Galicia estará presente na ITB de Berlín, unha das feiras con máis repercusión no mercado turístico mundial

Galicia participa cun espazo propio dentro do expositor de Turespaña, coordinado pola Oficina Española de Turismo en Berlín, con mostradores de información e unha área específica de encontros de traballo. No espazo galego está tamén representado o Clúster Turismo de Galicia, que asiste á feira en misión comercial con diferentes empresarios e profesionais do sector turístico galego.
O Goberno autonómico continúa así afondando na súa estratexia de internacionalización do destino, despois de que o ano pasado o mercado internacional acadase os mellores datos da súa historia e o turismo estranxeiro chegase a representar o 30% do turismo que recibiu a Comunidade galega. No caso concreto do mercado alemán, é o terceiro internacional en Galicia, por detrás de Portugal e EEUU, e tamén é o terceiro país do que proceden máis peregrinos que recollen a Compostela.
O ano pasado aloxáronse nos establecementos turísticos galegos máis de 170.000 viaxairos alemáns que fixeron preto de 300.000 noites, superando un 8,2% o volume de noites do ano anterior, así como os niveis previos á pandemia, nun 9,7% neste caso. O ano pasado rexistráronse incrementos de maior intensidade na temporada baixa fronte á media e alta no mercado alemán que tamén incrementou a súa estadía un 3%.
A participación de Turismo de Galicia na ITB de Berlín enmárcase na actividade que anualmente leva a cabo para promover o destino en distintas feiras, que este ano ascenden ao redor de 30 de ámbito nacional e internacional.
R.