Skip to main content

Se cumple el 25º aniversario de la declaración del Camino de Santiago como primer Itinerario Cultural Europeo

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:

O 23 de outubro de 1987 o Consello de Europa declarou ao Camiño de Santiago como Primeiro Itinerario Cultural Europeo. O vindeiro luns cúmprense, xa que logo, 25 anos dese honroso distintivo outorgado á Ruta Xacobea por ser “un dos grandes espazos da memoria colectiva intercontinental” e propoñía “a súa revitalización como base e exemplo para accións futuras en atención ao seu carácter altamente simbólico no proceso de construción europea”. Unha placa de granito colocada no centro da praza do Obradoiro lembra este histórico momento.

O xerente da S.A. de Xestión do Plan Xacobeo da Secretaría Xeral para o Turismo, José Paz Gestoso, deu esta mañá unha rolda de prensa na que avanzou os eventos que con motivo desta efeméride se celebrarán o vindeiro día 23 en Santiago, como actos previos ao acto oficial que organiza o Concello de Santiago.
Paz Gestoso explicou que o Xacobeo organiza tres eventos para resaltar as vodas de prata do Camiño como Primeiro Itinerario Cultural Europeo. Por un lado, o Museo das Peregrinacións e de Santiago acollerá a exposición Memoria de Peregrinación. Camiño de Santiago Primeiro Itinerario Cultural Europeo, comisariada por Francisco Singul. Trátase dunha mostra audiovisual sobre o Camiño de Santiago, dende Europa Central a Compostela, que aporta unha visión artística da ruta dende unha óptica contemporánea e que percorre Hungría, Eslovenia, a República Checa, Croacia, Eslovaquia, o Norte de Italia, o Sur de Francia e a España do Camiño Francés. Esta mostra ten itinerado por diversas cidades de Europa e tamén por cidades australianas e conta con 53 fotografías a cor e un audiovisual de 15 minutos de duración. Permanecerá no museo ata o 27 de decembro.

Doutra parte, e tamén con motivo deste 25 aniversario, o Xacobeo organiza unha mesa redonda no auditorio do Hostal dos Reis Católicos baixo o título Os Camiños de Santiago en España e Europa 25 anos despois da Declaración de Saint Jacques. O acto estará moderado polo xerente do Xacobeo, José Paz, e contará coa presenza dos profesores e membros do Comité Internacional de Expertos do Camiño de Santiago Paolo Caucci von Saucken; Robert Plötz, Adeline Rucquoi; e Fernando López Alsina. A inscrición para participar neste evento pode facerse a través do correo electrónico promocion.cultural@xacobeo.org e mais no teléfono 981 56 40 49. A entrada cubrirase por orde de inscrición ata completar as prazas.
Paolo Caucci fundou hai 30 anos a Asociación Italiana de Amigos do Camiño de Santiago, que a día de hoxe xestiona albergues, tamén no Camiño Francés ao seu paso por España, en San Nicolás de Puente Fitero. A asociación que preside Caucci ten unha sección dedicada á investigación Xacobea, o Centro Italiano di Studi Compostellani, con sede en Perugia, e que publicou unha larga listaxe de textos xacobeos. Caucci dirixe teses e tesinas e organiza encontros de estudos e encárgase da publicación anual da revista Compostella.

Adeline Rucquoi e a presidenta da asociación xacobea máis antiga e con máis peso en Francia e tamén dirixe o Centre d’Etudes Compostellanes. Robert Plötz é unha figura esencial do asociacionismo xacobeo alemán e ocúpase da sección de investigación da Deustche St Jakobus-Gesellschaft coordinando congresos e publicacións científicas. Fernando López Alsina é catedrático da Universidade de Santiago e toda a súa carreira académica está ligada ao Camiño de Santiago. Xunto co profesor Klaus Herbers dirixe un proxecto de investigación sobre documentación papal relacionada con Santiago de Compostela.
Despois da mesa redonda proxectarase tamén un filme inédito titulado Chemin de Compostelle. Unha película rodada en 1952 por Denys de la Patellière, sendo conselleiro histórico e un dos protagonistas René de La Coste-Messelière, un dos fundadores da Société Française des Amis de Saint Jacques de Compostelle e o seu presidente durante máis de corenta anos. O filme segue a guía do peregrino do Códice Calixtino e trátase da primeira película rodada sobre o Camiño que enfatiza a súa dimensión histórica e espiritual, ademais de constituír unha testemuña de como eran as rexións atravesadas hai sesenta anos.

O Comité Internacional de Expertos reunirase tamén con Penelope Denu, a directora do Instituto Europeo de Itinerarios Culturais que visitará Santiago con motivo desta celebración e que é a responsable do cumprimento da normativa europea nas rutas culturais.

Por último, o Salón Teatro acollerá ese mesmo día un pase gratuíto do filme de Martin Sheen The Way que acadou un gran éxito de público e de crítica e que volverá a proxectarse en Compostela despois da súa estrea no Ano Santo 2010. A entrada para ver o filme é gratuíta e as 220 localidades poñeranse a disposición do público ata completar aforo dúas horas antes para recoller na billetería do Salón Teatro, ata dez minutos antes da proxección, e tamén poden reservarse previamente no correo electrónico promocion.cultural@xacobeo.org e mais no teléfono 981 56 40 49 e recollerse igualmente na billetería. Entregarase un máximo de dúas entradas por persoa.

As vías principais do Camiño de Santiago foron declaradas Ben Patrimonio da Humanidade pola UNESCO nos seus trazados ao longo de España e Francia en 1993 e 1998 respectivamente. Estas declaracións supuxeron a nivel oficial o recoñecemento do Camiño de Santiago como gran itinerario cultural europeísta de referencia. En 2012 cúmprense 30 anos dende que Santiago recibiu a Bandeira Europea, outorgada polo Consello de Europa e que constituíu o recoñecemento ao seu significado europeísta e a primeira distinción deste tipo outorgada a unha cidade do Estado Español. Resultou o primeiro recoñecemento oficial das institucións europeas á cultura xacobea e á súa trascendencia.

Durante estes anos, o esforzo común dos países, colectivos, asociacións, responsables políticos, expertos e cidadáns ten acadado converter a Ruta Xacobeo nun lugar de encontro, de comunicación e de transmisión cultural, así como nun laboratorio de construción da nova Europa.

Segundo explicou o xerente do Xacobeo, “o Camiño de Santiago ten atravesado neste tempo diversas vicisitudes e é a día de hoxe un reflexo das múltiples identidades culturais que o compoñen”. José Paz engadiu tamén que “é importante crear e manter mecanismos de protección da ruta, potenciar a investigación e o coñecemento da mesma e desenvolver as ferramentas necesarias para que a súa evolución como produto turístico dos territorios polos que atravesa sexa sostible no tempo e respectuosa co medio”.
R.