Skip to main content

Noticias

  • O Consello da Xunta aprobou o Protocolo de actuación contra as violencias sexuais e LGBTI fóbicas nos espazos de lecer nocturno. Esta medida enmárcase no obxectivo de “tolerancia cero” ante calquera tipo de violencia e busca “previr, detectar e saber como actuar no caso de detectar algunha”. É o resultado dun proceso participativo coas achegas do Observatorio da Violencia de Xénero, do Observatorio LGBTIQ+, e das entidades representativas do sector que, a través da Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, fixeron as súas alegacións: a Federación de Hostelería de Pontevedra (Feprohos), a Federación de Asociacións Provinciais de Empresarios de Salas de Festa, Baile e Discotecas de Galicia (Fesdiga), a Asociación de Hostelería de Galicia e a Asociación Galicia de Noite.
  • O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou hoxe na Conferencia Sectorial de Turismo en Madrid, onde se aprobou unha ampliación do reparto entre as Comunidades Autónomas dos fondos europeos Next Generation. No horizonte 2026 serán case 8,5M€ os que a Xunta de Galicia xestionará a maiores para un Plan de Competencias Dixitais e impulsar medidas de eficiencia enerxética, entre outras accións. En concreto o Goberno autonómico executará o Plan de Competencias Dixitais cun investimento de preto de 2,5M€ e unha previsión de formación de 892 profesionais do sector a través de cursos de 150 horas. O prazo de execución será ata o ano 2026.
  • Galicia revalida o seu liderado como a Comunidade Autónoma con máis sendeiros azuis, cun total de 49 itinerarios recoñecidos, 14 máis que en 2023. Este galardón de bandeira sendeiro azul, concedido pola Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (Adeac), busca poñer en valor o papel das sendas e camiños como recurso valioso para gozar da natureza, realizar actividades deportivas e de ocio ao aire libre e aprender a interpretar ambientalmente a contorna. Os 49 sendeiros azuis cos que contará Galicia en 2024 pertencen a 26 concellos, dos que 8 están na provincia da Coruña, 4 na de Lugo e 13 na de Pontevedra.
  • A iniciativa Acende o Camiño de Santiago enmárcase nas distintas accións que ten en marcha Turismo de Galicia nestas datas co seu produto de promoción Nadal en Galicia, que aglutina diferentes propostas que se celebran nas catro provincias e convida aos galegos e visitantes a coñecer o destino tamén en Nadal poñendo así en valor o seu potencial turístico. Inclúense os beléns de Valga e de Begonte, ambos de interese turístico, xunto a outros situados en distintos lugares de Galicia, así como mercados navideños con artesanos, produtores, comerciantes que exhibirán e venderán os seus productos locais, pezas e colección de decoración nas principais cidades.
  • A investigación ‘Análise da oferta da actividade comercial e demanda dos turistas e peregrinas/os en Compostela como final do Camiño’, realizada ao abeiro da Cátedra do Camiño de Santiago e das Peregrinacións, aborda o influxo do consumo na configuración urbana comercial de Compostela, prestando especial atención ao fenómeno das peregrinacións na Ruta Xacobea e a como afecta as dinámicas comerciais. A investigación realizada por Sara María Torres Outón da UVigo baséase en 200 cuestionarios a comerciantes, hostaleiros e profesionais localizados nos eixos de entrada dos camiños, ensanche e zona vella.
  • A Cidade da Cultura vén de ratificar un acordo coa Fundación Calouste Gulbenkian de Lisboa e a Custodia de Terra Santa de Xerusalén para exhibir entre marzo e agosto de 2024 o extraordinario e pouco coñecido tesouro artístico do Terra Sancta Museum. Santiago de Compostela será o único punto en España onde se poderá ver este conxunto de obras que agora mesmo se exhiben na capital portuguesa, onde veñen de iniciar un itinerario internacional que as achegará a diversas cidades de Europa e América. Ademais de Lisboa e Compostela, ao circuíto internacional da exposición sumaranse en 2024 e 2025 dous destinos máis, respectivamente, en Europa e Estados Unidos.
  • O turismo galego mantén ata outubro a senda do crecemento segundo se constata cos datos feitos públicos hoxe polo Instituto Nacional de Estatística, que eleva a máis de 6,4 millóns de viaxeiros aloxados nos establecementos turísticos nos 10 primeiros meses do ano que fixeron máis de 12 millóns de noites, o que supón incrementos do 6,5 % e do 5,9 %, respectivamente. Esta situación está a repercutir, ademais, desde o punto de vista económico, no sector como indican os índices de rendibilidade hoteleira que están incrementándose un 7 %, os datos máis altos desde que hai rexistros.
  • Por primeira vez as 4 provincias galegas presentan candidatura para contar co distintivo de Sendeiros azuis, un galardón que a Asociación de educación ambiental e do consumidor (Adeac) concede desde hai varios anos para recoñecer o papel das sendas e camiños como un recurso valioso para gozar da natureza, realizar actividades deportivas e de ocio ao aire libre e interpretar ambientalmente a contorna. A Bandeira Sendeiro Azul premia e recoñece a recuperación e posta en valor de sendeiros e itinerarios.
  • Tivo lugar na Sala de prensa da Reitoría da UDC a presentación da terceira edición do “Estudo Demoscópico sobre a demanda turística no Camiño Inglés”. O evento contou coa presenza do reitor da UDC, Julio Abalde; o presidente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, Manuel Mirás Franqueira; e María Elvira Lezcano González e Antonia Pérez García, profesoras da Facultade de Turismo da UDC. Este proxecto, levado a cabo polas propias María Elvira Lezcano e Antonia Pérez, xunto cos profesores Carlos Rodríguez Carro e Iria Caamaño, contou tamén coa colaboración de varios estudantes.
  • A sostibilidade é un dos aspectos nos que o Goberno galego vén traballando nas últimas décadas no tocante ao Camiño de Santiago. Iniciouse este traballo co Plan Director dos Camiños de Santiago 2015-2021, e continúa, reforzado con 66 millóns de euros, no Plan Director dos Camiños de Santiago 2022-2027, coa ollada posta no vindeiro Ano Santo 2027. Estes traballos xa supuxeron grandes avances en xestión ambiental, eficiencia enerxética ou hídrica, e en sensibilización de peregrinos e residentes. Entre os traballos realizados cabe destacar a posta en marcha de varios proxectos, como a catalogación do patrimonio natural e biodiversidade do Camiño, o plan de residuos da Rede Pública de Albergues do Camiño de Santiago, a impulsión da compostaxe no rural, e outras tarefas de concienciación entre os peregrinos para a separación de residuos e uso de bolsas biodegradables axustables ás mochilas.