do seu compromiso por seguir afondando nun turismo de calidade e desestacionalizado e tamén na procura de fórmulas que atraian a Galicia viaxeiros de alta capacidade de gasto, Turismo de Galicia está participando en Milán nunhas xornadas con máis de 20 operadores especializados neste mercado. Enmárcase na aposta por seguir reforzando a presenza do turista internacional, que está medrando nos últimos anos e que é un dos obxectivos estratéxicos máis inmediatos. Ademais, lévase anos traballando para atraer un tipo de viaxeiro de alto poder adquisitivo que estatisticamente realiza un importante número de viaxes ao ano, polo que contribúe a romper a estacionalidade turística.
  • Nos primeiros catro meses do ano o sector hoteleiro galego continuou avanzando na mellora da súa rendibilidade, cun crecemento do 2% e acadando os niveis maís elevados desde que se teñen rexistros. Así se desprende dos últimos datos feitos públicos hoxe polo Instituto Nacional de Estatística (INE). Estas cifras constatan os efectos que está a ter a positiva evolución da actividade turística entre o sector hoteleiro. De feito, estímase que nestes catro meses, os hoteis e pensións obtiveron uns ingresos totais nominais de máis de 74M€, cifra que supera o dato do ano pasado así como o valor previo á pandemia cando se facturaban 62 millóns de euros no segmento hoteleiro da comunidade galega. Con isto, esta é a cifra máis elevada da serie histórica.
  • Do 24 ao 26 de maio a Primavera de portas abertas na Denominación de Orixe Ribeira Sacra ofrecderá unha ampla programación de rutas, catas e actividades enolóxicas e culturais. O sábado e o domingo están previstas visitas guiadas durante todo o día para percorrer algunhas das 13 adegas adheridas ao programa, museos e outros lugares de interese; inclúen o traslado en autobús con saídas desde A Coruña, Vigo, Ourense, Santiago de Compostela e Lugo, neste caso desde a Praza de Bretaña ás 9,30 horas. Ademais, a iniciativa de Turismo de Galicia ofrece desde este venres 13 actividades en distintas localizacións da Ribeira Sacra.
  • Os traballos impulsados pola Xunta na Catedral de Santiago e feitos en colaboración coa Fundación Catedral sacaron á luz unha ventá románica na capela do Salvador. A ventá románica atopábase detrás do retablo e quedou accesible tras a súa desmontaxe no proceso de restauración. Ademais, as actuacións que se están levando a cabo nestes espazos, incluídas no convenio de colaboración coa Fundación Catedral, están permitindo recuperar as pinturas murais e os relevos pétreos, e tamén está previsto destinar neste 2024 poñer en valor a capela do Cristo de Burgos, e intervencións que abranguen a fachada ao patio de Xelmírez e o proxecto de restauración do interior da capela.
  • O 97% das zonas rexistradas no censo de augas de baño de Galicia conta cunha clasificación sanitaria de excelente ou boa. Así se recolle no informe final sobre o Programa de vixilancia sanitaria das zonas de baño 2023 elaborado pola Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade presentado hoxe no Consello da Xunta. O Goberno galego iniciará o vindeiro 1 de xuño unha nova campaña do Programa de vixilancia, tomando como referencia o informe final da pasada tempada. Na pasada tempada, e con motivo da entrada en vigor do Decreto 175/2022, do 13 de outubro, sobre vixilancia sanitaria das augas de baño de Galicia, a Xunta fixo públicas as augas de baño que pasan a formar parte do novo Rexistro de Augas de Baño de Galicia, ben na sección I (augas de baño incluídas no Censo de zonas de augas de baño, na sección II (augas de baño en avaliación) ou na sección III (augas con prohibición permanente do baño).
  • O Camiño de Santiago bateu un novo récord ao recibir ao peregrino número 100.000 antes que calquera outro ano, que adoita ser a principios de xuño. A homenaxe recaeu en Milagros, unha muller de 60 anos e procedente de Florida, que percorreu o Camiño Portugués da Costa co seu marido. Esta cifra enmárcase dentro da boa tendencia desta ruta de peregrinación, que en 2023 xa bateu os rexistros históricos a pesar de non ser Ano Santo. Cómpre destacar que esta ruta de peregrinación está cada vez máis desestacionalizada e diversificada. De esta maneira, a afluencia de peregrinos segue medrando fóra de tempada alta; e que cada vez hai un reparto máis equilibrado de camiñantes entre as distintas rutas. Así, se en 2004 o resto de rutas que non eran o Camiño Francés representaban só o 24% dos peregrinos, agora esa cifra incrementouse ata o 53%.