Skip to main content

Activado o nivel amarelo por alerta por calor en diferentes zonas da comunidade galega

Así, durante a xornada de hoxe as zonas en alerta amarela pola vaga de calor serán: A zona da Coruña interior, que engloba os concellos de Ames, Aranga, Arzúa, A Baña, Boimorto, Boqueixón, Brión, A Capela, Coirós, Curtis, Frades, Irixoa, Melide, Mesía, Monfero, Negreira, Ordes, Oroso, O Pino, As Pontes de García Rodríguez, Santa Comba, Santiago de Compostela, Santiso, Sobrado, As Somozas, Teo, Toques, Tordoia, Touro, Trazo, Val do Dubra, Vedra e Vilasantar.

Tamén o suroeste da Coruña, concretamente os municipios de Boiro, Dodro, Lousame, Muros, Noia, Outes, Padrón, A Pobra do Caramiñal, Porto do Son, Rianxo, Ribeira e Rois.

A zona centro de Lugo, que abrangue os concellos de Abadín, Antas de Ulla, Begonte, Castro de Rei, Castroverde, O Corgo, Cospeito, Friol, Guitiriz, Guntín, Láncara, Lugo, Meira, Monterroso, Muras, Outeiro de Rei, Palas de Rei, Paradela, O Páramo, A Pastoriza, Pol, Portomarín, Rábade, Riotorto, Sarria, Vilalba e Xermade.

A montaña de Lugo, afectando aos concellos de Baleira, Baralla, Becerreá, Cervantes, Folgoso do Courel, A Fonsagrada, O Incio, Navia de Suarna, Negueira de Muñiz, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Ribeira de Piquín, Samos e Triacastela.

Zona sur de Lugo, cos municipios de Bóveda, Carballedo, Chantada, Monforte de Lemos, Pantón, A Pobra do Brollón, Quiroga, Ribas de Sil, O Saviñao, Sober e Taboada.

A comarca de Valdeorras, cos concellos do Barco de Valdeorras, Larouco, Petín, A Rúa, Rubiá e Vilamartín de Valdeorras.

E no interior de Pontevedra, englobando os concellos de Agolada, Campo Lameiro, A Cañiza, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Cuntis, Dozón, A Estrada, Forcarei, Fornelos de Montes, Lalín, A Lama, Moraña, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces.

Pola súa banda, na xornada de mañá -martes- a alerta amarela manterase nas seguintes zonas da comunidade galega:

Na Coruña interior, concellos de Ames, Aranga, Arzúa, A Baña, Boimorto, Boqueixón, Brión, A Capela, Coirós, Curtis, Frades, Irixoa, Melide, Mesía, Monfero, Negreira, Ordes, Oroso, O Pino, As Pontes de García Rodríguez, Santa Comba, Santiago de Compostela, Santiso, Sobrado, As Somozas, Teo, Toques, Tordoia, Touro, Trazo, Val do Dubra, Vedra e Vilasantar.

Na zona sur de Lugo, municipios de Bóveda, Carballedo, Chantada, Monforte de Lemos, Pantón, A Pobra do Brollón, Quiroga, Ribas de Sil, O Saviñao, Sober e Taboada.

E na comarca de Valdeorras, concellos do Barco de Valdeorras, Larouco, Petín, A Rúa, Rubiá e Vilamartín de Valdeorras.

Galicia conta cun Plan de actuación sobre os efectos das altas temperaturas na saúde que se basea no establecemento dos niveis de alerta por episodio de calor en función da intensidade e a duración dos episodios, desagregados por zonas de aviso.

Segundo informa MeteoGalicia, dependente da Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Galicia conta coa presenza dunha masa de aire moi cálida desde a xornada de onte -domingo-, e deixará hoxe valores moi elevados nas temperaturas, tanto mínimas como máximas.

De feito durante a pasada madrugada moitas comarcas de Galicia viviron unha noite tropical, con mínimas que non descenderon por debaixo dos 20ºC. As máximas hoxe superarán os 35ºC en moitos puntos. A situación de calor acadará hoxe o seu máximo, pero aínda mañá con valores elevados.

Xa na xornada do mércores, coa entrada de néboas polo litoral atlántico e coa chegada dunha masa de aire máis fresca, as temperaturas, aínda que sigan sendo as propias do verán, comezarán a normalizarse sen chegar a superar limiares de risco para a saúde.

Recomendacións sanitarias

A Consellería de Sanidade traslada á cidadanía unha serie de consellos que poderán ser moi útiles para estes días de calor.

É importante beber máis líquido do habitual sen esperar a ter sede, sobre todo auga e zumes de froita lixeiramente fríos. Ademais, deberase evitar inxerir bebidas quentes, alcohólicas, café, té ou aquelas moi azucradas. Recoméndase comer verduras e froitas e evitar as comidas copiosas.

Respecto da vestimenta, recoméndase o uso de roupa de tecidos naturais, lixeira e folgada, de cores claras, sombreiros, lentes de sol e cremas protectoras solares. O calzado deberá ser cómodo, fresco e que transpire.

No interior dos edificios permanecerase, a ser posible, en espazos ventilados ou acondicionados, e utilizando as habitacións máis frescas da vivenda. Durante o día, baixaranse as persianas e pecharanse as xanelas, abríndoas pola noite para ventilar. Así mesmo, poderán utilizarse ventiladores. Nos momentos de calor máis intensa refrescarase o corpo cunha ducha ou cun baño en auga morna. Ademais, procurarase eludir as aglomeracións de persoas en locais sen aire acondicionado.

No exterior dos edificios evitaranse, na medida do posible, as actividades nas horas máis calorosas, reducirase a actividade física, procurarase buscar as sombras e, cando se estacione o coche, non se deberá deixar no interior nin a nenos nin a persoas maiores, nin a ningún animal de compaña.

Así mesmo, convén non ir á praia nas horas de máxima calor (mediodía e as primeiras da tarde). Nunca se debe quedar durmido tomando o sol. Respecto das cremas de protección, utilizaranse as de maior protección posible e nunca inferior a quince.

Aos familiares ou veciños que vivan sos é conveniente facerlles un seguimento especial estes días, co fin de comprobar que adoitan as medidas recomendadas e o seu estado de saúde é o habitual.
R.