Skip to main content

Noticias

  • A primavera climatolóxica de 2024 (marzo, abril e maio) en Galicia foi a terceira máis húmida da serie histórica -que se remonta a 1961- ao rexistrarse unha precipitación media de 511 l/m2. Ademais, no que atinxe ás temperaturas, foi un período cálido cun valor medio de 12,9 graos. Deste xeito, segundo o avance do informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia, a precipitación media rexistrada entre as 16 estacións máis representativas foi un 67 % superior ao que vén sendo habitual neste período, debido especialmente ás abondosas choivas de marzo e maio, que fan que estes dous meses se consideren moi húmidos.
  • O Sergas está a planificar xa medidas para o reforzo de persoal sanitario no verán en función das necesidades das distintas localidades. Por unha banda, ofrecerá aos MIR de último ano a posibilidade de apoiar, tanto as urxencias como a atención primaria, de forma voluntaria, con incentivos económicos e baixo supervisión. Tamén se contará cun grupo de médicos que se poidan desprazas ás zonas con posibles ausencias ou tensións puntuais, igualmente de forma voluntaria e incentivada economicamente. Ademais, estase a analizar a posibilidade de que médicos que teñan unha segunda residencia en zona de costa, con maior demanda asistencial no verán, poidan elixir traballar alí temporalmente.
  • Na edición deste ano está prevista a participación de 53 profesionais da Artesanía de Galicia, 36 como expositores e outros 14 artesáns que participarán como docentes nos cursos de formación especializada e talleres abertos. En canto aos expositores de produtos gourmet, este ano estará presente a oferta de 32 empresas, 19 das cales contan co selo de Artesanía Alimentaria. Así, durante tres días en horario de 11,00 a 14,00 h. e de 16,00 a 21,30h h., o Corazón da Artesanía xuntará tradición e vangarda nun encontro único no que se contará con demostracións de artesanía en vivo, o programa Artesanía no Prato que xunta gastronomía e artesanía, cursos especializados para artesáns e obradoiros abertos para todos os públicos, animado con música en directo e actividades para nenos.
  • A Cidade da Cultura celebrará o Día da Música con Budiño, un dos músicos galegos máis internacionais, que presentará o seu último disco nun concerto gratuíto o venres 21 de xuño. O gaiteiro virá acompañado dun elenco de novas voces e talentos do neo-tradicional galego, cos que comparte o seu amor pola música de raíz e a vontade de experimentar coa electrónica. A guitarra, o acordeón, a percusión tradicional, os arranxos electrónicos e as voces de Tania Caamaño, Mónica de Nut, Fran Barcia e Andrés Boutureira virán a sumarse a Budiño nun espectáculo alegre e potente.
  • Tivo lugar a entrega de distintivos Q e S de Calidade Turística 2024 da Axencia de Turismo de Galicia. Este ano entregáronse 53 novas distincións Q de Calidade e 39 S de Sostibilidade. Actualmente, Galicia é a segunda comunidade autónoma con máis distintivos Q e a cuarta de distintivos S. O sector turístico galego atravesa un dos seus mellores momentos, con cifras récord no 2023 e cada vez máis diversificado e desestacionalizado, e con máis de 1,3 millóns de viaxeiros que se aloxaron nos establecementos turísticos galegos nos primeiros catro meses do ano e á crecente tendencia á internacionalización do destino, cun crecemento do 5% do número de turistas estranxeiros que se aloxaron en Galicia no que vai de ano.
  • O Festival IKFEM, centrado na música relacionada cos instrumentos de teclado, celebra a súa 12ª edición do 17 ao 21 de xullo en Tui e Valença do Minho. O evento transfronteirizo, que une o talento artístico da península contará con actuacións en enclaves de especial interese patrimonial como a Igrexa de Santo Domingo de Tui. Nesta edición o certame ofrecerá concertos únicos como os protagonizados polo cantautor Salvador Sobral xunto co pianista Marco Mezquida ou a soprano María Hinojosa co galego Daniel Pereira ao teclado.
  • Entre as principais novidades da actualización de 2024 está o incremento do número de cámaras nos montes que permitirá que o 85% do territorio galego en risco de incendio contará con videovixilancia. En concreto, vanse instalar outras 24 cámaras en 12 novas localizacións, e dicir, a rede de videovixilancia fixa vai contar con 177 cámaras en 88 puntos. Á hora de establecer a localización concreta das cámaras, tívose en consideración o feito de que proporcionen cobertura visual das zonas nas que se rexistra unha maior actividade incendiaria, con especial atención ás Parroquias de Alta Actividade Incendiaria (PAAI) e ás zonas de alto risco de incendios (ZAR).
  • Dentro do seu compromiso por seguir afondando nun turismo de calidade e desestacionalizado e tamén na procura de fórmulas que atraian a Galicia viaxeiros de alta capacidade de gasto, Turismo de Galicia está participando en Milán nunhas xornadas con máis de 20 operadores especializados neste mercado. Enmárcase na aposta por seguir reforzando a presenza do turista internacional, que está medrando nos últimos anos e que é un dos obxectivos estratéxicos máis inmediatos. Ademais, lévase anos traballando para atraer un tipo de viaxeiro de alto poder adquisitivo que estatisticamente realiza un importante número de viaxes ao ano, polo que contribúe a romper a estacionalidade turística.
  • Nos primeiros catro meses do ano o sector hoteleiro galego continuou avanzando na mellora da súa rendibilidade, cun crecemento do 2% e acadando os niveis maís elevados desde que se teñen rexistros. Así se desprende dos últimos datos feitos públicos hoxe polo Instituto Nacional de Estatística (INE). Estas cifras constatan os efectos que está a ter a positiva evolución da actividade turística entre o sector hoteleiro. De feito, estímase que nestes catro meses, os hoteis e pensións obtiveron uns ingresos totais nominais de máis de 74M€, cifra que supera o dato do ano pasado así como o valor previo á pandemia cando se facturaban 62 millóns de euros no segmento hoteleiro da comunidade galega. Con isto, esta é a cifra máis elevada da serie histórica.
  • Do 24 ao 26 de maio a Primavera de portas abertas na Denominación de Orixe Ribeira Sacra ofrecderá unha ampla programación de rutas, catas e actividades enolóxicas e culturais. O sábado e o domingo están previstas visitas guiadas durante todo o día para percorrer algunhas das 13 adegas adheridas ao programa, museos e outros lugares de interese; inclúen o traslado en autobús con saídas desde A Coruña, Vigo, Ourense, Santiago de Compostela e Lugo, neste caso desde a Praza de Bretaña ás 9,30 horas. Ademais, a iniciativa de Turismo de Galicia ofrece desde este venres 13 actividades en distintas localizacións da Ribeira Sacra.