Skip to main content

Noticias

  • O turismo de Galicia avanza na súa recuperación tanto de xeito cuantitativo, con máis viaxeiros que fan tamén máis noites en Galicia, pero tamén con importantes avances de xeito cualitativo desde o punto de vista económico. Así se desprende dos datos feitos públicos hoxe polo Instituto Nacional de Estatística (INE) sobre a actividade turística no mes de setembro nos hoteis e pensións galegas. O INE revela que foi o mellor mes de setembro desde que hai rexistros nestes establecementos. Así, en setembro preto de 594.000 viaxeiros escolleron os hoteis e pensións galegos, que fixeron 1,1 de noites, cifras que superan nun 4,6 % en un 3,2 % respectivamente as do ano pasado.
  • A Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia vén de desenvolver unha ferramenta interactiva denominada ‘A paisaxe galega desde a bicicleta’, que permite realizar un percorrido virtual ao longo de 2.300 quilómetros pola nosa Comunidade a través de 52 rutas. O obxectivo é a divulgación e a conservación da paisaxe galega, combinadas coa práctica do ciclismo como actividade saudable e ecolóxica, dado que ofrece unha proposta turística sostible con cero emisións.
  • Preto de 450 voluntarios participarán, ao longo dos próximos días, nas 26 batidas de limpeza programadas por toda a Comunidade dentro da campaña 1m2 polas praias e os mares, unha iniciativa impulsada a nivel nacional por SEO/BirdLife e Ecoembes no marco do proxecto Libera e que en Galicia conta co apoio da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. Concretamente, celebraranse 17 batidas na provincia de Pontevedra, nas que participarán máis de 300 persoas; 4 na Coruña, con 85 voluntarios; 3 en Ourense, con 31 inscritos e 2 en Lugo, cuns 20 participantes. En total, preto de 450 liberadores repartidos en 26 praias da Comunidade.
  • O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe a consolidación do "auxe turístico" de Galicia, ao rexistrar 3,7 millóns de viaxeiros aloxados e 6,8 millóns de noites nos sete primeiros meses deste 2023, o que supón un 8 % más que no 2022. Obsérvase así que a comunidade "consolida unha tendencia moi boa" en materia turística, debido a varios motivos entre os que destaca o feito de que este ano aumentou o número de turistas estranxeiros, que xa presentan o 30 % do total e que con dous millóns de pernoitas supoñen tamén un "récord histórico". De igual xeito, os aeroportos galegos rexistraron "máximos de pasaxeiros" con 3,4 millóns, co liderado de Lavacolla (2 millóns).
  • O británico Paul Weller encabeza o cartel deste ano do Underfest SON Estrella Galicia, evento musical que converterá Vigo nun gran escenario ao distribuír os 14 concertos por diferentes recintos. O Museo Marco, o Auditorio Mar de Vigo ou as salas Masterclub e La Iguana Club son algúns dos espazos que acollerán os concertos entre este venres e o sábado. O Underfest abrirá a súa programación o venres ás 18,30 h no Panóptico do Museo Marco con Sam Amidon, cantante estadounidense referente do folk-rock; e continuará unha hora despois no propio centro expositivo situado na rúa Príncipe con Queidem, artista valenciano que presenta o seu álbum debut.
  • O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe que a comunidade galega está a vangarda na loita contra o cambio climático e que a Xunta garante o equilibrio entre a protección da natureza e a actividade económica a través da primeira Lei do clima de Galicia -xa en tramitación- e da Lei de ordenación e xestión integrada do litoral, aprobada o pasado mes de xullo. Durante a súa intervención no II Observatorio dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, organizado en Madrid, Rueda asegurou que o cambio climático é un dos principais desafíos aos que se enfronta o planeta polo que implica a nivel social, económico e para a saúde.
  • A Fundación Aquae Querquennae – Vía Nova leva vinte anos traballando na posta en valor tanto do conxunto patrimonial, termal e arqueolóxico situado en Bande, no que destaca o conxunto no que conflúe o campamento militar e a mansión Aquis Querquennis, así como o itinerario da Vía Nova e que deu lugar á construción dunha serie de edificios que contribuíron a dar a coñecer Porto Quintela como un tesouro único en Galicia, onde gozar da historia, da cultura e das augas termais ao longo de todo o ano. Para conquerir estes obxectivos , conta coa aposta das admininstracións públicas no territorio coa creación do museo ou o centro de interpretación.
  • Presentouse a cuarta edición do Nachiños Fest, que terá lugar os días 8 e 9 de setembro no campo das Cabazas, en Covas, e que conta este ano con figuras internacionais como a banda londiniense Crystal Fighter que ofrecerá na cidade o seu único concerto en Galicia. Xunto a eles haberá outras caras coñecidas do panorama nacional como Alizzz, Cupido, Anabel Lee, Besmaya, Julia Nar ou Alison Darwin que compartirán escenario coas formacións galegas The Rapants, Galician Army e Berto. O Nachiños Fest aporta unha oferta musical diferente á temporada estival en Ferrolterra, a música indie, que conxuga con elementos tan identificadores da comarca como son o surf e a natureza.
  • A Xunta de Galicia, a través do seu Comité Permanente de Coordinación, no marco das actuacións fronte aos posibles efectos das altas temperaturas sobre a saúde, declara hoxe o nivel de alerta 1 (amarelo) nas zonas do interior denominadas Sur de Lugo e Montaña de Ourense, e o nivel 2 (laranxa) na zona de Valdeorras. Xa mañá as previsións son que as temperaturas tanto mínimas como máximas aumentarán en toda a Comunidade Autónoma, polo que toda ela estará en nivel de alerta 1 (amarelo), aumentando a nivel de alerta 2 (laranxa) certas zonas do interior de Galicia (Sur de Lugo e Miño de Ourense), e da costa de A Coruña (Suroeste de A Coruña) e Pontevedra (Rías Baixas e Miño de Pontevedra) sendo na zona de Valdeorras o nivel de alerta máxima (nivel 3, vermella).
  • A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia Primeira da Xunta e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes vén de activar para mañá a alerta laranxa por altas temperaturas na zona do Miño de Ourense. Segundo informa a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), trátase dun fenómeno meteorolóxico que se espera que comece arredor do mediodía con temperaturas máximas de ata 40 graos. Xa está activa a alerta amarela por máximas de 36 graos nesta zona da provincia ourensá e mañá pasará a laranxa. Tamén hoxe o aviso é de nivel amarelo no sur da provincia ourensá.