Skip to main content

La Ruta de la Camelia de Galicia se consolida como reclamo turístico y referente internacional

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, participou na inauguración da segunda edición do Foro da Ruta da Camelia, organizado pola Deputación de Pontevedra, que tivo lugar no Pazo de Rubiáns en Vilagarcía de Arousa.

Nava Castro explicou na súa intervención que Galicia é a Comunidade con máis variedades de camelia despois do Xapón, ao albergar máis de duascentas especies e preto de 30 mil variedades diferentes de camelias. Neste senso, a directora de Turismo de Galicia sinalou que ningún outro lugar ofrece ao visitante unha variedade de especies de flor de camelia, de coleccionistas, de exposicións e de produtores de planta de camelia que se pareza á de Galicia.

Tal e como explicou a responsable de Turismo da Xunta, na actualidade a camelia viste numerosos pazos, fortalezas e casas señoriais de Galicia, así como, numerosos xardíns e fincas, tanto públicas como privadas, e incluso os centros das cidades. “Deste xeito, a camelia converteuse na flor insignia de Galicia e para moitos galegos o eixe vertebrador da súa actividade”, afirmou Nava Castro.

A directora de Turismo de Galicia destacou que a camelia forma parte do patrimonio histórico e botánico da xeografía galega e ten unha gran potencialidade como recurso turístico. “Un recurso que incide na nosa imaxe de destino experiencial, destino evocador de emocións e sensacións”, sinalou.

A Ruta da Camelia , constituída na actualidade por unha ducia de xardíns tanto públicos como privados, configura un gran reclamo para os turistas que visitan Galicia e un referente a nivel internacional.

A directora de Turismo de Galicia explicou que a través dela, os viaxeiros que visitan Galicia poden descubrir os diferentes recursos dos concellos nos que se sitúan os principais enclaves e xardíns adornados con exemplares desta planta. “Esta Ruta convértese así no fío condutor para ir descubrindo o noso patrimonio vexetal, natural, a a arquitectura dos nosos pazos, o noso patrimonio eclesiástico e monástico; a riqueza da nosa gastronomía de costa e de interior”, explicou Nava Castro, e engadiu “todos eles son reclamos turísticos en si mesmos que adquiren un significado especial se se descobren a través das cores das camelias en Galicia”.

A Finca da Saleta en Meis, o pazo Quinteiro da Cruz en Ribadumia, e o Pazo de Rubiáns en Vilagarcía, son só algúns exemplos de espazos na provincia de Pontevedra onde residen exemplares de diferentes especies coma a xapónica, reticulata, sinensis ou sasanqua entre outras. Na provincia da Coruña, pazos coma o de Vista Alegre e Santa Cruz de Ribadulla en Vedra, o de Mariñán en Bergondo e a Casa-Museo de Rosalía de Castro son refuxios onde tamén florecen as camelias.

Pero tamén a Ruta percorre os centros das cidades. Así, podemos encontrar esta flor en Santiago onde predominan na alameda, dispersas pola zona da Ferradura. En Pontevedra, con exemplares na Praza da Ferrería, na rúa da Oliva ou no cemiterio de San Mauro así coma nos xardíns do Pazo Provincial, no Palacete das Mendoza, na Finca de Areeiro ou no Pazo de Lourizán. Ou en Vigo en zonas tan concorridas coma a Avenida da Camelia, os xardíns da Alameda, os bulevares de Gran Vía, incluso no coñecido Monte do Castro e no Pazo-Museo Quiñones de León co seu paseo Antonio Odriozola ou o seu fermoso labirinto coa afamada Matusalém das camelias.

Nava Castro destacou que Turismo de Galicia traballa para poñer en valor este recurso único, presumindo de camelia galega nas principais feiras e certames deste tipo que se celebran en Europa e traballando por introducir a ruta nos principais mercados turísticos interesados neste tipo de produto.

“Ademais, na nosa aposta por mellorar esta Ruta da Camelia de Galicia e adecuala ás necesidades de turistas e visitantes, este ano desenvolvemos unha sinalización turística propia con 75 indicadores nas provincias de Pontevedra e A Coruña que permite identificar de maneira sinxela este recurso e facilita o descubrimento do seu patrimonio”, explicou a directora de Turismo de Galicia.

Ademais, grazas ao labor de Turismo de Galicia a prol da potenciación da Ruta da Camelia, este itinerario pódese gozar tamén en tren. Así, a través do programa “Galicia a todo tren” os turistas poden coñecer de maneira sinxela e cómoda as diferentes rutas polos pazos e xardíns históricos de Galicia no período estival.

Foto 2: Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia
R.