Acordo sobre as medidas a adoptar no ocio nocturno ante a covid: Os negocios poderán elixir entre abrir do 30 de decembro ao 2 de xaneiro ou optar a unha liña de axudas

Nas axudas para os locais que na fin de semana de Fin de Ano decidan pechar estableceranse distintos tramos en función da superficie de cada un: 2.500 euros para os locais de menos de 100 metros cadrados, 5.500 euros para os que teñan entre 100 a 250 metros cadrados, 9.000 euros para os de 250 a 500 metros, 14.000 nos que conten cunha superficie entre 500 e 700 metros, 27.000 euros naqueles que teñan de 700 a 2.000 metros e para os que superen os 2.000 metros fíxanse 45.000 euros. A orde está previsto que se publique en xaneiro co obxectivo de que se comecen a abonar as axudas ao mes seguinte, mantendo a axilidade das anteriores liñas de apoio ao sector.
A continuación, celebrouse un encontro con representantes da hostalería e restauración no que se lembrou que os locais deste sector en Noitevella deberán pechar ás 01,00 horas e non poderán abrir antes das 09,00 horas do 1 de xaneiro. Ata o 18 de xaneiro, tal como acordou o comité clínico na última reunión, o horario de apertura neste sector fíxase ás 00,00 horas todos os días, salvo os venres e sábados que se amplía ás 01,00 h.
Alfonso Rueda lembrou a importancia do diálogo fluído e constante con ambos sectores desde o comezo da pandemia cos que chegou a acordos como os de hoxe co ocio nocturno e coa posta en marcha de plans cos que garantir a continuidade da actividade. Tamén agradeceu o compromiso para asumir as restricións cando a evolución da covid o require, ademais da necesidade de cumprir as normas para frear o avance do virus.
O Goberno galego mantívose ao lado dos hostaleiros nos meses máis difíciles da pandemia e leva feito un importante esforzo neste ano para axudar á reactivación do sector turístico no seu conxunto cun investimento que xa se achega aos 130 millóns de euros, dos que máis de 90 millóns se corresponden cos pagos realizados á hostalería a través dos 2 primeiros Plans de Rescate da Xunta e máis de 30 millóns ao plan de choque para reactivar o turismo galego.
No que se refire ao ocio nocturno - discotecas, pubs, cafés-espectáculo, salas de festa, salas de concerto e outros asimilables-, a Xunta suma coas axudas acordadas hoxe máis de 6,2 millóns de euros mobilizados para minimizar o impacto derivado do peche.
Medidas adoptadas polo comité clínico
Entre as novas medidas, destaca tamén a obrigatoriedade de presentar o certificado covid para acceder aos restaurantes e no ocio nocturno durante todo o día, estendéndose a todo o horario de apertura tamén nos bares e cafetarías, onde ata agora só se requiría desde as 21,00 horas. Ademais, volverá a prohibición de consumir nas barras e manterase a limitación dun máximo de 8 persoas por mesa no interior dos locais e de 10 nas terrazas.
R.