Skip to main content

A Cidade da Cultura celebra o Día da Música cun concerto de Budiño acompañado por novos talentos do ‘neo-tradicional’ galego

O concerto servirá tamén para presentar na capital galega Branca Vela, o seu álbum máis recente. Un traballo no que o moañés recupera o instrumento que lle deu sona internacional, a gaita, aínda que esta lle ceda o protagonismo á voz cun amplo número de colaboracións, á marxe da banda que o acompañará na Cidade da Cultura.

As voces de Branca Vela

Desde as voces do Coro da Ruada —recuperadas dunha gravación de 1929— en Donón, tema que abre o álbum, ata o acompañamento do grupo Leilía en Branca Vela ou o propio Budiño e Guadi Galego cantando a dúo a letra composta polo escritor Manuel Rivas en O Tolo de Abril, o disco caracterízase por ser unha obra compositiva coral que conxuga o tradicional coa vangarda, e as grandes voces do país co talento máis actual dentro do folk e o neo-tradi galego.

O listado de colaboracións do disco complétase con De VACAS (no tema Fonte de namorar), Tania Caamaño (en Romaría do Caravel), Diego Cabaleiro en Serán de Niñóns, a poeta Antía Otero que pon as letras á voz en off de Uxía en Tren Hotel, e os coros de Libeliñas e Tarandeiras de Xacarandaina na peza infantil Un dragón de pé.
R.