Skip to main content

A nova edición do festival Portamérica unirá música e gastronomía durante tres días en Portas

O director de Turismo de Galicia, Xosé Manuel Merelles, destacou hoxe na rolda de prensa de presentación do PortAmérica 2023, a consolidación deste festival que une música e gastronomía de calidade no que prima a sostibilidade e que xa acada a súa 11 edición nun entorno natural extraordinario, como é a azucreira de Portas.

Xosé Manuel Merelles participou na rolda de prensa xunto ao presidente da Deputación de Pontevedra, Luis López; o alcalde de Portas, Ricardo Martínez; os representantes do Festival, Kin Martínez e Carlos Rodríguez; o representante de patrocinios musicais Estrella Galicia, Juan Martinez Inchausti, e o chef e comisario do showrocking, Pepe Solla.

Merelles indicou que o PortAmérica converteuse xa nun emblema dos festivais galegos e tense convertido pola súa orixinalidade nun festival distinto, familiar, con 30 chefs cociñando en directo, e con grandes artistas nacionais e internacionais, como Sebastián Yatra, Nicki Nicole, Bad Gyal, Guitarricadelafuente, Deluxe, M Clan, Loquillo, Molotov ou Jorge Drexler. De feito, o espazo showrocking, acollerá a 30 chefs internacionais que suman 14 Estrellas Michelin para facer a fusión perfecta entre ritmo e cociña.

“O turismo de festivais está gañando cada vez máis adeptos en Galicia. Comezamos o ano pasado cos concertos do Xacobeo aos que asistiron máis de 1,1 millón de persoas con máis de 500 artistas chegados dende todos os lugares do mundo por máis de 70 concellos da nosa comunidade”, destacou o director de Turismo de Galicia.

Xosé Manuel Merelles salientou que Galicia vai polo bo camiño e estase situando no mapa dos festivais e dos concertos. “Dende o Goberno galego estamos moi orgullosos de ter o privilexio de seguir vendo como, tras o éxito da programación cultural iniciada no Ano Xacobeo, segue este ano con concertos de tan alto nivel e tan ben organizados e en contornas tan orixinais coma esta”, finalizou Merelles.

Neste edición, e aproveitando a vocación gastronómica do festival, a Consellería do Medio Rural a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria vai estar presente no denominado espazo QUEIXIÑO, onde se poderán degustar unha escolla dos viños e queixos premiados en 2022 nas Catas de Galicia.
R.