Skip to main content

Galicia retirará a obrigatoriedade de solicitar o certificado covid no sector da hostalería

Tamén se informou de que non será preciso continuar co rexistro de usuarios e que, en canto á limitación de comensais por mesa, se ampliará de 8 ata un máximo de 10 persoas no interior e pasará de 15 a 20 no exterior.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, engadiu a importancia de manter a obrigatoriedade do uso da máscara no interior dos locais salvo no momento do consumo e de seguir avanzando co sector nas medidas relacionadas coa ventilación. Nesta liña, aclarou que se acordan estas medidas tendo en conta a evolución da situación epidemiolóxica e o bo ritmo de vacinación na comunidade.

Alfonso Rueda indicou que se abre unha nova etapa “deste camiño do que falta moi pouco para volver á normalidade” e agradeceu o esforzo e a responsabilidade do sector desde o primeiro momento da pandemia co cumprimento das medidas e restricións acordadas nos momentos de aumento dos contaxios, o que axudou a “salvar vidas”.

Ademais, lembrou o diálogo fluído e constante en todo este tempo e os acordos aos que se chegou cos hostaleiros en varias ocasións coa posta en marcha de plans cos que precisamente garantir a seguridade sanitaria e que esta se puidese compatibilizar cunha hostalería segura mantendo a actividade económica causando o mínimo prexuízo posible e con independencia da incidencia da covid.

O vicepresidente primeiro da Xunta reiterou o agradecemento aos hostaleiros polo seu esforzo e destacou que o Goberno galego mantívose ao seu lado nos meses máis difíciles da pandemia por ser un dos ámbitos máis afectados polo impacto das restricións. Por iso, a Xunta realizou un importante esforzo o ano pasado para axudar á reactivación do sector turístico no seu conxunto cun investimento de máis de 120 millóns de euros, dos que máis de 90 millóns se corresponden cos pagos realizados á hostalería a través dos 2 primeiros Plans de Rescate da Xunta e 35,7 millóns de euros a distintas liñas de axudas para apoiar ao turismo galego, incluíndo aos locais de hostalería e do ocio nocturno, no marco do plan de choque para o reforzo do sector turístico.
R.