Noticias
-
Galicia rexistrou durante esta ponte unha ocupación media ata o luns dun 75-80%, onde destaca a ocupación por riba do 90% nos hoteis de 4 estrelas ou superiores, así como nos que ofertan spa ou similares, ademais do turismo rural, no que algúns establecementos da provincia de Ourense acadaron o 100%. O sábado rozouse a plena ocupación en boa parte dos destinos galegos, cifras que foron baixando paulatinamente nas noites de domingo e luns.
-
A Cidade da Cultura de Galicia deu a coñecer no marco da feira Culturgal as actividades de Nadal que terán lugar no Gaiás a partir do 17 de decembro. A programación conta cunha instalación no interior do museo a cargo da recoñecida artista Ana Inés Jabares-Pita, que recreará o Camiño de Inverno a través de bólas de neve a escala humana. A Orquestra Sinfónica de Galicia ofrecerá na xornada inaugural un gran concerto co acompañamento da cantaora Marina Heredia no que interpretarán obras de García Lorca e Falla.
-
A Delegación Territorial da Xunta en Lugo acolleu a presentación da 50ª edición do Belén de Begonte, que abrirá as súas portas entre o 4 de decembro e o 29 de xaneiro de 2022. A cita, declarada de interese turístico galego, recupera así a presencialidade despois de celebrar o ano pasado unha edición virtual por mor das restricións impostas a causa da pandemia. Porén, tamén poderá ser visitado a través da súa web, que recolle a historia e outra información de interese sobre o proxecto. A versión virtual do Nacemento estará dispoñible en galego, castelán e inglés.
-
Outubro confirmou o excelente ritmo de recuperación da demanda turística en Galicia, segundo os últimos datos achegados polo Instituto Nacional de Estatística (INE). Con preto de 402.000 viaxeiros aloxados e máis de 754.000 noites, os hoteis galegos pecharon o mes pasado triplicando o dato do ano pasado, o que se traduce nunha recuperación do 95% da demanda turística dos hoteis galegos, 15 puntos mellor que o conxunto do Estado.
-
A Xunta e os hostaleiros acordaron solicitar o certificado covid -tanto de vacinación como de recuperación da enfermidade ou proba negativa- para acceder aos locais do sector co obxectivo de garantir a seguridade sanitaria debido ao aumento dos contaxios nas últimas semanas pero causando o mínimo prexuízo posible ao sector. O Goberno galego, dacordo cos hostaleiros, proporá solicitar o certificado covid na hostalería, que require autorización previa do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). A previsión é solicitalo nos restaurantes durante todo o seu horario de apertura e nos bares e cafetarías a partir das 21,00 horas.
-
A primeira edición de Sinsal Museo do Mar ofrecerá tres xornadas de música que xuntarán tradición e vangarda, comezando polas sonoridades do jazz, do folk ou do indie que transita Luísa Sobral, unha das voces novas máis salientables de Portugal. En canto aos concertos da vindeira semana, o recinto museístico contará con dous escenarios situados nas salas Curiosidades científicas e Lonxa. Na primeira delas, terán lugar na tarde do sábado 20 os acústicos do compositor e produtor británico, residente en Vigo, Adrian Timms e mais de Rebe, unha das revelacións da escena musical española.
-
A Biblioteca Nacional Española inaugurou hoxe a exposición Xacobeo. As pegadas do Camiño, a nova mostra coorganizada coa Xunta de Galicia e Acción Cultural Española que repasa as testemuñas e pegadas que o Camiño de Santiago deixou nos últimos séculos na historia, na cultura, na arte, na literatura ou nas paisaxes a través dunha selección de máis de 200 pezas únicas procedentes de fondos de distintas institucións e coleccións particulares. Esta mostra enmárcase na programación cultural do Goberno autonómico polo Xacobeo 21-22.
-
Ponse en marcha o novo ciclo 'Música en salas', que ofrecerá durante dous meses 135 concertos de 115 artistas e bandas galegas en 19 locais das catro provincias. Esta iniciativa xurde da Asociación Galega de Salas de Música ao Vivo Clubtura para impulsar a recuperación da actividade musical en directo neste tipo de espazos, ademais de contar coa complicidade de Músicas ao Vivo como entidade que representa os intereses dos intérpretes. Os obxectivos e a programación de Música en salas foron detallados en Vigo no transcurso da presentación que tivo lugar en La Fábrica de Chocolate Club, e que contou cunha breve interpretación musical de Los EP.
-
Entre as e os artistas que fotografaron os lugares, camiños e as xentes da parte galega desta ruta desde o século XIX ata os nosos días, e que aparecen compilados nesta nova exposición, cóntanse José Suárez, Otto Wunderlich, Carmenchu Alemán, José Moreira, Joaquín Pintos, Jaime Pacheco ou Vari Caramés, entre outros moitos. Por outra banda, nos vieiros do percorrido en Portugal, os rostros e vilas que o poboan foron retratadas por Artur Pastor, Emilio Biel, Alberto Marçal Brandão, Octávio Lixá Filgueiras, Nicolás Muller, Juan Rodríguez, Juan Manuel Castro Prieto, Guedes, José Gouveia Gomes Junior, Aurelio Paz dos Reis ou Helga Schmidt-Glassner.
-
O Salón Teatro de Santiago de Compostela acolle todos os xoves deste mes o ciclo de espectáculos en lingua portuguesa Quintas do Camões, organizado polo Centro Dramático Galego e a sede de Vigo do Centro Cultural Português do Camões. Haberá tres funcións que se desenvolverán os días 14, 21 e 28 de outubro. O Centro Dramático de Viana/Teatro do Noroeste, de Viana do Castelo, abrirá mañá este novo programa coa obra sobre a manipulación informativa Rottweiler, do dramaturgo Guillermo Heras.