Skip to main content

Convocadas 56 bolsas de formación en municipios de Interese Turístico

Xa están dispoñibles no Diario Oficial de Galicia as bases da convocatoria das 56 bolsas de formación especializada en relación coa promoción turística ofertadas pola Consellería de Cultura e Turismo, a través da Secretaría Xeral para o Turismo para as oficinas de turismo dos municipios de Interese Turístico e mais para a rede de oficinas da Xunta de Galicia. Esta é a primeira convocatoria na que as bolsas se destinan de xeito exclusivo aos municipios turísticos. Procédese polo tanto a convocar a orde de 30 de decembro de 2009 pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión en réxime de concorrencia competitiva, de bolsas de formación práctica en oficinas de información turística durante o 2010.

O contido da bolsa persegue fomentar o perfeccionamento profesional do bolseiro mediante a realización de prácticas formativas nas oficinas de información turística con suxeición ao plan de formación que se lles entregará ao comezo das prácticas. Poden optar a estas bolsas os técnicos superiores en información e comercialización turísticas, os técnicos superiores en axencias de viaxes, os técnicos especialistas de secretariado bilingüe, os diplomados ou licenciados en turismo e licenciados universitarios da rama de humanidades. Estas titulacións deben estar finalizadas nos 3 anos inmediatamente anteriores ao momento do remate do prazo de presentación das solicitudes desta convocatoria.

Para a concesión das bolsas destinarase ata un máximo de 311.400 euros e a dotación económica de cada bolsa será de 900 euros brutos mensuais. A comisión, unha vez examinadas as solicitudes presentadas, elaborará unha lista cos aspirantes admitidos e excluídos, detallando neste caso a causa de exclusión, e convocará os primeiros á realización da proba tipo test sobre o temario que se inclúe en anexo nas bases da convocatoria.

Pódese obter máis información sobre as bolsas no apartado de axudas da web da Secretaría Xeral para o Turismo: www.sxturismo.org e tamén no D.O.G. do martes 16 de xaneiro de 2010.

Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia