Skip to main content

A Cidade da Cultura convida a gozar dos dez concertos de agosto de Atardecer no Gaiás con actuacións como Bejo, Natalia Lacunza ou Ben L’oncle Soul

Xunto a eles, pasarán en agosto polo Gaiás bandas galegas emerxentes, como Lontreira ou Moura, así como as formacións gañadoras do certame Xuventude Crea: Faíscas e Xa’lum. A edición complétase co rock dos madrileños Parquesvr e coas melodías da mallorquina Júlia Colom.

Música urbana e pop electrónico

A actuación do canario Bejo (10 de agosto) preséntase como un dos concertos máis agardados. Con colaboracións con artistas internacionais tan coñecidos como Eminem e Nas e nacionais, como Blasfem, Macaco ou Ana Mena, a súa estética desbaratada e a súas rimas barrocas fan de Bejo un dos nomes máis populares da música urbana en España.

Cómpre destacar as dúas actuacións que pecharán o festival na última semana de agosto. Por unha banda, o francés Ben l’Oncle Soul (30 de agosto), que se ten consolidado como unha das grandes voces internacionais coa súa mestura de R&B vangardista coas raíces do soul espiritual. Ao Gaiás achegarase para defender os temas de Is it you?, o seu novo álbum.

Natalia Lacunza (31 de agosto), que medrou da man de Operación Triunfo, sobrepasou as expectativas do concurso de talentos para consolidarse como unha proposta de sofisticado pop electrónico enriquecido ao longo dos anos coa colaboración dalgúns nomes interesantes da escena independente española.

Con este programa, a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades segue a medrar un festival que vive xa a súa decimo terceira edición e que arrincou no mes de xullo con concertos de artistas como Juancho Marqués, Dulzaro ou Biznaga.

Programa con ritmos diferentes

Atardecer no Gaiás segue a presentarse como unha cita coa ollada posta en bandas galegas que están a despuntar, pero coa vocación de achegar a Galicia propostas atractivas do resto de España e da escena internacional, configurando un programa cunha identidade propia onde atopan cabida ritmos diferentes. Ofrece concertos conectados coa experiencia de mesturar a música co fermoso solpor sobre Santiago desde o monte Gaiás.
Todos os concertos teñen lugar os xoves e venres ás 21,00 horas na Praza Central da Cidade da Cultura, cun espazo alternativo a cuberto no caso de que a choiva non permita que se celebre no exterior. As actuacións, que contan con Cervezas Alhambra como patrocinador principal, son sempre de balde e con acceso libre.
R.