Skip to main content

Galicia rexistrou preto de 231.000 viaxeiros e máis de 434.000 noites, triplicando as cifras do mesmo período do ano pasado

No que vai de ano, Galicia recibiu nos seus hoteis 2,9 millóns de viaxeiros que pasaron 6,1 millóns de noites. Sumada esta cifra ao acumulado ata outubro de viaxeiros e noites en establecementos extrahoteleiros, Galicia suma xa case 3,5 millóns de viaxeiros e preto de 8 millóns de noites, cifras que permiten ao noso territorio seguir mantendo un comportamento 22 puntos mellor ca media nacional no que atinxe á recuperación da demanda turística.

Por segmentos, o mercado nacional recupera o 98% da demanda turística de novembro de 2019 mentres que o mercado internacional recupérase nun 70%, ao tempo que tamén melloran as cifras de rendibilidade dos establecementos hoteleiros galegos superándose notablemente as do pasado ano –en máis do triplo- e tamén as de 2019 en case tres puntos. O volume de ingresos totais do sector hoteleiro supera levemente os 17millóns de euros, o terceiro máis elevado acadado ata o momento.

Distribución por provincias

Co 47% nas noites hoteleiras a provincia da Coruña liderou o mercado turístico no mes de novembro, seguido de Pontevedra (32%), Lugo ( 12%) e Ourense (9%), o que se traduce nunha recuperación do 95% da demanda de 2019 na Coruña mentres que Pontevedra recupera o 86%, Lugo o 76% e Ourense fica no 70% da demanda de hai dous anos.
R.