Skip to main content

Noticias

  • A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, compareceu a petición propia na comisión de Sanidade, Política Social e Emprego do Parlamento de Galicia. Na súa comparecencia sinalou que a presente campaña de verán permite incidir en tres aspectos moi beneficiosos como son: a conciliación, o ocio responsable e a creación de emprego no sector do tempo libre. Cifrou en 650 os contratos asociados a esta campaña durante o ano pasado e destacou que a Xunta de Galicia segue fortalecendo esta oferta como fixo o ano pasado, a pesar da crise sanitaria da covid-19. Neste sentido, lembrou que Galicia foi das poucas comunidades que mantivo estas actividades durante o verán do 2020 cun moi bo resultado, xa que non se rexistrou ningún caso positivo. Así mesmo, fixo balance da oferta da campaña deste ano, que ten como lema ‘O verán que mereces’, e no que se ofertarán un total de 7.800 prazas entre campamentos, campos de voluntariado, minicampamentos e intercambios con outras comunidades. Trátase de mil prazas máis que o pasado ano.
  • A decisión da Santa Sé de prolongar o Ano Santo ata o 31 de decembro de 2022 fixo necesario modificar o manual de identidade gráfica da marca Xacobeo 21 anterior á prórroga, se ben a Administración xeral e o sector público autonómico poderán empregar ata esgotar existencias o material corporativo impreso con anterioridade á entrada en vigor do decreto aprobado este xoves polo Consello da Xunta de Galicia. O manual aplicarase a toda a gama de produtos de comunicación da marca Xacobeo 21-22 co obxectivo de darlle á imaxe de marca identidade e coherencia na súa comunicación arredor dos dous elementos sobre a que se constrúe: a cuncha de vieira e un logotipo deseñado con letras personalizadas.
  • A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou na presentación da web audiovisual coa que se dan a coñecer varios itinerarios a través de máis dun cento de vídeo-historias cos relatos sobre as experiencias dos peregrinos. Esta web audiovisual é unha das iniciativas beneficiarias da primeira edición do programa O Teu Xacobeo e conta cunha axuda de 20.000 euros.
  • Os areais galegos reciben en total 111 bandeiras azuis -catro máis que o ano pasado-; os portos deportivos 11; e para premiar as iniciativas a prol da educación ambiental e o mantemento de sendas naturais de especial relevancia, resultaron galardoados tamén 13 centros azuis e 20 sendeiros, situándonos no primeiro posto nacional en canto a estes itinerarios que contribúen ao uso sostible do litoral. Así, un ano máis, Galicia mantense nos primeiros postos de toda España, cunha de cada cinco de todas as distincións nacionais. Un dato aínda máis relevante se se ten en conta que España lidera o ránking mundial de bandeiras azuis.
  • O festival MindoMúsica que celebrarase do 28 de xuño ao 4 de xullo en distintos emprazamentos de Mondoñedo. Na programación inclúese desde a Catedral ata varias parroquias, con concertos en pequeno e medio formato que incluirán encontros de músicos coa veciñanza nos locais sociais coa intención de achegar a música clásica a todos os públicos. MindoMúsica aposta tamén pola revalorización dos músicos mindonienses e pola promoción da riqueza histórico-cultural. Por iso, completarase coa organización dunhas xornadas en torno á figura de Pacheco e a súa obra.
  • Hoxe abren a metade de albergues da Rede pública con tódalas medidas de prevención ante a covid-19, dos que 5 deles se atopan no Camiño Francés. Trátase dos do Cebreiro, Casa Fonte de Lusío (Samos), Ferreiros (Paradela), o de Portomarín, e Mato Casanova (Palas de Rei). O límite de ocupación nas zonas comúns será do 50%, pero nas habitacións redúcese aos 30%, salvo para grupos burbulla acreditados. As camas disporanse cunha distancia mínima de 1,5 metros, aínda que se aconsellan os 2 metros se é posible.
  • Alberto Núñez Feijóo trasladou á Súa Santidade o Papa Francisco a invitación do pobo galego a que peregrine a Santiago de Compostela neste Ano Santo 21-22. 'Sería sen dúbida a mellor noticia que poderíamos recibir os galegos', abundou. Durante a audiencia, na que acompañou ao arcebispo de Santiago de Compostela, Julián Barrio, Feijóo agradeceu ao pontífice o 'privilexio' de poder celebrar o Ano Santo ata o 2022; un feito que ocorre por primeira vez na historia e que 'enche de esperanza a toda Galicia'.
  • A Cidade da Cultura de Galicia reforza este verán o programa de visitas comentadas con diferentes opcións para coñecer a arquitectura e funcionamento do complexo, as intervencións artísticas e paisaxísticas nos espazos verdes ou os vencellos entre C o Camiño de Santiago. Estes tres novos xeitos de achegarse ao Gaiás veñen a completar a actual oferta de visitas guiadas ás exposicións Faraón. Rei de Exipto e Os brancos segredos do seu ventre, que a partir de xullo tamén se verá reforzada con novas quendas. Todas as visitas son de balde, con reserva de prazas na web da Cidade da Cultura.
  • As miradas de Isaac foi a primeira grande exposición da Xunta de Galicia en homenaxe a Díaz Pardo despois do seu falecemento, en xaneiro de 2012. Inaugurouse en novembro de 2020 no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura para facela coincidir co centenario do seu nacemento (1920) e co obxecto de pór en valor o legado e as aportacións á cultura galega do impulsor da recuperación da fábrica de cerámica de Sargadelos, do Laboratorio de formas, do Seminario de Estudos Galegos, do Instituto Galego da Información, de Ediciós do Castro ou do Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside, entre outros moitos proxectos relevantes.
  • A Cidade da Cultura despide a exposición Os brancos segredos do seu ventre, formada por unha selección de 53 obras dos valiosos fondos da Fundación Rosón de Arte Contemporánea (Rac). A mostra pecha así unha estancia no Museo Centro Gaiás durante a que preto de 34.000 persoas –cunha media de 230 persoas por día– se achegaron ás obras desta colección privada situada en Pontevedra, que atesoura un dos fondos de creación actual máis relevantes de España.