Noticias
-
Galicia rexistrou un mes de abril moi cálido e seco, segundo o avance do informe climatolóxico mensual elaborado por Meteogalicia. O mes de abril caracterizouse pola chegada de masas de aire cálido procedentes do sur, que deixaron unhas temperaturas medias moi elevadas para este mes, particularmente, no caso das máximas no interior. En canto ás chuvias, houbo un déficit con respecto ao que sería normal en abril, pero non moi acusado, xa que a mediados do mes tivemos una chegada de río atmosférico que aportou cantidades apreciables de chuvia.
-
Galicia contará este ano cun total de 113 praias pertencentes a 34 municipios galardoadas coa bandeira azul, un distintivo de carácter internacional co que a Asociación de educación ambiental e do consumidor (Adeac) recoñece anualmente a areais de todo o mundo seleccionados en base a unha serie de criterios de sustentabilidade, accesibilidade e servizos. Desde xeito, Galicia concentra case unha de cada cinco bandeiras concedidas en todo o país e consolida a súa posición entre as tres comunidades autónomas que reciben cada ano un maior número de distintivos para as súas praias, só superada por Valencia (135) e Andalucía (127).
-
Os responsables da programación cultural dos 92 concellos participantes ultiman nestes momentos a carteleira que desenvolverán este verán ao abeiro do circuíto. Contan para este xestión coa plataforma galescena.gal, desde a que teñen acceso ao catálogo dos espectáculos que se inscribiron nesta 11ª edición a partir dunha convocatoria pública para compañías escénicas e grupos de música profesionais con sede en Galicia. Cultura no Camiño mantén como prioridade a dinamización cultural das localidades polas que discorren os camiños de Santiago ao seu paso por Galicia.
-
A quinta edición do Verbena Fest celebrarase os días 4 e 5 de agosto e terá de novo como escenario o local Meigallo, cunha terraza ao aire libre con capacidade para 1000 persoas. O sábado celebrarase a xornada principal, con música desde as 13.00 horas; os concertos serán de balde ata as 20.00 horas e a continuación de pago ata as 2.00 horas da madrugada do domingo. As entradas darán acceso aos concertos de Second, Sexy Zebras, Kamikaze Helmets e El Chico López. O cartel do sábado completarase coa actuación previa, pola tarde, de Malenne, Louband e Los Naipes.
-
Foi presentado o festival Ouren Sound Fest, que se desenvolverá do 25 ao 28 de maio. Destaca a relevancia da programación desta VIII edición, que contará con grupos de renome como é Andrés Calamaro, os grupos revelación do 2022, Shinova e Cariño; e en música urbana, artistas como DePedro. O festival ten como obxectivo principal dinamizar a cidade de Ourense, dotándoa de contidos culturais que non só se limitan a realización do propio festival, e que o mesmo tempo é un motor turístico e patrimonial. O Ouren Sound Fest é moito máis que un festival de música, é un medio de difusión e concienciación de determinados oficios.
-
O bo tempo meteorolóxico e as reservas de última hora para os días festivos, especialmente a partir do xoves permitiron que Galicia peche unha Semana Santa cunha ocupación media por riba das previsións establecidas polo sector en boa parte dos destinos turísticos galegos, que o sector sitúa no 85%, chegando o 100% nalgunhas zonas. O perfil maioritario do turista que se achegou a Galicia foi de orixe nacional aínda que nalgúns destinos, como Santiago de Compostela e A Coruña, a proporción do turista internacional foi superior á media. Destaca o incremento do turismo interno, xa que moitos cidadáns galegos se animaron a viaxar pola comunidade durante a Semana Santa.
-
Este festival, volve a presentar un cartel con artistas de primeira liña: Nicky Jam, Jason Derulo, os irlandeses Two Door Cinema Club, Rels B, Sidecars. Tamén estarán Shinova E Danny Ocean. Este primeiro avance complétano Lali, Emilia, Vilán Antillano, Aleesha, Les Castizos, Samuraï e Berto. Xa neste avance vese a aposta do festival por aglutinar talento internacional, nacional e galego para volver ser un dos festivais máis importantes de toda España. O Morriña Fest afronta a súa terceira edición despois do gran éxito da primeira e a segunda cunha gran acollida por parte do público xa que, o ano pasado, máis de 40.000 persoas se deron cita para corear os temas dalgúns dos artistas máis relevantes do panorama actual.
-
Artistas nacionais e internacionais actuarán en Lugo os días 11, 12 e 13 de maio no marco do sétimo festival Fa Ce La Fest. Os concertos serán na sala Clavicémbalo e na explanada exterior do auditorio Gustavo Freire -aínda queda algunha outra ubicación por determinar. Destaca a presenza da bilbaína La Bien Querida e os cantantes estadounidenses Micah P. Hinson e Ron Gallo. No apartado nacional figuran tamén Depresión Sonora (Madrid) e El Último Vecino (Barcelona); xunto con propostas de música internacional tan variadas como as dos Neatbeats (Xapón); The Shadracks (Reino Unido); Na Noise (Nova Zelanda); e Fee Reega (alemana afincada en Asturias).
-
O Festival RESIS, creado no 2018 polo compositor coruñés Hugo Gómez-Chao é un extraordinario evento artístico que se sustenta na integración de propostas musicais de vangarda co patrimonio e os espazos naturais da Coruña, achegando a música contemporánea á cidadanía. A cita musical, considerada como un dos mellores eventos de música contemporánea de España, mantén o alto nivel dos programas anteriores.
-
Os Trens Turísticos de Galicia son unha proposta desenvolvida por Turismo de Galicia, composta por catorce rutas ao longo de toda a xeografía galega, onde descubrir diversos recunchos do noso país: desde achegarse ao punto máis setentrional da Península Ibérica ou a uns dos cantís dos máis altos da Europa continental, ata descubrir as paisaxes de socalcos da viticultura heroica ou pasear por xardíns de pazos con camelias en flor. Todo isto complementado con outros elementos tan importantes como a gastronomía e a historia.