Convocadas 56 bolsas de formación en municipios de Interese Turístico

O contido da bolsa persegue fomentar o perfeccionamento profesional do bolseiro mediante a realización de prácticas formativas nas oficinas de información turística con suxeición ao plan de formación que se lles entregará ao comezo das prácticas. Poden optar a estas bolsas os técnicos superiores en información e comercialización turísticas, os técnicos superiores en axencias de viaxes, os técnicos especialistas de secretariado bilingüe, os diplomados ou licenciados en turismo e licenciados universitarios da rama de humanidades. Estas titulacións deben estar finalizadas nos 3 anos inmediatamente anteriores ao momento do remate do prazo de presentación das solicitudes desta convocatoria.
Para a concesión das bolsas destinarase ata un máximo de 311.400 euros e a dotación económica de cada bolsa será de 900 euros brutos mensuais. A comisión, unha vez examinadas as solicitudes presentadas, elaborará unha lista cos aspirantes admitidos e excluídos, detallando neste caso a causa de exclusión, e convocará os primeiros á realización da proba tipo test sobre o temario que se inclúe en anexo nas bases da convocatoria.
Pódese obter máis información sobre as bolsas no apartado de axudas da web da Secretaría Xeral para o Turismo: www.sxturismo.org e tamén no D.O.G. do martes 16 de xaneiro de 2010.
Gabinete de Comunicación da Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia