Skip to main content

Noticias

  • O Museo das Peregrinacións e de Santiago acollerá a vindeira semana o ciclo Santiago, historias dun Camiño prodixioso, unha serie de conferencias dedicadas á Ruta Xacobea desde a Historia e a novela histórica que contará coa participación de escritores referentes do xénero e autores de best sellers relacionados coa temática xacobea baixo a dirección de Isabel San Sebastián. Organizada pola asociación Escritores con la Historia e patrocinada pola Xunta de Galicia, a iniciativa arrancará o luns 27 de setembro ás 19,00 horas a cargo da xornalista e escritora Isabel San Sebastián coa charla Alfonso II, o primeiro peregrino.
  • A Xunta presentou seis actuacións de cohesión ás convocatorias de fondos europeos extraordinarios do Plan Turístico Nacional Xacobeo 2021-2022 e o Plan Extraordinario de Sustentabilidade Turística en Destinos, coas que aspira a xestionar 27,75 millóns de euros. As tres actuacións presentadas á primeira convocatoria extraordinaria de Plans de Sustentabilidade Turística en Destinos, o Plan do Litoral, coas que a Xunta aspira a obter 14,6 millóns de euros dos fondos Next Generation, apostan por rehabilitar e mellorar a eficiencia dos portos e impulsar e promocionar a ruta dos faros, a senda litoral, as actividades náutico-deportivas, revitalizar o litoral galego, que afecta a 1.700 quilómetros de costa, concienciando sobre o seu valor natural e patrimonial así como por rehabilitar recursos e espazos singulares da costa galega e incentivando proxectos tractores.
  • Este festival será lugar de encontro de artistas, músicos, poetas e escritores de ambas as dúas beiras do Atlántico que conflúen en Santiago para celebrar a súa diversidade e creatividade cultural. Máis de 30 propostas musicais e artísticas, oito delas aínda inéditas aquí e dúas que serán unha estrea mundial, procedentes dunha decena de países e comunidades autónomas que comparten vínculos con Galicia. Así, ademais dunha ampla representación galega, o cartel inclúe artistas de Catalunya, Portugal, Colombia, Brasil, Mozambique, Cabo Verde, Güiana, Arxentina, Malí, Inglaterra, Sáhara Occidental ou Paraguai que farán que Compostela fale catalán, inglés, mambara, guaraní ou chopi timbilia, entre outros.
  • Percorrer o tempo. Visións contemporáneas do Camiño inclúe unha escolma de fotografía e vídeo e sitúase na zona portuaria, onde permanecerá ata o mes de novembro. Na iniciativa participan artistas de Galicia, como Carla Andrade, Luis Díaz Díaz, Iván Nespereira, Bandia Ribeira e Lúa Ribeira, xunto a profesionais de fóra que representan os diferentes Camiños e enlaces con outras rutas históricas. Así, figuran tamén a inglesa Olivia Arthur, presidenta da Axencia Magnum; o portugués André Cepeda, o francés Michel Le Belhomme, a alacantina Cristina de Middel, que foi Premio Nacional de Fotografía, e o xienense Miguel Ángel Tornero. O docente e artista visual Nicolás Combarro é o comisario da mostra.
  • As conmemoracións do 70 aniversario arrancarán este mes de setembro para achegar o museo ao público a través de visitas e teatralizacións. Comezará este venres 17 de setembro cun itinerario e visita teatralizada a cargo da Compañía TEP que partirá ás 18,00 horas da antiga sede do museo, na Casa Gótica da rúa San Miguel. Haberá, ademais, visitas guiadas ao Museo os días 21, 22 ,23, 24 ás 18,00 horas e o sábado 25 ás 12,00 e ás 18,00 horas. Durante o mes de outubro será a quenda dos obradoiros, conferencias e concertos. Así, o sábado 2 de outubro de 11,30 a 13,30 horas organízanse nos soportais do museo os obradoiros de acibeche e de ourivería.
  • O festival Fisterra Blues Experience chega esta fin de semana á súa quinta edición. A organización presentou hoxe o cartel que desenvolverá o sábado 18 e o domingo 19 e a través da que busca ofrecer unha experiencia cultural e de ocio coa música e o Atlántico como protagonistas. O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, e a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, interviñeron hoxe na presentación do festival no Semáforo de Fisterra, xunto aos representantes municipais e a Vítor Velho, de Nordesía Producións, promotora do evento.
  • A Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel xa é a sétima reserva da biosfera de Galicia. Así o proclamou o Consello Internacional de Coordinación do Programa Man and the Biosphere (MaB) da Unesco, reunido na cidade nixeriana de Abuja desde o pasado luns, e que anunciou publicamente os novos territorios recoñecidos baixo esta figura internacional. Durante a súa intervención por videoconferencia para defender a candidatura ante o órgano reitor do MaB, a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, subliñou a importancia desta decisión tanto para os 23 municipios incluídos na mesma (18 da provincia de Lugo e 5 de Ourense cunha poboación de máis de 75.000 habitantes) como para o conxunto de Galicia.
  • A temperatura media rexistrada nos meses de xuño, xullo e agosto foi de 18.8ºC, polo que o período estival galego considérase lixeiramente frío. Así se recolle no informe climatolóxico de verán deste ano 2021 elaborado por MeteoGalicia, que estima tecnicamente os tres meses citados como época estival. Nos tres meses, a anomalía na temperatura media foi de -0.29ºC, debido principalmente aos valores rexistrados nos meses xuño e xullo, que non puido compensar o mes de agosto.
  • A Biblioteca de Galicia inaugurou a mostra 'Imago Sancti Iacobi: a iconografía xacobea na Biblioteca de Galicia', unha exposición de percorre os deseños, iconas e ilustracións coas que foron representados o Camiño de Santiago, o Apóstolo e a cidade de Compostela ao longo dos séculos. Comisariada por Daniel Buján e Nacho Cabano, a exposición reúne máis de 40 obras da colección da Biblioteca de Galicia sobre a evolución dunha tradición iconográfica que contribuíu enormemente a engrandecer o fenómeno xacobeo e a estendeu o coñecemento do Camiño de Santiago e Compostela. A exposición ilustra as primeiras representacións da cidade, e a paulatina aparición de iconografías e simboloxías do fenómeno xacobeo.
  • Vén de resolverse a XXII edición do Premio Elías Valiña, o galardón co que distingue o labor revitalizador dos valores do Camiño de Santiago. Como se publica no Diario Oficial de Galicia, este ano recae de xeito conxunto nas Asociacións de Amigos del Camino de Santiago en Ávila e na de Hungría. Ademais, o xurado decidiu recoñecer a título póstumo ao médico e antropólogo compostelán José Carro Otero, falecido recentemente, cunha mención especial pola súa contribución á divulgación e investigación da Ruta Xacobea.