Noticias
-
Do 24 ao 26 de maio a Primavera de portas abertas na Denominación de Orixe Ribeira Sacra ofrecderá unha ampla programación de rutas, catas e actividades enolóxicas e culturais. O sábado e o domingo están previstas visitas guiadas durante todo o día para percorrer algunhas das 13 adegas adheridas ao programa, museos e outros lugares de interese; inclúen o traslado en autobús con saídas desde A Coruña, Vigo, Ourense, Santiago de Compostela e Lugo, neste caso desde a Praza de Bretaña ás 9,30 horas. Ademais, a iniciativa de Turismo de Galicia ofrece desde este venres 13 actividades en distintas localizacións da Ribeira Sacra.
-
Os traballos impulsados pola Xunta na Catedral de Santiago e feitos en colaboración coa Fundación Catedral sacaron á luz unha ventá románica na capela do Salvador. A ventá románica atopábase detrás do retablo e quedou accesible tras a súa desmontaxe no proceso de restauración. Ademais, as actuacións que se están levando a cabo nestes espazos, incluídas no convenio de colaboración coa Fundación Catedral, están permitindo recuperar as pinturas murais e os relevos pétreos, e tamén está previsto destinar neste 2024 poñer en valor a capela do Cristo de Burgos, e intervencións que abranguen a fachada ao patio de Xelmírez e o proxecto de restauración do interior da capela.
-
O 97% das zonas rexistradas no censo de augas de baño de Galicia conta cunha clasificación sanitaria de excelente ou boa. Así se recolle no informe final sobre o Programa de vixilancia sanitaria das zonas de baño 2023 elaborado pola Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade presentado hoxe no Consello da Xunta. O Goberno galego iniciará o vindeiro 1 de xuño unha nova campaña do Programa de vixilancia, tomando como referencia o informe final da pasada tempada. Na pasada tempada, e con motivo da entrada en vigor do Decreto 175/2022, do 13 de outubro, sobre vixilancia sanitaria das augas de baño de Galicia, a Xunta fixo públicas as augas de baño que pasan a formar parte do novo Rexistro de Augas de Baño de Galicia, ben na sección I (augas de baño incluídas no Censo de zonas de augas de baño, na sección II (augas de baño en avaliación) ou na sección III (augas con prohibición permanente do baño).
-
O Camiño de Santiago bateu un novo récord ao recibir ao peregrino número 100.000 antes que calquera outro ano, que adoita ser a principios de xuño. A homenaxe recaeu en Milagros, unha muller de 60 anos e procedente de Florida, que percorreu o Camiño Portugués da Costa co seu marido. Esta cifra enmárcase dentro da boa tendencia desta ruta de peregrinación, que en 2023 xa bateu os rexistros históricos a pesar de non ser Ano Santo. Cómpre destacar que esta ruta de peregrinación está cada vez máis desestacionalizada e diversificada. De esta maneira, a afluencia de peregrinos segue medrando fóra de tempada alta; e que cada vez hai un reparto máis equilibrado de camiñantes entre as distintas rutas. Así, se en 2004 o resto de rutas que non eran o Camiño Francés representaban só o 24% dos peregrinos, agora esa cifra incrementouse ata o 53%.
-
Galicia contará este ano cun total de 114 praias pertencentes a 35 municipios galardoadas coa bandeira azul, un distintivo de carácter internacional co que a Asociación de educación ambiental e do consumidor recoñece a areais de todo o mundo seleccionados en base a rigorosos criterios de sustentabilidade, accesibilidade e servizos. Galicia concentra case unha de cada cinco bandeiras concedidas en España (638) e consolida a súa posición entre as tres comunidades que reciben un maior número de distintivos para as súas praias, xunto con Valencia (que suma 138) e Andalucía (130).
-
O turismo galego continúa consolidando a súa desestacionalización, como demostran os resultados feitos públicos polo Instituto Nacional de Estatística (INE) que indican que no primeiro trimestre do ano, Galicia acadou máis de 822.000 viaxeiros aloxados e preto de 1,5 millóns de noites no conxunto do aloxamento turístico. Isto supón que o nivel de demanda rexistrado -medido polo número de noites- supera nun 12% a cifra do primeiro trimestre de 2023, e mellora as cifras prepandemia. Ademais, por vez primeira Galicia supera a barreira de 1,4 millóns de noites neste primeiro trimestre.
-
A Cidade da Cultura volve acoller a colorida e festiva carreira Holi Gaiás, que vai pola súa sexta edición. A proba terá lugar o 8 de xuño nos exteriores do complexo e contará cun percorrido especial para a cativada entre 4 e 9 anos, a Peque Holi. A actividade contará un ano máis coa súa tradicional poeira de cores e con animación previa e posterior á proba, con música e coreografías que animarán aos participantes. O obxectivo é gozar coa práctica deportiva nun enclave como é Gaiás, coa súa característica arquitectura e co seu gran pulmón verde, o Bosque de Galicia.
-
A Xunta vai solicitar de xeito inmediato ao Goberno central o traspaso dos medios materiais e persoais para xestionar a súa costa trala sentenza do Tribunal Constitucional que avala a Lei de ordenación e xestión integrada do litoral de Galicia. A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, respondeu unha pregunta no pleno do Parlamento sobre esta materia na que salientou que o Alto Tribunal certifica que a norma galega é plenamente constitucional. Ademais, subliñou, confirma o que sempre defendeu a comunidade, que non é necesario reformar o Estatuto de Autonomía para que Galicia poida exercer plenamente as súas lexítimas competencias sobre o litoral.
-
O Instituto Nacional de Estatística (INE), publicou hoxe os datos referidos aos establecementos hoteleiros no mes de marzo, nos que a Semana Santa contribuiu a que o sector hoteleiro galego consolidase a crecente mellora da súa rendibilidade. En concreto, segundo o INE, a rendibilidade hoteleira medrou en marzo un 15%. Con estas cifras estímase que o sector hoteleiro obtivo uns ingresos totais de 21,9 millóns de euros ese mes, cifra que supera nun 23% o dato de marzo do ano pasado, que non coincidiu coa Semana Santa, que fora en abril. Tamén medrou con respecto ao valor previo á pandemia, cando se facturaron preto de 16 millóns de euros. En canto ao número de viaxeiros, o segmento hoteleiro presentou un comportamento positivo en Galicia en marzo.
-
A Secretaría de Estado de Turismo vén de emitir a resolución pola que se concede a declaración de Interese Turístico Nacional á Festa da Filloa de Lestedo, en Boqueixón. Con este recoñecemento, Galicia suma xa 10 festividades con este recoñecemento. A Festa da Filloa de Lestedo súmase así ás outras nove que xa contan con este recoñecemento: a Romaría de Nosa Señora da Barca (Muxía), as Carrilanas de Esteiro (Muros), as festas do San Froilán (Lugo), a Feira do Bonito (Burela), a Festa da Historia (Ribadavia), o Entroido de Verín. Tamén a Festa do Marisco do Grove, as Festas de San Roque (Vilagarcía de Arousa) e a Festa da Reconquista (Vigo).