Skip to main content

Notas

  • A covid-19 puxo máis que nunca o foco na importancia da saúde física e mental e fomentou igualmente un turismo centrado no benestar e o contacto coa natureza. Arrancou en Ourense a cuarta edición do Simposio Internacional sobre Termalismo e Calidade de Vida, organizado polo Campus Auga da Universidade de Vigo, cunha programación na que o potencial do termalismo como fonte de oportunidades turísticas e de saúde na pospandemia ten un protagonismo destacado.
  • Pola “súa actuación en favor dos principais fitos da ruta xacobea”, o xurado do XXV Premio Internacional Grupo Compostela-Xunta de Galicia concedeu este galardón ao ex ministro e antigo secretario xeral da OTAN, Javier Solana de Madariaga. O Paraninfo da USC acolleu a cerimonia de entrega na que, alén do premiado e do reitor Antonio López, tomaron parte o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo; o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; e o presidente do Grupo Compostela, Marek Kręglewski.
  • O Congreso Internacional Comunidades Locais e Camiños de Santiago pretende, baixo o lema ‘Ameazas e alianzas’, afondar no vínculo entre as devanditas comunidades e o fenómeno xacobeo. Entre os días 27 e 30 de outubro, a Facultade de Filoloxía será o escenario no que se respondan cuestións como que pensan as comunidades locais sobre os Camiños; como afectou ao seu modo de vida; ou cal é a imaxe que sobre o visitado ten quen visita.
  • A base de datos de recursos académicos, científicos e didácticos do Camiño de Santiago 'Rede Xacobea' é unha ferramenta que alberga datos dos investigadores vivos, institucións, actividades académicas e revistas dedicadas ao estudo do mundo xacobeo e as peregrinacións. Realizada por Paula Pita Galán, veu a luz como froito dos proxectos de investigación financiados en 2020 ao abeiro da Cátedra do Camiño.
  • O X Salón Turístico de Galicia, Turexpo Galicia 2021, o cal levará a cabo unha edición especial do 3 ao 5 de setembro co apoio da Axencia Turismo de Galicia, contará unha vez máis coa súa recoñecida Bolsa de Contratación Turística. Esta volverá ser unha efectiva plataforma de negocio ao manter cifras similares á súa última edición previa á pandemia.
  • O festival inclúe cinco concertos e a entrega do Premio Galimusic, o primeiro terá lugar o 22 de agosto no Consorcio Local Os Peares con Alejandro Gómez e Miguel Ángel Ortega Chavaldas, o segundo, o 27 de agosto no Mosteiro do Divino Salvador de Ferreira de Pantón, denominado 'Nacionalismo: Folclore e Tradición', e o seguinte o 28 de agosto na Igrexa do Parador de Santo Estevo de Ribas de Sil, co concerto A onde as negras ramas se estenden.
  • O ciclo O país das bandas, promovido pola Xunta e a Federación Galega de Bandas de Música Populares no marco da programación cultural do Xacobeo 21-22, chega o martes a Melide cun concerto da Unión Musical Ponteledesma. A actuación será ás 12,30 horas na Praza do Cantón. Ese mesmo día chegará a Triacastela e a Cervo con concertos da Banda Filarmónica de Lugo e da Banda de Música O Landro de Viveiro, respectivamente.
  • Os visitantes do Parque Nacional das Illas Atlánticas poderán gozar de paseos virtuais baixo o mar grazas a unha iniciativa pioneira que lles permitirá coñecer en profundidade a fauna e a flora que agochan os fondos deste espazo natural. A actividade arrancará hoxe en Cíes grazas ao apoio e colaboración da Xunta de Galicia, que subvenciona o programa a través do propio Parque Nacional e tamén do Xacobeo 21-22.
  • Presentouse o Festaclown 2021, que un ano máis converterá Vilagarcía na capital galega do clown e das risas do 16 ao 21 de agosto. Un ano máis, as protagonistas serán as mellores compañías galegas: Pedras de Cartón, Circo Chosco, Dani García, A Vela Circo, Sue Moreno ou Assircópatas. Completan a programación grandes nomes a nivel estatal e internacional como Tchyminigagua, Bergamotto Clown, Mayte Guevara, Rudi Dudi ou Eddy Eighty.
  • Investigadores da Universidade de Santiago desenvolveron unha metodoloxía específica para estudar a capacidade de carga turística do Camiño Francés. Este é un concepto técnico que mide o número de visitantes ou persoas usuarias dun recurso turístico unha vez que se teñen en conta aspectos como a superficie dispoñible, as condicións climáticas ou as limitacións derivadas da xestión administrativa do recurso.