Skip to main content

Noticias

  • Galicia viviu un inverno moi cálido e seco durante o que se rexistrou a menor cantidade de precipitacións da última década, xa que hai que remontarse ata o ano 2012 para atopar rexistros de chuvia aínda máis baixos. Así se conclúe no resumo do informe elaborado por MeteoGalicia sobre o inverno climatolóxico, que abrangue os meses de decembro, xaneiro e febreiro e ten en conta os datos recollidos nas estacións máis representativas da Comunidade así como a súa evolución durante o período de referencia 1981-2010. No que respecta ao comportamento das temperaturas, o trimestre foi moi cálido, algo ao que contribuíu sobre todo un decembro no que tanto as máximas como as mínimas se mantiveron en valores elevados durante case todo o mes.
  • O Centro Galego de Arte Contemporánea convida a percorrer a historia da arte recente a través da mostra Cruzamentos na arte galega da Colección CGAC, con obras incorporadas aos fondos do museo nas dúas últimas décadas. Comisariada polo director do CGAC, Santiago Olmo, e Sara Donoso, doutora en Historia da Arte pola Universidade de Santiago de Compostela e graduada en Belas Artes pola Universidade de Vigo, a iniciativa volve situar a colección do CGAC como un eixe imprescindible e central do seu traballo e misión. A exposición caracterízase pola súa diversidade e riqueza plástica, tanto na traxectoria coma na orixe dos artistas representados.
  • Os establecementos hoteleiros galegos triplicaron en xaneiro o número de viaxeiros e superaron en máis do dobre o número de noites consumidas respecto de xaneiro do ano pasado, segundo os datos recollidos no informe de Conxuntura Turística Hoteleira publicada hoxe polo Instituto Nacional de Estatística (INE). Deste xeito, Galicia rexistrou en xaneiro un total de 127.380 viaxeiros e 236.312 noites cunha estadía media de 1,9 noites. Estas cifras tradúcense en que Galicia mantén un bo ritmo de recuperación da demanda turística galega, que recupera este mes o 76% da demanda turística respecto a 2019.
  • O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda, a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, e o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, mantiveron hoxe un encontro con representantes da hostalería para comunicarlles a decisión de retirar a obrigatoriedade de presentar o certificado covid -tanto de vacinación como de recuperación da enfermidade ou proba negativa- para acceder aos locais de hostalería, tras a reunión de onte do comité clínico. Deste xeito, desde as 00,00 horas deste sábado quedará sen efecto esta medida que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) autorizara ata esa data.
  • Galicia propuxo un total de 115 areais para optar á Bandeira Azul 2022. A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, participou esta semana nunha reunión do xurado nacional que concede estes distintivos, onde se deu a coñecer a listaxe de praias de cada comunidade autónoma candidatas na presente edición. Do Campo destacou que a Comunidade galega, coas 115 propostas —37 da Coruña, 19 de Lugo e 59 de Pontevedra—, é a terceira autonomía que máis opcións presentou, por detrás da Comunidade Valenciana e Andalucía. Os valores e o estado actual dos areais candidatos de Galicia foron avaliados xunto cos de Canarias, Asturias, Cantabria e Andalucía.
  • A Cidade da Cultura de Galicia arrinca esta fin de semana na a primeira das propostas da programación de inverno do ciclo Matinais Musicais. Desta volta o cartel inclúe tres concertos para as mañás dos sábados 5 e 12 de febreiro e 5 de marzo que achegarán música de autor da man de Leticia Rey, estilo contemporáneo con Multiplensemble ou tablemusic, a particular maneira coa que o dúo Ual·la! entende as súas cancións con humor intelixente baseándose en elementos da vida cotiá. A cantautora Leticia Rey, natural de Vila de Cruces, foi a gañadora no 2020 do certame que convoca Estudios Mans, da Fundación Paideia, que dá oportunidades a músicos emerxentes.
  • O mes de xaneiro en Galicia pechouse como un período máis seco da última década, con máis de vinte xornadas anticiclónicas continuadas. Esta é unha das principais conclusións que recolle o Informe climatolóxico mensual, elaborado por MeteoGalicia e presentado esta mañá pola conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, acompañada pola meteoróloga Ana Lage. Tal e como explicou Vázquez Mejuto, o primeiro mes do ano resultou moito máis seco do agardado a principios de mes, cando as borrascas aínda circulaban preto de Galicia.
  • Os establecementos extrahoteleiros galegos, que engloban aos apartamentos turísticos, os cámpings e o turismo rural, pecharon 2021 recuperando o 99% da súa demanda turística prepandemia, segundo se desprende dos datos achegados hoxe polo INE. Con preto de 588.000 viaxeiros e case 1,9 millóns de noites, demostraron ser a tipoloxía de aloxamento con mellor recuperación da súa demanda en Galicia.
  • Os hoteis galegos rexistraron en decembro algo máis de 200 mil viaxeiros aloxados e de 390.000 noites, cifra que triplica o mesmo dato de 2020, segundo os datos achegados polo INE no informe da Conxuntura Turística Hoteleira de decembro publicada hoxe. Esta recuperación confirma o avance na recuperación turística de Galicia e supón tamén que no acumulado do ano pasado Galicia superara en case o 90% as cifras de viaxeiros que se aloxaron nos hoteis galegos en 2020, o que nos sitúa como a segunda comunidade autónoma con mellor ritmo de recuperación respecto ao 2020, só por detrás de Baleares no caso do volume de viaxeiros e só por detrás de Baleares e Cataluña no caso da demanda turística.
  • Os trens turísticos consolídanse como unha opción para descubrir Galicia e neste ano poranse en marcha coa previsión de recuperar o número de viaxes e a ocupación anterior á covid. Así, a través de 13 itinerarios atravesaranse faros, pazos, xardíns históricos, mosteiros, a ruta da lamprea, os Camiños de Santiago e as zonas das 5 denominacións de orixe vitivinícolas de Galicia. Como novidade, incorporaranse a Ruta das Mariñas por Betanzos, Pontedeume, Cabanas e Ferrol e a Ruta dos Queixos entre A Coruña e Teixeiro. A iniciativa demostrou ser unha das experiencias máis seguras con rigorosos protocolos anticovid para xerar confianza nos viaxeiros.