Skip to main content

Noticias

  • O conselleiro de Cultura visitou co novo bispo de Mondoñedo-Ferrol, Fernando García Cadiñanos, o templo onde o Goberno galego actúa ao abeiro do Plan Catedrais 2021-2027. Román Rodríguez, nesta visita á Catedral de Mondoñedo feferiuse aos avances que a Xunta está realizando para rehabilitar o templo cun investimento de 6,5M€. En concreto, nestes momentos estase actuando no mural do presbiterio e nas pinturas murais, coa intención de rematen o vindeiro verán. Son as primeiras actuacións do Plan Catedrais 2021-2027 que a Xunta ten en marcha nos grandes templos catedralicios galegos para que afronten a década xacobea nas mellores condicións.
  • Galicia volveu confirmar en novembro o excelente ritmo de recuperación da demanda turística hoteleira galega, rexistrando preto de 231.000 viaxeiros aloxados nos hoteis galegos onde pasaron máis de 434.000 noites, unhas cifras que triplican as acadadas o ano pasado. Galicia segue así á cabeza da recuperación da demanda turística hoteleira a nivel nacional, só por detrás de Asturias, segundo recolle o INE na súa Conxuntura Turística Hoteleira de novembro. O novo informe destaca que Galicia mantense nos postos de cabeza da recuperación turística tanto este mes de novembro, con case as mesmas cifras de viaxeiros que en novembro de 2019, como no acumulado do ano.
  • O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, salientou que a chegada do AVE a Ourense é un novo éxito colectivo e animou a concluílo para aproveitar ao máximo este activo de valor incalculable. No acto institucional de inauguración da liña Madrid-Ourense, que contou coa asistencia da Súa Maxestade O Rei Felipe VI, Feijóo celebrou a chegada dun momento histórico tras alcanzar unha meta longamente agardada e tamén intensamente demandada. 'Para os galegos é un antes e un despois. Supón competir en termos de igualdade co Mediterráneo, o Sur e, en definitiva, coa maior parte de España', expresou.
  • Galicia segue a recuperar os resultados positivos das súas vendas ao exterior, ata o punto de que xa logra, nos dez primeiros meses do ano, superar por quinto exercicio consecutivo, os 20.000 millóns de euros en exportacións. En concreto, e tal e como amosan os últimos datos dispoñibles publicados hoxe polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, as exportacións galegas aumentaron, entre xaneiro e outubro, nun 22,8%, ata acadar os 20.600 millóns. Deste xeito, supéranse tamén os niveis previos á pandemia da covid-19 cunha suba de preto do 13% fronte ao mesmo período de 2019.
  • A Cidade da Cultura é o escenario elixido para o primeiro concerto da xira da Sinfónica de Galicia coa cantaora Marina Heredia, que fará o seu debut coa orquestra o 17 de decembro no Museo Centro Gaiás. Con esta actuación especial, a Xunta de Galicia dá comezo este venres á programación de actividades pensadas para gozar en familia do Nadal no Gaiás. Filla e neta de cantaores, Marina Heredia medrou rodeada de flamenco e comezou a cantar desde moi nova, pisando por primeira vez os escenarios con tan só 12 anos.
  • Este Nadal, os Bolechas están a preparar unha carta a Papá Noel, pero a cousa complícase e deciden seguir o labor comendo noces, que así pensan mellor. Mais as noces teñen a casca moi dura e escachan os dentes. Entón, os irmáns collen un crebanoces na cociña, pero trillan os dedos. De súpeto, alguén chama á porta e aparece un enorme crebanoces de Nadal chegado directamente de Alemaña para axudalos, mais ao pouco de empezar, o convidado fica inmóbil. Tras unha chamada ao 112, os Bolechas descobren que o crebanoces non é humano, senón un boneco de corda e, ademais, non teñen a chave para volver activalo.
  • Galicia rexistrou durante esta ponte unha ocupación media ata o luns dun 75-80%, onde destaca a ocupación por riba do 90% nos hoteis de 4 estrelas ou superiores, así como nos que ofertan spa ou similares, ademais do turismo rural, no que algúns establecementos da provincia de Ourense acadaron o 100%. O sábado rozouse a plena ocupación en boa parte dos destinos galegos, cifras que foron baixando paulatinamente nas noites de domingo e luns.
  • A Cidade da Cultura de Galicia deu a coñecer no marco da feira Culturgal as actividades de Nadal que terán lugar no Gaiás a partir do 17 de decembro. A programación conta cunha instalación no interior do museo a cargo da recoñecida artista Ana Inés Jabares-Pita, que recreará o Camiño de Inverno a través de bólas de neve a escala humana. A Orquestra Sinfónica de Galicia ofrecerá na xornada inaugural un gran concerto co acompañamento da cantaora Marina Heredia no que interpretarán obras de García Lorca e Falla.
  • A Delegación Territorial da Xunta en Lugo acolleu a presentación da 50ª edición do Belén de Begonte, que abrirá as súas portas entre o 4 de decembro e o 29 de xaneiro de 2022. A cita, declarada de interese turístico galego, recupera así a presencialidade despois de celebrar o ano pasado unha edición virtual por mor das restricións impostas a causa da pandemia. Porén, tamén poderá ser visitado a través da súa web, que recolle a historia e outra información de interese sobre o proxecto. A versión virtual do Nacemento estará dispoñible en galego, castelán e inglés.
  • Outubro confirmou o excelente ritmo de recuperación da demanda turística en Galicia, segundo os últimos datos achegados polo Instituto Nacional de Estatística (INE). Con preto de 402.000 viaxeiros aloxados e máis de 754.000 noites, os hoteis galegos pecharon o mes pasado triplicando o dato do ano pasado, o que se traduce nunha recuperación do 95% da demanda turística dos hoteis galegos, 15 puntos mellor que o conxunto do Estado.