Noticias
-
A ría de Vigo converterase o vindeiro mes de xullo no escenario dun espectáculo único coa chegada dos grandes veleiros da Ruta Iacobus Maris grazas ao apoio da Xunta de Galicia a través do Xacobeo 21-22. A cidade deu o pistoletazo de saída da peregrinación marítima máis longa do mundo. A Iacobus Maris supón o regreso a Galicia dos grandes veleiros en conmemoración da viaxe do corpo do Apóstolo ata Santiago de Compostela. A ruta xacobea marítima estará dividida en catro etapas e visitará cinco portos ao longo dunha peregrinación que partirá da localidade italiana de Xénova o día 25 de xuño e chegará ao Porto de Vigo o día 22 de xullo.
-
De cara á celebración de Semana Santa o sector turístico avanza boas perspectivas con previsións de ocupación entre o 60% e o 80%, se ben existen territorios que agardan acadar incluso ocupacións maiores como poden ser Santiago de Compostela, Ferrol ou Viveiro, polos de atracción polas celebracións vencelladas á Semana Santa. A meteoroloxía, as viaxes de proximidade e as reservas de última hora marcarán as ocupacións finais, aínda que o ritmo de chegada de peregrinos que se detecta nas últimas semanas apunta a unha Semana Santa boa para o sector. De feito, só na primeira semana do mes de abril chegaron a Santiago case 4000 peregrinos, máis dos que se chegaron en todo o mes de xaneiro e febreiro e tres veces máis dos que chegaron no mesmo período o ano pasado.
-
O mes de marzo na Comunidade galega pechou como un período húmido e normal en temperatura. Está é unha das principais conclusións que recolle o informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia, dispoñible na súa páxina web. O terceiro mes do ano tivo dúas partes claramente diferenciadas, cunha primeira metade na que predominaron as situacións invernais, con precipitacións e baixas temperaturas, e unha segunda máis seca, con temperaturas algo superiores ao normal para esta época do ano, aínda que sempre con certa inestabilidade e con poucos días de ceo aberto. Así, en termos xerais, as chuvias foron superiores ás normais e as temperaturas medias non se afastaron demasiado dos valores normais neste mes.
-
'2 Torres, 2 Camiños' converte a torre opaca do Gaiás en escenario da fugacidade das estrelas e encerra dentro dos seus muros o infinito do espazo mediante unha proxección en movemento da Vía Láctea. Pola súa banda a torre transparente condensa o enxame de camiños e rutas que levan a Santiago, materializado nun grande nobelo de fíos enleados, que representan este labirinto de pasos e vidas entrecruzadas que enriquecen cada día a esencia espiritual da ruta xacobea. Ademais, na intervención soa, na voz de Beatriz Tejero, unha interpretación da peza Santa Maria, strela do dia, incluída nas Cantigas de Santa María de Afonso X o Sabio, (s.XIII).
-
A Cidade da Cultura conmemora os dez primeiros anos do Museo Centro Gaiás lanzando un programa especial de visitas comentadas. O percorrido, que levará aos participantes a espazos restrinxidos ao público, permitirá afondar na complexa arquitectura deste edificio de Peter Eisenman e comprender o funcionamento deste sofisticado equipamento, preparado para acoller exposicións de grande formato, así como propostas culturais e eventos de natureza moi diversa (como por exemplo concertos ou espectáculos escénicos).
-
O Festival Mundial do Ilusionismo Galicia Ilusiona incluirá nos seus dous meses e medio de duración espectáculos dirixidos ao público familiar en emprazamentos céntricos dos concellos galegos para mostrar a maxia que ten Galicia a veciños e a visitantes neste Xacobeo 21-22. A programación do festival contará ademais con 7 desafíos extremos levados a cabo neste período por distintos artistas en lugares emblemáticos das 7 grandes cidades. As urbes galegas converteranse en capitais mundiais do ilusionismo e acollerán tamén 7 grandes galas internacionais de maxia coa presenza dos mellores magos e magas do mundo. A iniciativa ten unha parte solidaria con espectáculos previstos nas plantas de Pediatría dos principais hospitais galegos aos que se desprazarán os propios artistas para facer partícipes do festival e achegar a ilusión aos cativos ingresados.
-
Entre a escolma de obras que presenta a mostra destacan xoias documentais e bibliográficas, como o primeiro himno na honra de Santiago O Maior, O Dei Verbum, conservado nun breviario do século IX, ou unha tradución temperá ao galego-portugués do Liber Sancti Iacobi. Miragres de Santiago, datada no s. XIV ou comezos do XV. Ademais, exhibe dúas importantes pinturas con temática xacobea: El Apóstol Santiago (1655) de Murillo e Julián Romero y su santo Patrono (1585-1589) da escola de El Greco, ambas cedidas polo Museo del Prado.
-
Galicia viviu un inverno moi cálido e seco durante o que se rexistrou a menor cantidade de precipitacións da última década, xa que hai que remontarse ata o ano 2012 para atopar rexistros de chuvia aínda máis baixos. Así se conclúe no resumo do informe elaborado por MeteoGalicia sobre o inverno climatolóxico, que abrangue os meses de decembro, xaneiro e febreiro e ten en conta os datos recollidos nas estacións máis representativas da Comunidade así como a súa evolución durante o período de referencia 1981-2010. No que respecta ao comportamento das temperaturas, o trimestre foi moi cálido, algo ao que contribuíu sobre todo un decembro no que tanto as máximas como as mínimas se mantiveron en valores elevados durante case todo o mes.
-
O Centro Galego de Arte Contemporánea convida a percorrer a historia da arte recente a través da mostra Cruzamentos na arte galega da Colección CGAC, con obras incorporadas aos fondos do museo nas dúas últimas décadas. Comisariada polo director do CGAC, Santiago Olmo, e Sara Donoso, doutora en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela e graduada en Belas Artes pola Universidade de Vigo, a iniciativa volve situar a colección do CGAC como un eixe imprescindible e central do seu traballo e misión. A exposición caracterízase pola súa diversidade e riqueza plástica, tanto na traxectoria coma na orixe dos artistas representados.
-
Os establecementos hoteleiros galegos triplicaron en xaneiro o número de viaxeiros e superaron en máis do dobre o número de noites consumidas respecto de xaneiro do ano pasado, segundo os datos recollidos no informe de Conxuntura Turística Hoteleira publicada hoxe polo Instituto Nacional de Estatística (INE). Deste xeito, Galicia rexistrou en xaneiro un total de 127.380 viaxeiros e 236.312 noites cunha estadía media de 1,9 noites. Estas cifras tradúcense en que Galicia mantén un bo ritmo de recuperación da demanda turística galega, que recupera este mes o 76% da demanda turística respecto a 2019.