Noticias
-
O Plan de Xestión da Ribeira Sacra segue o seu camiño de cara a establecer os vindeiros pasos a dar a candidatura Paisaxe da auga: Ribeira Sacra, seleccionada polo Consello do Patrimonio Histórico como a proposta oficial de España para ser declarada patrimonio mundial pola Unesco en 2026. Ao longo do ano, o equipo técnico redactor, en colaboración co Ministerio de Cultura, deberán completar o expediente desde o punto de vista formal co fin de cumprir coas directrices operativas da Unesco. Posteriormente, a documentación será presentada no Centro de Patrimonio Mundial da Unesco de París en setembro deste ano, á que se lle engadirá unha nova entrega cos avance nestes informes en febreiro de 2025. Trátase de que toda a documentación sexa avaliada polos órganos consultivos antes da súa valoración no Consello do Patrimonio Histórico, que ten prevista a súa sesión para o segundo semestre do ano 2026.
-
A Xunta salienta que os sistemas de control da calidade do aire constatan que Galicia cumpre cos valores establecidos pola Organización Mundial da Saúde (OMS), o que, ademais, supón unha “boa base” para afrontar os novos obxectivos establecidos pola Unión Europea e a OMS para o ano 2030 neste eido. De feito, a Xunta realizou xa unha análise para coñecer a repercusión na calidade do aire de Galicia dos novos parámetros de cara a 2030. Nesa liña, analizáronse os datos recollidos pola Rede de Estacións no período 2018-2022 en base aos parámetros da nova directiva. A maiores, fíxose unha proxección das emisións na Comunidade en 2030, coa que se realizou unha simulación do estado da calidade do aire á que tamén se lle aplicaron os novos valores límite.
-
A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, respondeu esta tarde a unha pregunta oral no Parlamento sobre a loita contra a LGTBIfobia. Durante a súa intervención, anunciou que a Xunta de Galicia instalará puntos lila e arcoiris nos principais festivais do verán: Portamérica (Portas), Festival Internacional do mundo celta de Ortigueira, Atlantic Fest (Vilagracía de Arousa), Morriña Fest (A Coruña), Río Verbena (Pontevedra) e Caudal Fest (Lugo). Fabiola García destacou a boa acollida do punto lila e arcoiris do Son do Camiño, en Santiago, que foi o primeiro festival en contar con este servizo.
-
Nun espazo único, os cociñeiros Álvaro Villasante, Lucía Freitas, Héctor López e Javier Rodríguez Ponte “Taky” realizarán demostracións culinarias nas que empregarán como soporte pezas de 10 obradoiros de Artesanía de Galicia. Haberá pezas de cerámica dos obradoiros de Buño (Malpica de Bergantiños), Alberto Lista e Alfarería Rulo; Cerámica Raposiñas (A Pobra do Caramiñal), Laura Delgado (Cambre), Ojea Studio (Vigo) e Susana Anta (A Coruña); coitelos de Celso Ferreiro (A Fonsagrada); pezas de coiro de Eferro (Merza, Vila de Cruces); e pezas de madeira elaboradas por Atalanta Madera (A Estrada) e Carballo Estrela (Pontevedra).
-
CulturON, a campaña de actividades estivais que se estenderán por toda Galicia ata setembro, chegará este ano a máis de 200 concellos co obxectivo de dispor dunha oferta cultural descentralizada e diversificada, accesible a todos os públicos con independencia da súa idade ou do seu lugar de residencia. Organízanse así case 550 actividades no marco dos distintos festivais que se celebran en moi diversas localidades (de narrativa, teatro, música...) con algunhas citas de especial relevancia como son as englobadas no Fest Galicia ou a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia. Ademais, súmanselle os máis de 800 eventos vencellados a circuítos de danza, maxia, música, espectáculos de rúa, novo circo ou literatura, que farán fincapé nas zonas rurais.
-
Os hoteis e pensións galegos melloraron a súa rendibilidade e rexistraron datos históricos de viaxeiros e noites no mes de maio, como así o constatan os datos feitos públicos hoxe polo Instituto Nacional de Estatística (INE). Con 552.000 viaxeiros aloxados e algo máis de 911.000 noites nos establecementos hoteleiros en maio, incrementouse un 16% a cifra de viaxeiros e un 14,5% a de pernoitas, en ambos casos con cifras superiores á pandemia e por riba da media española. Por mercados, destaca o incremento do internacional que medrou un 23% nese mes e Galicia colocouse como a terceira comunidade que medrou con máis intensidade en maio, por detrás de Aragón e Cantabria.
-
Sete petiscos, sete cociñeiros e sete cidades. Son os ingredientes da gala show cooking Mellor Cociñeiro de Tapas por Galicia 2024 que organiza a Xunta de Galicia o vindeiro 9 de xullo en Santiago de Compostela na súa estratexia de promoción do turismo gastronómico e urbano. A gala celebrarase no Hotel Monumento San Francisco, en Santiago de Compostela, unha cita consolidada que vai xa pola súa oitava edición e que deixa patente a variedade e creatividade da gastronomía galega. Os sete cociñeiros que se disputarán o título foron galardoados nos certames de tapas de cadansúa cidade.
-
Pontevedra concentra o maior número de bandeiras azuis de Galicia, concretamente 60 que recaen noutras tantas praias e outras 6 en instalacións portuarias. No caso da Coruña, os galardoados foron 38 areais e 4 portos e no de Lugo, recoñeceuse con este distintivo a 16 praias e 1 porto deportivo. Sanxenxo volve repetir como o municipio español con máis areais galardoados, un total de 17, os mesmos que logrou en 2023. O concello pontevedrés suma tamén 3 distincións para outros tantos portos e terá de novo 1 centro azul. Ademais, cómpre subliñar o caso de Vigo, que con 12 praias con bandeira é a cidade galega que recibe máis galardóns. Así mesmo, no caso da provincia da Coruña, Arteixo volve ser o que concentra un maior número de bandeiras, con 7 areais seleccionados.
-
O cantante Rod Stewart vén de incorporarse ao cartel de O Gozo Festival 2024 co concerto que realizará o vindeiro 15 de decembro no Coliseum da Coruña. O artista, con máis de 250 millóns de discos e singles vendidos na súa carreira musical, chegará a Galicia da man deste festival que, ademais, ten programadas distintas opcións durante este ano en diferentes cidades galegas a cargo de reputados artistas internacionais. Nestes momentos hai máis de 52.000 entradas vendidas para o inicio da programación con público confirmado de Uruguay, Finlandia, México, Arxentina, Irlanda ou Xapón.
-
A Cidade da Cultura volve este mes de xullo co seu Verán en Familia, que nace coa intención de que nenos, nenas e adultos poidan gozar de espectáculos culturais ao aire libre nas tardes estivais. A programación, composta por un total de catro propostas artísticas, desenvolverase os mércores 3, 10, 17 e 31 de xullo ás 19,00 horas no Xardín do Teatro. A entrada é libre e de balde ata completar capacidade. O Verán en Familia oferta este ano catro espectáculos artísticos que combinan as artes escénicas, a música en directo, o circo ou o clown. Compañías procedentes de distintos puntos da península desprázanse ao Gaiás para que persoas de todas as idades gocen das súas funcións.