Skip to main content

Un centenar de municipios de las Rutas Xacobeas participan en el programa Cultura no Camiño 2016

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:

Un total de 100 concellos solicitaron a súa participación na cuarta edición do programa de espectáculos Cultura no Camiño, organizado pola Xunta a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e Turismo de Galicia co obxectivo de contribuír á dinamización cultural das poboacións polas que discorren as rutas xacobeas. O novo calendario de actividades, para o que se volve contar co patrocinio de Gadis, estenderase do 15 de abril ao 30 de setembro.

Iníciase agora a configuración deste calendario de actuacións por parte dos programadores culturais dos municipios a partir do catálogo de propostas que se pon a súa disposición a través de www.galescena.info, a web que mantén a Agadic para a xestión das súas redes de exhibición de espectáculos escénicos e musicais de carácter profesional. Un total de 487 formacións artísticas inscribiron as súas montaxes de teatro, danza, música, narración oral, novo circo ou maxia para formar parte desta oferta que se lles achega aos concellos para que confeccionen a súas respectivas carteleiras.

O obxectivo de ‘Cultura no Camiño’ é a colaboración coa actividade cultural dos municipios polos que discorren os diferentes Camiños de Santiago: Francés, de Fisterra-Muxía, do Sueste-Vía da Prata, Portugués, Portugués pola Costa, Inglés, Primitivo, do Norte, do Mar de Arousa e Río Ulla e de Inverno. Dáse resposta así á demanda dun público diverso que poderá gozar de concertos e de montaxes de teatro, danza, novo circo, maxia e narración oral, ao tempo que se contribúe á dinamización da contratación dos espectáculos producidos en Galicia.

Como nas anteriores edicións, o financiamento das actuacións realízase de xeito compartido entre a Xunta de Galicia e as administracións locais inscritas, en diferentes porcentaxes de acordo co número de habitantes de cada localidade.

Con ‘Cultura no Camiño 2016’ dáse continuidade a este programa máis alá do motivo da súa creación en 2013 como unha das primeiras accións conmemorativas do oitavo centenario da peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago de Compostela. En 2015 esta iniciativa chegou ata 93 municipios das catro provincias a través dunha carteleira con máis de 316 actuacións escénicas e musicais de todos os estilos, que se realizaron con acceso gratuíto para o público tanto en localizacións ao aire libre como en espazos pechados.

Fotografía: Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia
R.