Skip to main content

A Xunta urxe ao Goberno central a traspasar de inmediato as funcións e medios necesarios para que Galicia poida asumir a xestión da súa franxa costeira

Tras esta sentenza, que segundo explicou Ángeles Vázquez recoñece a competencia exclusiva da comunidade sobre o seu litoral e sobre os usos e actividades que pode acoller, a Xunta iniciou de inmediato os trámites para solicitar o traspaso de funcións e medios para a xestión costeira a través da Comisión mixta de transferencias.

Sen embargo e pese á insistencia do executivo autonómico nos últimos meses, a conselleira lamentou que ata o de agora non se producira ningún avance e que a última comunicación oficial recibida por parte do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, o pasado 26 de xullo, non concrete nin aclare nada sobre o traspaso ou os prazos que manexa para facelo efectivo.

Esta actitude por parte do Goberno central, considerou, está a dificultar a aplicación da Loxilga, que xa estivo parada durante seis meses polo recurso interposto polo Estado. Por iso, reclamou ao Executivo de Pedro Sánchez lealdade e respecto institucional nun asunto crucial para a comunidade que ten máis quilómetros de costa e exixiu que faga canto antes a transferencia efectiva dos medios en lugar de seguir “perdendo máis o tempo” debido á “descoordinación” entre uns departamentos e outros.

Así, animou ao resto de gobernos autonómicos interesados en lexislar neste eido a seguir “os pasos que deu Galicia”, partindo sempre “dunha base científica” que permita abordar a regulación costeira con claridade e seguridade xurídica.

Neste sentido, Ángeles Vázquez subliñou que a Loxilga, aprobada hai un ano, é unha ferramenta fundamental nas políticas da Xunta fronte ao cambio climático. Unha tese que defenderá hoxe, precisamente, durante a súa intervención na mesa redonda A adaptación ao cambio climático nas cidades, onde exporá como a Loxilga ofrece un marco de seguridade xurídica para emprender accións efectivas para a xestión sostible da franxa litoral urbana de Galicia.

Acompañada polo conselleiro de Fomento, Ordenación do Territorio e Medio Ambiente do Goberno de Cantabria, Roberto Media, a alcaldesa de Santander, Gema Igual, e a rexedora de Valencia, María José Catalá, Ángeles Vázquez incidirá tamén no liderado asumido por Galicia na xestión integral do litoral, sendo a primeira comunidade en regular por lei a costa en toda a súa extensión.
R.