Noticias
-
O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, mantiveron hoxe un encontro con representantes da hostalería para comunicarlles a decisión de retirar a obrigatoriedade de presentar o certificado covid -tanto de vacinación como de recuperación da enfermidade ou proba negativa- para acceder aos locais de hostalería, tras a reunión de onte do comité clínico. Deste xeito, desde as 00,00 horas deste sábado quedará sen efecto esta medida que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) autorizara ata esa data.
-
Galicia propuxo un total de 115 areais para optar á Bandeira Azul 2022. A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, participou esta semana nunha reunión do xurado nacional que concede estes distintivos, onde se deu a coñecer a listaxe de praias de cada comunidade autónoma candidatas na presente edición. Do Campo destacou que a Comunidade galega, coas 115 propostas —37 da Coruña, 19 de Lugo e 59 de Pontevedra—, é a terceira autonomía que máis opcións presentou, por detrás da Comunidade Valenciana e Andalucía. Os valores e o estado actual dos areais candidatos de Galicia foron avaliados xunto cos de Canarias, Asturias, Cantabria e Andalucía.
-
A Cidade da Cultura de Galicia arrinca esta fin de semana na a primeira das propostas da programación de inverno do ciclo Matinais Musicais. Desta volta o cartel inclúe tres concertos para as mañás dos sábados 5 e 12 de febreiro e 5 de marzo que achegarán música de autor da man de Leticia Rey, estilo contemporáneo con Multiplensemble ou tablemusic, a particular maneira coa que o dúo Ual·la! entende as súas cancións con humor intelixente baseándose en elementos da vida cotiá. A cantautora Leticia Rey, natural de Vila de Cruces, foi a gañadora no 2020 do certame que convoca Estudios Mans, da Fundación Paideia, que dá oportunidades a músicos emerxentes.
-
O mes de xaneiro en Galicia pechouse como un período máis seco da última década, con máis de vinte xornadas anticiclónicas continuadas. Esta é unha das principais conclusións que recolle o Informe climatolóxico mensual, elaborado por MeteoGalicia e presentado esta mañá pola conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, acompañada pola meteoróloga Ana Lage. Tal e como explicou Vázquez Mejuto, o primeiro mes do ano resultou moito máis seco do agardado a principios de mes, cando as borrascas aínda circulaban preto de Galicia.
-
Os establecementos extrahoteleiros galegos, que engloban aos apartamentos turísticos, os cámpings e o turismo rural, pecharon 2021 recuperando o 99% da súa demanda turística prepandemia, segundo se desprende dos datos achegados hoxe polo INE. Con preto de 588.000 viaxeiros e case 1,9 millóns de noites, demostraron ser a tipoloxía de aloxamento con mellor recuperación da súa demanda en Galicia.
-
Os hoteis galegos rexistraron en decembro algo máis de 200 mil viaxeiros aloxados e de 390.000 noites, cifra que triplica o mesmo dato de 2020, segundo os datos achegados polo INE no informe da Conxuntura Turística Hoteleira de decembro publicada hoxe. Esta recuperación confirma o avance na recuperación turística de Galicia e supón tamén que no acumulado do ano pasado Galicia superara en case o 90% as cifras de viaxeiros que se aloxaron nos hoteis galegos en 2020, o que nos sitúa como a segunda comunidade autónoma con mellor ritmo de recuperación respecto ao 2020, só por detrás de Baleares no caso do volume de viaxeiros e só por detrás de Baleares e Cataluña no caso da demanda turística.
-
Os trens turísticos consolídanse como unha opción para descubrir Galicia e neste ano poranse en marcha coa previsión de recuperar o número de viaxes e a ocupación anterior á covid. Así, a través de 13 itinerarios atravesaranse faros, pazos, xardíns históricos, mosteiros, a ruta da lamprea, os Camiños de Santiago e as zonas das 5 denominacións de orixe vitivinícolas de Galicia. Como novidade, incorporaranse a Ruta das Mariñas por Betanzos, Pontedeume, Cabanas e Ferrol e a Ruta dos Queixos entre A Coruña e Teixeiro. A iniciativa demostrou ser unha das experiencias máis seguras con rigorosos protocolos anticovid para xerar confianza nos viaxeiros.
-
A nosa comunidade situouse en 25 puntos por riba da media nacional en canto á recuperación da actividade turística con 3,5 millóns de viaxeiros e 8 millóns de noite, e con case 180.000 Compostelas entregadas fronte ás 140.000 previstas. O modelo de turismo tranquilo en espazos abertos que buscan os viaxeiros pospandemia converteu á comunidade nun destino de moda o ano pasado e ao Camiño de Santiago nun reclamo turístico neste Ano Santo. A isto axudaron iniciativas como o seguro coronavirus, o bono turístico ou o traballo de promoción a través da campaña Camiña a Galicia.
-
Este stand acollerá medio cento de presentacións de produtos e destinos turísticos da nosa comunidade nun espazo de máis de 1.000 metros cadrados no que se presentará a Galicia como destino aberto ao turismo internacional da man do Xacobeo e co Camiño de Santiago como eixo central. A 42ª edición da feira internacional de turismo se celebrará de xeito presencial do 19 ao 23 de xaneiro, os tres primeiros días para profesionais do sector e a fin de semana, para o público en xeral. Tamén haberá mostras de produtos enograstronómicos galegos de calidade coa participación de profesionais e de persoal de Centro Superior de Hostelería de Galicia.
-
Galicia rexistrou un mes de decembro normal en canto ás precipitacións e moi cálido no que respecta aos termómetros, ata o punto de que a temperatura media obtida nas estacións máis representativas da Comunidade se situou 2,1º por riba do agardado. Esta anomalía térmica, de feito, fixo que o mes pasado fora o terceiro máis cálido da serie histórica de referencia 1981-2010. Estas son as principais conclusións do avance do último informe climatolóxico de MeteoGalicia, que subliña tamén que decembro tivo tres partes moi diferenciadas, cun período inicial de 10 días no que predominaron as borrascas, con ambiente húmido e temperaturas suaves propias da época; unha segunda parte con outras 10 xornadas de tempo anticiclónico, seco e temperaturas baixas; e unha recta final marcada de novo polas borrascas, aínda que neste caso con vento do sur e temperaturas elevadas.