Skip to main content

A mostra ‘Percorrer o tempo’ transforma contedores de barco en salas de proxección para amosar a mirada de destacados artistas visuais sobre o Camiño



O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e o presidente da Autoridade Portuaria da Coruña, Martín Fernández Prado, acompañados da comisaria do Xacobeo 21-22, Cecilia Pereira, e da responsable territorial de Fundación “la Caixa”, Susan Santos, inauguraron hoxe na Coruña a mostra Percorrer o tempo. Visións contemporáneas do Camiño, que achega diversas perspectivas das Rutas Xacobeas a través da ollada de dez artistas de primeiro nivel do eido visual e audiovisual, tanto emerxentes como consolidados, como a presidenta da Axencia Magnum, Olivia Arthur, ou a Premio Nacional de Fotografía, Cristina de Middel, entre outros.

Como expresou o conselleiro de Cultura, trátase de “dez olladas únicas que compoñen unha colección definitiva que reúne talentos internacionais e galegos” dando como resultado retratos de paisaxes específicas de distintos itinerários xacobeos, sobre todo do Camiño Francés e da Vía da Prata. “É unha perspectiva distinta e vangardista coa que explorar as posibilidades artísticas do Camiño, convidando aos visitantes a explorar a paisaxe galega coma peregrinos”, expresou.

Como recordou, a mostra que conta co apoio da Fundación “la Caixa”, súmase á programación cultural que a Xunta de Galicia está a organizar no marco da celebración do Xacobeo 21-22 con distintas actividades en todos os eidos culturais e “reforza a capacidade creativa que xera a experiencia do Camiño de Santiago”, engadiu.

Percorrer o tempo. Visións contemporáneas do Camiño inclúe unha escolma de fotografía e vídeo e sitúase na zona portuaria, onde permanecerá ata o mes de novembro. Na iniciativa participan artistas de Galicia, como Carla Andrade, Luis Díaz Díaz, Iván Nespereira, Bandia Ribeira e Lúa Ribeira, xunto a profesionais de fóra que representan os diferentes Camiños e enlaces con outras rutas históricas.

Así, figuran tamén a inglesa Olivia Arthur, presidenta da Axencia Magnum; o portugués André Cepeda, o francés Michel Le Belhomme, a alacantina Cristina de Middel, que foi Premio Nacional de Fotografía, e o xienense Miguel Ángel Tornero. O docente e artista visual Nicolás Combarro é o comisario da mostra.

Itinerancias por Galicia

O traballo fotográfico e audiovisual exponse en grandes contedores de barco habilitados como salas de proxección, onde pode contemplarse como secuencias de imaxes, curtametraxes ou formatos híbridos de fotografía e vídeo. A viaxe entre os diferentes contedores e contidos quere ser un reflexo da propia viaxe dos autores para realizar os seus proxectos, así como o transitar propio do Camiño.

Ademais, a exposición complétase con conferencias e obradoiros impartidos polos artistas participantes. As primeiras sesións terán lugar mañá sábado e o domingo no Museo de Belas Artes da Coruña, coa primeira fotógrafa galega na Axencia Magnum, Lúa Ribeira, e o portugués André Cepeda, de extenso percorrido internacional

Tras o seu paso pola Coruña, onde permanecerá ata novembro, trasladarase ás cidades de Lugo, Ourense, Vigo e Santiago nunha itinerancia que remata en xullo de 2022.
R.