A Casa do Rock poralle o ramo ao festival Go! Go! Zo! cunha macroactuación

No acto, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude salientou “a relevancia desta cita que acollerá o Monte do Gozo o domingo 22 para a promoción do uso da lingua galega desde o rock”, así como “o compromiso das escolas de música que teñen o galego nos piares da súa creatividade e que contribúen a crear canteira”. O responsable da Lingua agradeceu a colaboración de Go! Go! Zo! e da Casa do Rock por “amplificar as posibilidades das novas promesas da música de Galicia, non só por esta proposta, tamén con aqueles que achegaron aos peregrinos nos albergues de Melide, Arzúa e Sarria as bandas noveis do país”.
Inscrición aberta para participar
Este domingo 22 a partir das 16,00 horas, o Festival Go! Go! Zo! abre as súas portas no Monte do Gozo para ofrecer a macroactuación organizada pola Casa do Rock con versións en galego de temas míticos do rock de sempre como Born To Be Wild, de Steppenwolf; Holiday, de Green Day; Believer, de Imagine Dragons, e o himno da mesma escola.
Ao encontro, no que xa se prevén máis de medio milleiro de asistentes, pode participar calquera persoa, tanto cun instrumento como coa súa voz. O único requisito para facelo é inscribirse no web oficial da escola e descargar as partituras.
Ademais do macroconcerto, a programación ofrecerá tamén unha actuación de combos musicais, na que sete grupos noveis galegos lle amosarán ao público as súas creacións e o seu talento: Rocke Experience, The Ages, Hombres Hell, QDL, ParaZmol, Rexoufeiros e D-buxos.
R.