Skip to main content

Celebrado o acto institucional de inauguración da liña de Alta Velocidade ferroviaria Madrid-Ourense

Un fito, engadiu, que coincide no tempo coa conmemoración doutros dous acontecementos transcendentes para a Comunidade: os 40 anos do Estatuto de Autonomía de Galicia e a celebración do Ano Santo dobre e extraordinario, un dos grandes motores de recuperación e reactivación social e económica.

Feijóo lembrou que, malia o atraso acumulado polas obras e mentres operaba noutras zonas de España, Galicia está decidida a aprender das experiencias doutros territorios, dos seus erros e acertos, para obter do AVE toda a rendibilidade que traerá á Comunidade.

Agora que o tempo de viaxe entre Ourense e Madrid queda rebaixado a 2 horas e 15 minutos, sinalou que se fai xustiza co interior da Comunidade e fixo un chamamento a sacar o maior rendemento ás estacións da cidade e a da Gudiña, pois o AVE abre un novo e interesante camiño que amosa a Ourense como escaparate. “O ferrocarril é quen de constituír unha alternativa sólida ao avión e un recurso de gran eficacia para a atracción turística”, observou.

Con todo, Feijóo insistiu en que o AVE deberá deterse na estación ourensá mentres non se poñan a disposición os trens de rodadura desprazable, polo que asegurou que é irrenunciable que o resto de cidades galegas poidan sumarse “canto antes” ao mapa da alta velocidade ferroviaria.

Na mesma liña afirmou que é imprescindible que se cumpran os tempos de conexión de pouco máis de tres horas entre Madrid e todas as cidades galegas, atendendo á propia planificación ferroviaria aprobada e comprometida polos distintos Gobernos de España para poñer en valor o multimillonario investimento do AVE do Noroeste.

Así, e tras sinalar a exitosa acollida da posta en servizo do Eixo Atlántico ferroviario como a liña de media distancia con máis pasaxeiros de España en 2016, resaltou a demanda de que se estendan os beneficios da alta velocidade ferroviaria tamén ata Ferrol e Lugo, despexando toda sombra de incerteza sobre as conexións ferroviarias de Vigo, así como a conexión con Portugal.

O presidente da Xunta tamén se referiu ás liñas de alta velocidade como as arterias que poden comunicar un país e facer unha nación máis vertebrada e máis cohesionada, en sintonía coa desexo de Galicia de estar máis preto da realidade á que pertence con orgullo, unha Comunidade que quere e pode contribuír á prosperidade de España e de Europa se conta cos instrumentos axeitados.

Finalmente, Feijóo recoñeceu o labor de empresas, enxeñeiros e traballadores públicos para sacar adiante un “colosal desafío” técnico pola complexidade da orografía, e agradeceu a meritoria labor dos responsables públicos do Goberno de España, a todos os presidentes do Goberno e ministros implicados polo impulso á infraestrutura, mesmo durante a pasada crise económica.
R.