Galicia bateu récords históricos de ocupación turística, logrando superar nun 40% as cifras do ano 2021

Durante a súa intervención, Nava Castro puxo en valor o modelo turístico galego, baseado nun turismo baseado na colaboración público-privada, tranquilo e de calidade, fomentando valores paisaxísticos, patrimoniais e enogastronómicos, o que segundo indicou, axudou a favorecer a recuperación da demanda turística.
Avanzou que Galicia mellorou tamén as súas cifras con respecto ao conxunto do Estado, cunha ocupación oito puntos maior respecto da media e manténdose como o sétimo destino máis importante, unicamente por detrás de Canarias, Cataluña, Baleares, Andalucía, a Comunidade Valenciana e Madrid.
Destacou tamén, que este ano se avanzou na desestacionalización do sector, conseguindo cifras nunca acadadas. Así, explicou que o 38% da demanda concentrouse na temporada alta -meses de xullo e agosto-, ficando a porcentaxe restante repartida entre a temporada media -o 38%- e baixa -co 24% neste caso-.
Ao peche da temporada turística do 2022, o 75% da demanda corresponde ao turismo de ámbito nacional –que engloba ao interno e ao que procede das restantes comunidades autónomas- mentres que o 25% restante é internacional.
Tanto o turismo nacional como o internacional superan de forma notable as cifras do pasado ano -nun 22% o nacional e en máis do dobre o internacional. Cabe destacar que o segmento dos españois consegue superar tamén o nivel de 2019 -nun 4,4%-, marcando un máximo da serie histórica con preto de 9,4 millóns de noites.
Grazas a todo elo, Galicia superou por vez primeira na serie histórica a barreira dos 12 millóns de noites no total anual, debido á excelente capacidade de recuperación da demanda que mesmo permite superar as cifras de 2019 e a incorporación ao cómputo global dos albergues -que engaden máis de 1,3 millóns de noites ao conxunto total-.
Finalmente, indicou que o proceso de recuperación do Camiño de Santiago consolidouse durante o 2022 marcando unha cifra récord nunca antes acadada, con 438.682 compostelas entregadas, o que supuxo un incremento dun 26% con respecto á anterior cifra máis alta acadada no 2019 con case 350.000 certificacións.
R.