Skip to main content

Galicia terá este ano 113 praias con bandeira azul, a terceira comunidade con máis galardóns deste tipo

Dos 113 areais galegos galardoados nesta edición —que se estenden ao longo de 53,2 km de costa e supoñen 1 máis que en 2022—, cómpre subliñar que 2 lucirán a bandeira azul por primeira vez: Caranza, no municipio de Ferrol, e O Adro, en Vigo. Ademais, a praia de Rodeira, en Cangas, recupera a insignia que non recibira o ano pasado.

A maiores das praias recoñecidas en 2023, en 12 portos deportivos galegos tamén ondeará este verán unha bandeira azul. Será 1 máis que na pasada edición, grazas á incorporación de Pedras Negras, no municipio do Grove.

De igual xeito e aínda que neste caso non lucirán bandeira como tal, Adeac volveu recoñecer un ano máis o labor dos chamados centros azuis. En concreto, 86 aulas da natureza, centros de visitantes e instalacións dedicadas á educación ambiental de todo o país terán esta consideración e deles 14 están en Galicia. Neste caso, á listaxe galega de centros azuis se suma por primeira vez a Casa Museo de Colón, en Poio.

Cómpre subliñar que os criterios esixidos por Adeac para a concesión da bandeira azul, no caso de praias e portos, están relacionados coa calidade das augas —que ten que ser excelente—; a seguridade e a accesibilidade; a dotación de servizos; así como a xestión ambiental e a sustentabilidade. Pola súa parte, os centros azuis deben fomentar a educación ambiental no litoral, o coñecemento da contorna e as alternativas de ocio.

Por provincias, Pontevedra concentra o maior número de bandeiras azuis de Galicia, concretamente 58 que recaen noutras tantas praias e 6 en instalacións portuarias. No caso da Coruña, os galardoados foron 37 areais e 5 portos e, no de Lugo, recoñeceuse con este distintivo a 18 praias e 1 porto deportivo.

Ademais, Sanxenxo volve repetir como o municipio español con máis areais galardoados, un total de 17, os mesmos que logrou o ano pasado. O concello pontevedrés suma tamén outras 3 distincións para os seus portos deportivos e terá de novo 1 centro azul.

Así mesmo, no caso da provincia da Coruña, Arteixo volve ser o que concentra este ano un maior número de bandeiras, cun total de 8 praias seleccionadas; seguido da Coruña —5 areais e 1 porto—, Oleiros —con 5 areais distinguidos ademais de contar con 2 centros azuis— e Ferrol —con 5 praias recoñecidas tamén ao sumar a de Caranza—.

Por último, Foz é o concello lucense con máis areais galardoados, un total de 5; seguido de Burela, con 3 praias e 2 centros azuis; Barreiros, con 3 areais; e Ribadeo, que suma 2 praias con bandeira azul e o único porto distinguido nesta provincia.

A Comunidade con máis sendeiros azuis

Por último e con relación aos chamados sendeiros azuis, cómpre precisar que por segundo ano consecutivo Adeac convocou estes distintivos no marco dun programa independente ao de bandeira azul.

De feito, o acto de entrega de premios aos 104 roteiros galardoados en 2023 en todo o país celebrouse o pasado 24 de febreiro en Santiago de Compostela, un recoñecemento a Galicia, que sigue sendo a comunidade española con máis sendeiros azuis —35 este ano, 6 máis que na edición anterior— .

En total e sumando praias, portos, centros de visitantes e sendeiros distinguidos por Adeac, Galicia atesoura 174 distintivos, 8 máis que en 2022, uns datos que confirman e consolidan a súa posición entre as comunidades españolas que concentran cada ano un maior número de recoñecementos deste tipo.
R.