Skip to main content

Madrid acoge una exposición de cornamusas ibéricas que por primera vez salen del Museo de Gaitas de Ourense

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:

A Delegación da Xunta de Galicia en Madrid-Casa de Galicia inaugurou unha mostra de cornamusas ibéricas composta por doce gaitas correspondentes a outras tantas zonas xeográficas da península procedentes do Museo Internacional de Cornamusas da Deputación Provincial de Ourense, “santuario” da gaita do que saen por primeira vez, acompañadas por outra de iconografías deste instrumento desde o século IX. Pode verse ata o día 28 de febreiro.

Na presentación participaron o director xeral de Promoción e Difusión da Cultura da Xunta de Galicia, Francisco López, e o delegado da Xunta de Galicia en Madrid, José Ramón Ónega e o director da Real Banda de Gaitas de Ourense, Xosé Lois Foxo, estudoso e especialista na materia.
Francisco López , a quen segundo Foxo débese a iniciativa de mostrar estes instrumentos fora do Museo que os alberga, expresou a confianza plena da Xunta de Galicia na potencia da música e da cultura galega “para saír ao exterior limpamente”, alcanzar espazos de alianza e facelo “mantendo a nosa identidade”.

O director xeral considerou a exposición, enmarcada no espírito do Xacobeo 2010, como unha das moitas perspectivas que pode ter “o son que mellor nos identifica” e unha ocasión para ver “un pouco máis do que nos une con outros pobos e o que temos para ofrecer desde a nosa personalidade , pois falamos do noso instrumento máis representativo”. Situou o evento na “celebración do encontro, na apertura de outras formas de ver a realidade e de puntos de entendementos comúns a partir de experiencias completamente distintas”.

José Ramón Ónega, que tamén aportou datos históricos sobre o instrumento, recoñeceu á gaita como elemento fundamental na música tradicional galega e resaltou a oportunidade única que ofrece a Delegación en Madrid de contemplar as pezas que compoñen unha exposición que cualificou de magnífica.

Xosé Lois Foxo explicou que as doce cornamusas- vocábulo de orixe latino, o máis universal para referirse ás gaitas, que engloba todas as súas variantes- “foron seleccionadas de entre o centenar de instrumentos que compoñen o Museo, representando a outras tantas rexións ou culturas musicais da península, entre as que se atopan zonas tan dispares como Baleares, Zamora e Portugal, o que amplía a presenza do instrumento a lugares aos que non se asocia habitualmente”.

O director e fundador da Real Banda de Gaitas de Ourense sinalou que tamén “hai referencias de gaitas en zonas de Rusia, norte de Europa e norte de África, pois Galicia irradiou a súa cultura a través do Camiño de Santiago, que expandiu este instrumento”. Xosé Lois Foxo fixo un detallado percorrido pola historia do instrumento a través de representacións do mesmo, en papel e en pedra, ao longo dos séculos.

R.