Skip to main content

Conexión artística entre Galicia e Portugal no Festival IKFEM, que se celebrará do 17 ao 21 de xullo en Tui e Valença do Minho

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, presentou esta mañá o Festival IKFEM, centrado na música relacionada cos instrumentos de teclado, e que celebra a súa 12ª edición do 17 ao 21 de xullo en Tui e Valença do Minho co apoio da Xunta de Galicia. O evento transfronteirizo, que une o talento artístico da península, contará con actuacións en enclaves de especial interese patrimonial como a Igrexa de Santo Domingo de Tui.

Tal e como explicou o titular de Cultura da Xunta, nesta edición o certame ofrecerá concertos únicos como os protagonizados polo cantautor Salvador Sobral xunto co pianista Marco Mezquida ou a soprano María Hinojosa co galego Daniel Pereira ao teclado. Neste senso, José López Campos, enxalzou a “oportunidade tan especial que ofrece o festival unindo artistas do mundo hispano, galego e lusófono, que raras veces se poden conectar”. Ademais, dixo, “é un evento que reforza os lazos entre Galicia e Portugal e enriquece unha oferta cultural de calidade aos dous lados do Miño”.

O representante do Goberno galego tamén destacou a singularidade dos espazos, dando conta dos lugares históricos onde se organiza a programación e da peculiaridade de converter a ponte internacional que une Tui e Valença en escenario de varias das propostas.

Música e promoción doutras disciplinas artísticas

Rock sinfónico, jazz, música contemporánea e clásica protagonizan o programa desta edición, con actuacións como a do Coro da Orquestra Sinfónica de Galicia e o organista galego Adrián Regueiro; a unión dos pianistas Chano Domínguez e Mário Laginha; ou un concerto da Orquestra Sinfónica Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal.

O evento complétase con actividades como son os diálogos con artistas e axentes sociais e distintos obradoiros, ademais dunha mostra que pon en valor o talento luso e español cunha selección sobre distintas disciplinas como o teatro, a danza, a literatura, a artesanía e mesmo a enogastronomía.
R.