Skip to main content

Noticias

  • Galicia pechou 2021 con máis de 178.900 Compostelas seladas no Centro Internacional de Acollida ao Peregrino, o que confirma a reactivación do Camiño de Santiago superando tódalas expectativas. A previsión para este ano era chegar ás 140.000 credenciais, unha cifra que xa se acadou o pasado setembro e que se superou con case 40.000 máis no último trimestre. Tras o espectáculo videomusical conducido polo gaiteiro Carlos Núñez na Praza da Quintana para dar a benvida á segunda parte deste Xacobeo 21-22, a Porta Santa continuará aberta outros 365 días.
  • O director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, e o xerente da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA), Marcos Araújo, reuníronse con representantes das forzas e corpos de seguridade para coordinar o dispositivo de control das medidas contra a covid, tendo en conta as restricións aprobadas polo comité clínico e as acordadas nas reunións con representantes da hostalería e o do lecer nocturno. Será obrigatorio solicitar o certificado covid para acceder aos locais de hostalería durante todo o día.
  • A Xunta acordou esta tarde co ocio nocturno as medidas a adoptar durante o Nadal debido á covid. Os negocios poderán elixir entre abrir a fin de semana de Fin de Ano, entre o 30 de decembro e o 2 de xaneiro -ambos incluídos-, ou optar a unha liña de axudas con distintos tramos en función dos metros cadrados de cada local. Tanto nesta fin de semana de Fin de Ano como desde o 3 ata o 18 de xaneiro todos os locais do sector poderán abrir ata as 03,00 da madrugada.
  • A Cidade a Cultura de Galicia pecha 2021 acadando un máximo histórico no número de participantes nas actividades do seu programa cultural, cun total de 229.462, o que representa un incremento dun 20% respecto ao 2019. A cifra inclúe todas as persoas que asistiron a actividades organizadas polo Gaiás, aínda que se desenvolveran en espazos diferentes aos da Cidade da Cultura. Unha das razóns que explica este incremento é o programa de itinerancias, que permitiu exhibir mostras en Ourense, Pontevedra, Vigo e Coruña.
  • O conselleiro de Cultura visitou co novo bispo de Mondoñedo-Ferrol, Fernando García Cadiñanos, o templo onde o Goberno galego actúa ao abeiro do Plan Catedrais 2021-2027. Román Rodríguez, nesta visita á Catedral de Mondoñedo feferiuse aos avances que a Xunta está realizando para rehabilitar o templo cun investimento de 6,5M€. En concreto, nestes momentos estase actuando no mural do presbiterio e nas pinturas murais, coa intención de rematen o vindeiro verán. Son as primeiras actuacións do Plan Catedrais 2021-2027 que a Xunta ten en marcha nos grandes templos catedralicios galegos para que afronten a década xacobea nas mellores condicións.
  • Galicia volveu confirmar en novembro o excelente ritmo de recuperación da demanda turística hoteleira galega, rexistrando preto de 231.000 viaxeiros aloxados nos hoteis galegos onde pasaron máis de 434.000 noites, unhas cifras que triplican as acadadas o ano pasado. Galicia segue así á cabeza da recuperación da demanda turística hoteleira a nivel nacional, só por detrás de Asturias, segundo recolle o INE na súa Conxuntura Turística Hoteleira de novembro. O novo informe destaca que Galicia mantense nos postos de cabeza da recuperación turística tanto este mes de novembro, con case as mesmas cifras de viaxeiros que en novembro de 2019, como no acumulado do ano.
  • O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, salientou que a chegada do AVE a Ourense é un novo éxito colectivo e animou a concluílo para aproveitar ao máximo este activo de valor incalculable. No acto institucional de inauguración da liña Madrid-Ourense, que contou coa asistencia da Súa Maxestade O Rei Felipe VI, Feijóo celebrou a chegada dun momento histórico tras alcanzar unha meta longamente agardada e tamén intensamente demandada. 'Para os galegos é un antes e un despois. Supón competir en termos de igualdade co Mediterráneo, o Sur e, en definitiva, coa maior parte de España', expresou.
  • Galicia segue a recuperar os resultados positivos das súas vendas ao exterior, ata o punto de que xa logra, nos dez primeiros meses do ano, superar por quinto exercicio consecutivo, os 20.000 millóns de euros en exportacións. En concreto, e tal e como amosan os últimos datos dispoñibles publicados hoxe polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, as exportacións galegas aumentaron, entre xaneiro e outubro, nun 22,8%, ata acadar os 20.600 millóns. Deste xeito, supéranse tamén os niveis previos á pandemia da covid-19 cunha suba de preto do 13% fronte ao mesmo período de 2019.
  • A Cidade da Cultura é o escenario elixido para o primeiro concerto da xira da Sinfónica de Galicia coa cantaora Marina Heredia, que fará o seu debut coa orquestra o 17 de decembro no Museo Centro Gaiás. Con esta actuación especial, a Xunta de Galicia dá comezo este venres á programación de actividades pensadas para gozar en familia do Nadal no Gaiás. Filla e neta de cantaores, Marina Heredia medrou rodeada de flamenco e comezou a cantar desde moi nova, pisando por primeira vez os escenarios con tan só 12 anos.
  • Este Nadal, os Bolechas están a preparar unha carta a Papá Noel, pero a cousa complícase e deciden seguir o labor comendo noces, que así pensan mellor. Mais as noces teñen a casca moi dura e escachan os dentes. Entón, os irmáns collen un crebanoces na cociña, pero trillan os dedos. De súpeto, alguén chama á porta e aparece un enorme crebanoces de Nadal chegado directamente de Alemaña para axudalos, mais ao pouco de empezar, o convidado fica inmóbil. Tras unha chamada ao 112, os Bolechas descobren que o crebanoces non é humano, senón un boneco de corda e, ademais, non teñen a chave para volver activalo.