Skip to main content

10 citas musicales componen el cartel del VIII ciclo Espazos Sonoros en lugares singulares del patrimonio gallego

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:

O ciclo ‘Espazos Sonoros’, que se desenvolve nos meses de setembro e outubro, incorpora na súa oitava edición unha ampla programación de concertos en eidos de grande relevancia patrimonial das catro provincias galegas.

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, presentou as actividades que se levarán a cabo, nun acto no que estivo acompañado do secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; e da coordinadora artística do ciclo, Belén Bermejo.

Segundo explicou o conselleiro, este ano os concertos e actuacións achéganse a espazos tan singulares como San Nicolao de Cis (En Oza-Cesures), o Colexio do Cardeal de Monforte de Lemos, o refectorio do mosteiro de Oseira, o mosteiro de Carboeiro ou Santa María de Aciveiro (en Forcarei). A isto engádense algúns dos principais museos galegos coma o CGAC, o Museo Massó (en Bueu) ou o Museo de Pontevedra. “Por iso −sinalou Román Rodríguez− un dos principais obxectivos deste ciclo, a maiores do propio gozo musical, é promover que a xente coñeza máis e mellor estes monumentos senlleiros da nosa cultura”.

Entre as novidades deste ano tamén hai que destacar que no Museo de Pontevedra presentarase por primeira vez o traballo de recuperación dunhas gravacións do gaiteiro de Campañó, auspiciadas no seu tempo por Filgueira Valverde. “Un traballo que presentaremos coincidindo coa data do aniversario do nacemento de Filgueira, o vindeiro 28 de outubro”, sinalou o conselleiro. Tamén haberá un apartado do ciclo dedicado aos órganos históricos e un itinerario histórico-musical guiado pola vila de Monforte de Lemos, que rematará cun concerto de música histórica da man do grupo ‘Vox Stellae’.

Organizado pola Consellería de Cultura e Educación, ‘Espazos Sonoros’ desenvolverase do 13 de setembro ata o 28 de outubro, con concertos de balde e entrada libre ata completar aforo que poden consultarse no enderezo electrónico www.espazossonoros.org.

Unha vez finalizada a presentación, o gaiteiro Óscar Ibáñez interpretou a ‘Marcha procesional do Corpus de Pontevedra’, coa gaita orixinal de Xan Tilve, o gaiteiro de Campañó. Precisamente a clausura do ciclo correrá a cargo de Óscar Ibáñez trío e estará centrada na figura do gaiteiro de Campañó, mentres que o concerto inaugural (que terá lugar o día 13 de setembro) na Igrexa de San Nicolao de Cis, en Oza-Cesuras, correrá a cargo de ‘Luce Nell’Ombra’.

Fotografía: Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia
R.