Skip to main content

Noticias

  • O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, informou esta mañá da decisión do comité clínico de ampliar, en liñas xerais, os aforos do 75 ao 90% no locais de diferentes eidos sociais, agás no caso do lecer nocturno. O anuncio prodúcese logo de que comunidade galega se situase, xunto con Asturias, nunha das comunidades autónomas cuxa incidencia acumulada xa se empraza nunha situación de risco epidemiolóxico controlado, ou tamén denominada fase de nova normalidade. Así, Galicia rexistra unha incidencia acumulada a 7 días de 8,6 casos por cada 100.000 habitantes, e de 22,9 casos, no seu cómputo a 14 días.
  • A Xunta de Galicia estivo presente en Sevilla na primeira edición da Convención de Turespaña, un foro de encontro e reflexión de tres xornadas dirixido aos destinos turísticos españois co obxectivo de afondar na cogobernanza e onde a sustentabilidade e a dixitalización están sendo as protagonistas. O Goberno galego compartiu neste foro co resto das comunidades autónomas as boas prácticas que están a permitir a rápida recuperación do turismo no noso territorio. A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, foi a responsable de afondar no traballo da Xunta para facer de Galicia un destino máis sustentable, na liña do modelo turístico da comunidade, baseado nun turismo de tranquilo e de calidade, así como nas accións de promoción que se puxeron en marcha.
  • O festival Underfest presentou hoxe a programación completa da súa cuarta edición, que se desenvolverá do 7 ao 12 de outubro en sete espazos de Vigo e coa que se reafirma como referente musical na oferta cultural de outono. Na súa oferta destacan nomes ben coñecidos da escena estatal e internacional como Mala Rodríguez, Rigoberta Bandini, Maria Arnal i Marcel Bagés, Toundra, Lina e Raül Refree, Vera Fauna, Colectivo Da Silva, Mastodonte, The Mystery Lights ou Leifur James. Destacou tamén a representación galega, con Margarida Mariño, BFlecha, Grande Amore, Sila Lua e The Bo Derek (as artistas femininas supoñen máis do 50% deste cartel).
  • Este mércores día 22 de setembro ás 21.21 horas comeza o outono no hemisferio boreal. Nese intre, o Sol estará no punto Libra da eclíptica atravesando o plano do ecuador dende o hemisferio norte da esfera celeste cara ao sur. A nova estación vaise prolongar ata as 16.59 horas do 21 de decembro, momento en que terá lugar o solsticio de inverno. 'De forma semellante ao que acontece cando se inicia a primavera, estamos en datas nas que teoricamente a noite e o día teñen a mesma duración, de aí a orixe da palabra equinoccio coa que se coñecen estas dúas épocas do ano', explica o responsable do Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC, José Ángel Docobo.
  • O Museo das Peregrinacións e de Santiago acollerá a vindeira semana o ciclo Santiago, historias dun Camiño prodixioso, unha serie de conferencias dedicadas á Ruta Xacobea desde a Historia e a novela histórica que contará coa participación de escritores referentes do xénero e autores de best sellers relacionados coa temática xacobea baixo a dirección de Isabel San Sebastián. Organizada pola asociación Escritores con la Historia e patrocinada pola Xunta de Galicia, a iniciativa arrancará o luns 27 de setembro ás 19,00 horas a cargo da xornalista e escritora Isabel San Sebastián coa charla Alfonso II, o primeiro peregrino.
  • A Xunta presentou seis actuacións de cohesión ás convocatorias de fondos europeos extraordinarios do Plan Turístico Nacional Xacobeo 2021-2022 e o Plan Extraordinario de Sustentabilidade Turística en Destinos, coas que aspira a xestionar 27,75 millóns de euros. As tres actuacións presentadas á primeira convocatoria extraordinaria de Plans de Sustentabilidade Turística en Destinos, o Plan do Litoral, coas que a Xunta aspira a obter 14,6 millóns de euros dos fondos Next Generation, apostan por rehabilitar e mellorar a eficiencia dos portos e impulsar e promocionar a ruta dos faros, a senda litoral, as actividades náutico-deportivas, revitalizar o litoral galego, que afecta a 1.700 quilómetros de costa, concienciando sobre o seu valor natural e patrimonial así como por rehabilitar recursos e espazos singulares da costa galega e incentivando proxectos tractores.
  • Este festival será lugar de encontro de artistas, músicos, poetas e escritores de ambas as dúas beiras do Atlántico que conflúen en Santiago para celebrar a súa diversidade e creatividade cultural. Máis de 30 propostas musicais e artísticas, oito delas aínda inéditas aquí e dúas que serán unha estrea mundial, procedentes dunha decena de países e comunidades autónomas que comparten vínculos con Galicia. Así, ademais dunha ampla representación galega, o cartel inclúe artistas de Catalunya, Portugal, Colombia, Brasil, Mozambique, Cabo Verde, Güiana, Arxentina, Malí, Inglaterra, Sáhara Occidental ou Paraguai que farán que Compostela fale catalán, inglés, mambara, guaraní ou chopi timbilia, entre outros.
  • Percorrer o tempo. Visións contemporáneas do Camiño inclúe unha escolma de fotografía e vídeo e sitúase na zona portuaria, onde permanecerá ata o mes de novembro. Na iniciativa participan artistas de Galicia, como Carla Andrade, Luis Díaz Díaz, Iván Nespereira, Bandia Ribeira e Lúa Ribeira, xunto a profesionais de fóra que representan os diferentes Camiños e enlaces con outras rutas históricas. Así, figuran tamén a inglesa Olivia Arthur, presidenta da Axencia Magnum; o portugués André Cepeda, o francés Michel Le Belhomme, a alacantina Cristina de Middel, que foi Premio Nacional de Fotografía, e o xienense Miguel Ángel Tornero. O docente e artista visual Nicolás Combarro é o comisario da mostra.
  • As conmemoracións do 70 aniversario arrancarán este mes de setembro para achegar o museo ao público a través de visitas e teatralizacións. Comezará este venres 17 de setembro cun itinerario e visita teatralizada a cargo da Compañía TEP que partirá ás 18,00 horas da antiga sede do museo, na Casa Gótica da rúa San Miguel. Haberá, ademais, visitas guiadas ao Museo os días 21, 22 ,23, 24 ás 18,00 horas e o sábado 25 ás 12,00 e ás 18,00 horas. Durante o mes de outubro será a quenda dos obradoiros, conferencias e concertos. Así, o sábado 2 de outubro de 11,30 a 13,30 horas organízanse nos soportais do museo os obradoiros de acibeche e de ourivería.
  • O festival Fisterra Blues Experience chega esta fin de semana á súa quinta edición. A organización presentou hoxe o cartel que desenvolverá o sábado 18 e o domingo 19 e a través da que busca ofrecer unha experiencia cultural e de ocio coa música e o Atlántico como protagonistas. O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, interviñeron hoxe na presentación do festival no Semáforo de Fisterra, xunto aos representantes municipais e a Vítor Velho, de Nordesía Producións, promotora do evento.