Skip to main content

Sergio Vallejo y Luis Moya, campeones de España de Rallye, recorren un tramo del Camino de Santiago

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Diputación Provincial de Lugo:

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, e o Vicepresidente Primeiro, Antón Bao, participaron con Sergio Vallejo, Luis Moya, e outros deportistas de elite, nun percorrido do Camiño de Santiago ó seu paso por Lugo en vehículos de competición de Rally con motivo da sinatura dun convenio de colaboración. A iniciativa enmárcase dentro da promoción de Km0 a Compostela, o programa provincial que pon en valor as rutas Xacobeas ó seu paso pola provincia.

A comitiva fixo un treito do Camiño Primitivo que transcorre polo municipio lucense, concretamente dende o cruce de Santo Matías ó de Fornelo a Abelairas. Asimesmo, como apoio a esta iniciativa de promoción, un grupo de peregrinos, membros da Asociación de Mulleres Rurais de Carballedo A Xuntanza, realizaron a pé o mesmo percorrido.

Gómez Besteiro salientou que, deste xeito, “a Deputación logra que cada vez máis xente participe en Km0 a Compostela, un proxecto que puxemos en marcha xa o pasado mes de setembro converténdonos na primeira administración cunha programación previa e estable ó Xacobeo”.

O obxectivo deste programa é impulsar a economía de Lugo promocionando 25 rutas de peregrinación dos catro Camiños que pasan pola provincia de Lugo: o Francés, o Primitivo, o da Costa, e o do Inverno. Para elo, o titular do organismo provincial anunciou que “nos vindeiros meses, visitarannos personalidades de recoñecido prestixio a nivel nacional para contribuir na nosa tarefa de difundir as riquezas da provincia e procurar a proxección exterior”.

Neste senso, Gómez Besteiro lembrou que outros colectivos, como a Sociedade Española do Corazon –SEC-, ou os directores de medios de comunicación de Galicia, e mesmo autoridades, como o Presidente de Cantabria, Miguel Ángel Revilla, fixeron o Camiño de Santiago en Lugo dentro de Km0 a Compostela. “O ano Santo é unha oportunidade extraordinaria para crear emprego e mellorar a economía de todos os Concellos polos que pasan os Camiños. Por iso, a Deputación quere involucrar a todos os sectores no noso proxecto” incidiu.

No último Xacobeo visitaron a Comunidade 4 millóns de persoas. A provincia de Lugo é porta por excelencia cara Santiago de Compostela, xa que, con 800 quilómetros, é a provincia española coa maior lonxitude de rutas Xacobeas.

O Presidente da Deputación, xunto ós deportitas e peregrinos, fixeron o percorrido ó Camiño logo da sinatura dun convenio entre o organismo provincial e o equipo dos Campións e Subcampións de Rally de España, Nupel. É unha iniciativa, sen custe algún, a través da cal o coche e o equipo deportivo dos irmáns Vallejo levarán a marca Km0 Deputación de Lugo.

O titular da institución provincial destacou que “con este convenio damos un paso máis na promoción da nosa provincia, e facémolo coa axuda dos mellores embaixadores do mundo do Rally. O Nupel vai levar o nome de Km0, e por tanto o de Lugo, por todo o mundo para así darnos a coñecer, e incentivar a nosa economía”.

Pola súa banda, o director do Nupel, Jorge Dorribo, salientou que “sentímonos orgullosos de divulgar a nivel nacional e internacional a imaxe de Km0 coa que a xente descubrirá a gran riqueza que ten Lugo, e o moito que nos pode ofrecer”.

Km0 Deputación de Lugo, xunto a modalidades de Km0 a Compostela, e Km0 Xtreme, oferta 135 rutas guiadas pola provincia. Ademais, ofrece a posibilidade de degustar e promocionar produtos autóctonos de Lugo. O obxectivo deste programa é reactivar a economía local, ó tempo que ofrece ós participantes ecoturismo, medioambiente, gastronomía, cultura, e tradición.

A iniciativa da Deputación, incluída dentro do proxecto Lug02, que conta cun presuposto de 600.000 euros anuais cofinanciados nun 70% con fondos FEDER, e un 30% polo INLUDES, dependente da Deputación; contribúe a manter 3.000 postos de emprego directos e indirectos, en sectores como os da hostalería, turismo, ou a industria.

Previamente, Gómez Besteiro recibiu no Pazo de San Marcos a un grupo da Asociación de Mulleres Rurais “da Berea” (Sober) e a outro da Asociación de Mulleres Rurais de Carballedo, dentro de Km0. En total, no que vai de 2010 participaron 1.200 persoas, que se suman ás 11.000 dende que o programa medioambiental iniciou a súa andaina en setembro de 2008. Na actualidade, está cuberto o cupo de praza ata o mes de maio, de tal xeito que en xuño, cando remate a segunda fase do programa, o número de participantes ascenderá ós 22.000.

Nas seis rutas do programa medioambiental que promove o organismo provincial desta semana 295 persoas redescubrirán a Mariña, a Montaña, a Terra Chá e a Ribeira Sacra.
R.