Skip to main content

Noticias

  • Creada no Xacobeo 2010 pola S.A Xacobeo como revista de investigación sobre o Camiño de Santiago e as peregrinacións, Ad Limina conta cunha versión impresa e outra dixital que lle permite unha ampla difusión e o recoñecemento internacional da alta calidade dos traballos que leva publicados ao longo destes 14 números. Está vinculada ao Comité de Expertos do Camiño de Santiago, que ten en Paolo Caucci o seu presidente de honra. O Centro Internacional de Acollida ao Peregrino acolleu a presentación do novo número da revista, coordinada polo profesor Carles Sánchez Márquez, da Universitat Autònoma de Barcelona e Museu de Terrasa, e que conta con nove traballos de investigación arredor de Cataluña e o Camiño de Santiago, e outras investigacións e recensións de publicacións.
  • O Foro Celta nace co obxectivo fundamental de converter a unión destes territorios en motor de desenvolvemento sustentable, de prosperidade e de benestar para as súas poboacións. Trátase así de sumar esforzos para a posta en valor do patrimonio cultural destes territorios, da optimización dos recursos comúns e a posta en común dunha visión de futuro compartida. A Declaración de Rennes, asinada por todos os asistentes, recolle a aposta destes pobos por reforzar a cooperación intercéltica nas relacións institucionais, no eido das actividades marítimas, na educación e a formación a prol da mobilidade, na valorización, promoción e coñecemento do patrimonio, e no desenvolvemento das enerxías renovables.
  • Galicia rexistrou un mes de xullo seco e con temperaturas normais para este período, segundo o avance do último informe climatolóxico mensual elaborado por Meteogalicia. Este período caracterizouse pola presenza dunha zona de aire frío en capas medias e altas da atmosfera no Atlántico norte que impediu que o anticiclón se movese cara ao norte, deixando a Galicia en zonas intermedias, con máis predominio anticiclónico, pero con achegamentos frecuentes de frontes atlánticas febles e sen aproximacións de masas de aire norteafricanas. Así, a anomalía media da temperatura para este mes, obtida a partir dos datos rexistrados en 11 estacións meteorolóxicas representativas, foi de 0,2 graos, o que fai que xullo poida considerarse como normal.
  • O obxectivo desta acción é “fomentar a sensibilización e concienciación da cidadanía, impulsar o coñecemento sobre estes bens e incentivar as boas prácticas e iniciativas de preservación que permitan que un dos maiores tesouros de Galicia sexa legado ás xeracións vindeiras nas mellores condicións”. A campaña difunde imaxes de bens como a Catedral de Santiago de Compostela, o Santuario de Santo Andrés de Teixido en Cedeira, a Muralla romana de Lugo ou o Mosteiro de San Pedro de Rocas en Esgos. Aparecen tamén o Castro de Viladonga en Castro Rei, os petróglifos do Parque Arqueolóxico da Arte Rupestre de Campo Lameiro, os Muíños do Folón e do Picón no Rosal ou a Igrexa da Veracruz no Carballiño.
  • A Cidade da Cultura convida a gozar dun agosto musical cos dez concertos de Atardecer no Gaias, festival que achega a Santiago nomes como Bejo, Natalia Lacunza ou o francés Ben L’oncle Soul. O Gaiás recibirá a Catuxa Salom, galega de raíces arxentinas que abandonou Madrid por unha aldea de Lugo, onde nace a súa música. Os seus temas son un canto á vida rural, ao ecofeminismo e ás composicións que fusionan o folclore galego con ritmos latinoamericanos baixo unha envoltura electrónica. O venres será a quenda de Elia Galdo, coruñesa, coñecida como KYR4, unha das grandes promesas do rap español, que comezou en 2021 a compoñer as súas primeiras cancións.
  • Na Asociación Amigos del Camino de Santiago y de la Santa Cruz de Cuenca tívose en conta o seu labor para potenciar e coordinar a revitalización, defensa, conservación, investigación, limpeza, protección e potenciación do patrimonio histórico-cultural dos Camiños de Santiago e os camiños que percorreu Fray Francisco de la Cruz. No caso da Asociación de Amigos del Camino de Río Grande do Sul de Brasil, o xurado valorou o esforzo revitalizador e promocional dos valores propios dos Camiños de Santiago feito por esta entidade que leva desde o ano 1999, apoiando e informando a peregrinos e desenvolvendo actividades para promover a Ruta Xacobea desde o eido cultural e histórico.
  • Redecinema é un ciclo de proxeccións de filmes en galego en formato cinema de verán (ao exterior e con gran pantalla) que viaxará por 18 concellos membros da Rede de Dinamización Lingüística durante os meses de estío. Para chegar a todos os públicos, a compañía ofrece a cada concello a oportunidade de elixir entre os títulos do seu catálogo: Cuñados, Melancolía, A Galiña Turuleca, A illa das mentiras, Engurras, Eroski-paraíso, Jacinto e O que arde. O primeiro pase será este sábado 15 na praza do Concello de Negreira, onde as persoas interesadas poderán achegarse ás 22,30 horas para gozar do filme de animación infantil e familiar A galiña Turuleca.
  • PortAmérica 2023, o festival que une música e gastronomía de calidade e no que prima a sostibilidade, acada a súa 11 edición nun entorno natural extraordinario, como é a azucreira de Portas. O festival converteuse xa nun emblema dos festivais galegos e tense convertido pola súa orixinalidade nun festival distinto, familiar, con 30 chefs cociñando en directo, e con grandes artistas nacionais e internacionais, como Sebastián Yatra, Nicki Nicole, Bad Gyal, Guitarricadelafuente, Deluxe, M Clan, Loquillo, Molotov ou Jorge Drexler. De feito, o espazo showrocking, acollerá a 30 chefs internacionais que suman 14 Estrellas Michelin para facer a fusión perfecta entre ritmo e cociña.
  • O Festival Abanea celebrará entre o 26 e o 30 de xullo a súa segunda edición cun programa de danza que distribuirá 15 funcións de 10 compañías entre os concellos de Gondomar, Foz, Outes e Allariz co apoio da Xunta de Galicia. ISMO Cultura, colectivo organizador do encontro, espallará así a actividade do certame ás catro provincias. Foz marcará o inicio desta segunda edición o 26 de xullo, coa exhibición na praza do Conde Fontao das pezas Vestirme de ti, da bailarina galega Nuria Sotelo xunto a Clara Ferrão; A raíz, do porriñés Daniel Rodríguez, e Human 21, da catalá Sandra Macià. A actividade en Foz incluirá tamén o obradoiro-espectáculo de Marta Alonso Tejada Discoteca de Señoras e a Pista de baile, actividade de mediación co público. Estas dúas accións reproduciranse en todas as localidades implicadas.
  • A Rede Galega de Teatros e Auditorios, circuíto de exhibición de espectáculos xestionado pola Xunta e as administracións locais adheridas, renova a súa programación semestral con 176 funcións escénicas e musicais en 36 concellos ata final de ano. Esta carteleira, de ámbito profesional e maioritariamente de produción galega, está cofinanciada pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades con 278.000 euros.O novo período de actividade está conformado por 160 representacións escénicas de 93 espectáculos (deles, 70 están dirixidos a público familiar, haberá 13 funcións de danza, nove de circo e 14 de maxia) a cargo de 76 compañías, e polos concertos de 14 formacións musicais.