Skip to main content

Galicia Calidade refuerza la competitividad del sector turístico avalando la calidad y excepcionalidad de los establecimientos

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:

O conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e o presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Francisco González, asinaron un acordo que permitirá incorporar o selo Galicia Calidade ao sector turístico galego, funcionando como aval da excelencia das súas empresas. Unha iniciativa pioneira en España, subliñou Conde, que buscará “diferenciar ao turismo galego dos seus competidores, poñendo en valor os nosos atractivos, o que nos fai únicos”.

Neste senso, resaltou que o acordo posibilitará que o selo de garantía, que suma hoxe máis de 50 empresas e 250 produtos tras crecer un 10% en ambos eidos en 2014, garanta o carácter único de determinados establecementos turísticos galegos, reforzando desta maneira o labor de certificados como a Q de calidade ou o ISO. En concreto, o conselleiro resaltou que a concesión do selo Galicia Calidade responderá no eido turístico a uns valores complementarios e específicos do turismo galego: arquitectónicos, medioambientais, paisaxísticos, culturais, ou gastronómicos.

Conde subliñou que desta maneira as mellores empresas turísticas galegas poderán aproveitar o impulso dunha marca, a de Galicia Calidade, “recoñecida non só en toda España senón tamén no eido internacional”, grazas á presenza global dos mellores produtos galegos. Así, defendeu, Galicia aproveitará a asociación que os consumidores fan hoxe entre produto galego e calidade, para trasladar esa mesma percepción ao ámbito turístico e potenciar a capacidade para atraer visitantes.

O acordo ten ademais como obxectivo potenciar os produtos de orixe galega. Un dos requisitos para obter a calificación de Galicia Calidade será a presenza manifesta de produtos autóctonos e produtos alimenticios amparados polas Indicacións Xeográficas Galegas, unha iniciativa baseada na convicción de que o sector turístico, desde as casas de turismo rural ata os restaurantes, supoñen o mellor escaparate para a promoción dos produtos autóctonos.

“Buscamos unha unidade de acción entre administración e o sector, traballando co Clúster de Turismo de Galicia para, xuntos, gañar prestixio e capacidade de acceder a novos mercados”, afirmou Conde, que avanzou como primeira meta que este mesmo ano 10 empresas do sector turístico conten co selo de garantía.

Unha iniciativa, destacou, que simboliza varias das aspiracións da Estratexia Galicia Calidade 2014-2016, enfocada ao impulso da competitividade das empresas galegas, e que busca consolidar ao turismo galego un paso por diante dos seus competidores, no marco do Plan Integral da Axencia de Turismo de Galicia.

Mentres, a directora de Turismo de Galicia destacou que a comunidade é líder en número de distincións a empresas e servizos tan estratéxicos para Galicia como os establecementos rurais, os hoteis e apartamentos turísticos, os balnearios, as instalacións náutico-deportivas, os campos de golf, as empresas de turismo activo, o turismo industrial e o lecer nocturno. “Deste xeito, Galicia é a Comunidade Autónoma con máis distintivos Q de Calidade de toda España tras Andalucía”, resaltou.

Nava Castro incidiu ademais en que apostar pola calidade implica diferenciación e valor engadido, e sitúa ao destino nunha posición de maior privilexio. Nesta liña, afirmou que o esforzo dende Turismo de Galicia a prol da calidade é diario e insistente co obxectivo de dotar ao destino da excelencia que se merece.

A responsable da área de turismo salientou, por último, que “continuaremos traballando xunto ao sector privado para que a calidade se converta nunha metodoloxía de traballo, procurando a exixencia constante, a mellora continua e a innovación como elemento indispensable para ser competitivos”.

Fotografía: Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia
R.