Skip to main content

Noticias

  • A nova temporada dos trens turísticos de Galicia arrancou esta fin de semana coa primeira saída do itinerario do Tren da Camelia en Flor, unha das 14 rutas que estarán dispoñibles durante este ano dentro da iniciativa posta en marcha entre a Xunta de Galicia, Renfe e o Inorde que permite coñecer a Comunidade galega e moitos dos seus recursos máis destacados a bordo do tren. O Tren da Camelia en Flor terá a próxima saída o día 23 de marzo, para a que os billetes xa están esgotados. Coincidindo co período de floración da camelia, na ruta visitaranse tres xardíns que contan coa certificación de Excelencia Internacional. En primeiro lugar, o Pazo Quinteiro da Cruz, en Ribadumia, no que florecen máis de 5.000 exemplares de camelias de máis de 1.500 variedades a partir da que elaboran o seu propio té, que os viaxeiros poderán degustar.
  • A Xunta de Galicia vén de lanzar un novo programa de formación en liña dirixido ao sector turístico coa intención de dar a coñecer a utilidade de distintas ferramentas de intelixencia artificial no eido turístico. Baixo o nome Descubre o poder da Intelixencia artificial na empresa turística de Galicia, terá 21 horas de duración en sete sesións de tres horas cada unha, que comezarán o vindeiro mércores 13 de marzo e se desenvolverán ata o 29 de abril. A intención é posicionar ás empresas turísticas galegas na vangarda da innovación dixital, para o que se ofrecen 100 prazas. Está dirixido a emprendedores, directivos ou xefes de departamento de empresas do sector turístico galego. As persoas interesadas poden obter máis información na web de Turismo de Galicia.
  • O inverno climatolóxico 2023-2024 (decembro, xaneiro e febreiro) en Galicia foi o cuarto máis cálido da serie histórica -que se remonta a 1961- ao rexistrarse unha temperatura media de 10 graos centígrados. Así o reflicte o balance climatolóxico publicado por Meteogalicia. Xaneiro e febreiro foron especialmente calorosos, o que situou a temperatura deste inverno 1,5 graos por enriba da media histórica, ao tempo que o mes de xaneiro se converteu no máis cálido dos últimos 58 anos, case seis décadas. O volume de choivas rexistrado -522 litros por metro cadrado- é un 18% superior ao que vén sendo habitual neste período, especialmente polas abondosas precipitacións do mes de febreiro.
  • Galicia participa cun espazo propio dentro do expositor de Turespaña, coordinado pola Oficina Española de Turismo en Berlín, con mostradores de información e unha área específica de encontros de traballo. No espazo galego está tamén representado o Clúster Turismo de Galicia, que asiste á feira en misión comercial con diferentes empresarios e profesionais do sector turístico galego. O ano pasado aloxáronse nos establecementos turísticos galegos máis de 170.000 viaxairos alemáns que fixeron preto de 300.000 noites, superando un 8,2% o volume de noites do ano anterior, así como os niveis previos á pandemia, nun 9,7% neste caso. O ano pasado rexistráronse maiores incrementos na tempada baixa fronte á media e alta no mercado alemán, que incrementou a súa estadía un 3%.
  • O Instituto Nacional de Estatística (INE), fixo hoxe públicos os primeiros datos turísticos de 2024 referidos aos hoteis e pensións durante este mes de xaneiro. Neste mes, máis de 173.000 viaxeiros se aloxaron nos establecementos hoteleiros e fixeron máis de 310.000 noites, uns niveis levemente inferiores aos do ano pasado, e similares aos rexistros acadados antes da pandemia consolidando así a senda de intenso crecemento dos últimos anos. Neste contexto, o sector hoteleiro foi quen de manter a mellora da súa rendibilidade (nun 2%) e acadou ingresos superiores aos rexistrados antes da pandemia.
  • O inventario de zonas húmidas de Galicia, un rexistro público con información sobre o número, extensión, valores e estado de conservación dos espazos deste tipo que hai na Comunidade, acaba de ampliarse coa incorporación de 250 novos elementos e a actualización de 10 que xa estaban incluídos. Así se recolle na resolución que publica hoxe o Diario Oficial de Galicia, na que se informa tamén de que se pode acceder á visualización e descarga da cartografía dixital do inventario de zonas húmidas de Galicia a través do visor creado polo Instituto de Estudos do Territorio a tal fin.
  • Galicia propuxo este ano un total de 117 praias —40 pertencentes á provincia da Coruña, 16 á de Lugo e 61 á de Pontevedra— como candidatas a optar á Bandeira Azul 2024, a mesma cifra que as que xa presentara na edición anterior. Así o avanzou hoxe a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, tras participar en Madrid na reunión do xurado nacional encargado de conceder uns distintivos cos que a Asociación de educación ambiental e do consumidor (Adeac) recoñece anualmente a areais de todo o mundo seleccionados en base a unha serie de criterios de sustentabilidade, accesibilidade e servizos, entre outros.
  • Galicia rexistrou un mes de xaneiro extremadamente cálido e normal no que respecta ás precipitacións, segundo o avance do último informe climatolóxico mensual elaborado por Meteogalicia. Neste sentido, o primeiro mes do ano caracterizouse por uns últimos 10 días no que as altas presións deixaron tempo seco e, ademais, atraeron aire cálido, o que provocou que as temperaturas foran elevadas para esta época. Pola contra, os primeiros 20 días foron bastante típicos dun mes de xaneiro con frecuentes borrascas e entradas de aire frío.
  • Galicia é a cuarta comunidade autónoma con máis humidais declarados de importancia internacional. Ademais, seis zonas húmidas galegas están incluídas na lista Ramsar, un recoñecemento de carácter internacional que se outorga aos espazos deste tipo máis representativos de todo o mundo. En concreto, son a ría de Ortigueira e Ladrido; a lagoa e areal de Valdoviño; o complexo intermareal Umia-O Grove-A Lanzada; o complexo das praias, lagoa e duna de Corrubedo; a ría de Ribadeo; e o Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas. A Xunta ten elaborado o Inventario de zonas húmidas de Galicia.
  • A promoción do destino Galicia na Feira Internacional de Turismo, Fitur, remata con elevados índices de participación tanto nas xornadas profesionais como nas do público xeral. Ao longo dos cinco días nos que se celebrou a feira, a Comunidade galega amosou e promoveu novos produtos e experiencias turísticas vencelladas, entre outras, co Camiño de Santiago, a natureza, a gastronomía ou a auga, a temática na que se centraba o novo expositor institucional da Xunta de Galicia, que acolleu preto de medio cento de presentación.