Skip to main content

Se presenta en Santiago de Compostela el paquete turístico Entroidos de Ourense

Nota de prensa remitida por el Gabinete de Comunicación de la Xunta de Galicia:

O conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda; o conselleiro de Cultura e Turismo, Roberto Varela presentaron o paquete turístico Entroidos de Ourense: Puro Carnaval. Este novo programa turístico dos entroidos de Ourense, que xa foi presentado en FITUR, é unha iniciativa que pretende conseguir que os visitantes poidan participar de maneira activa nos cinco entroidos de Ourense declarados de interese turístico: Xinzo de Limia, Laza, Verín, Viana do Bolo e Manzaneda. Ao acto tamén asistiron a secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo, e unha representación dos alcaldes concellos ourensáns nos que se celebra o Entroido.

Esta acción, cuxa importancia se constata no apoio das dúas consellerías presentes no acto, obedece ao Plan de Acción de Turismo de Galicia, que recomenda iniciativas que desestacionalicen, que potencien o reequilibrio territorial, que desenvolvan produtos tradicionais e ancestrais e que creen sinerxias entre diferentes produtos. Ademais, o Plan de Acción tamén recomenda paquetizar os produtos turísticos e a colaboración entre axentes públicos e privados. Esta iniciativa conta con varios niveis, no que os visitantes poden disfrutar do programa pola súa conta ou mesturar o encanto que de por si xa ten o Entroido con actividades propias do turismo termal, rural ou dos propios aloxamentos.

Esta é unha iniciativa da Consellería de Cultura e Turismo, que a través da Secretaría Xeral para o Turismo pon en valor esta franxa sudeste da provincia ourensán. Roberto Varela, presentou o programa turístico dos entroidos ourensáns, “cuxa orixe se perde na noite dos tempos”, como “unha das manifestacións populares máis importantes do inverno no interior de Galicia e destacan sobre o grande acerbo cultural galego”. “Os entroidos de Ourense conteñen singularidades que os converte en elementos únicos dunha festa case universal e contan cun amplo prestixio no seu conxunto polo seus valores etnográfico e festivo”, engadiu.

Nesta liña, o conselleiro de Cultura e Turismo afirmou que os entroidos de Xinzo de Limia, Laza, Verín, Viana do Bolo e Manzaneda, “destacan pola súa riqueza cultural, a súa vistosidade e a súa capacidade de convocatoria e que ano tras ano congregan a milleiros de visitantes en torno a eses personaxes específicos de cada carnaval, denominados pantallas, peliqueiros, cigarróns, boteiros e mázcaras”.

Asemade, Roberto Varela asegurou que “arredor destas festas, identificadas coa autenticidade do Pobo galego, xorden personaxes, ritos e situacións nas que a participación popular e dos visitantes que se achegan fan dos entroidos espectáculos únicos. Os folións, O testamento do burro, a Liturxia dos borrachos, a Queimada do engado, o Domingo oleiro ou o Luns borralleiro, son só algúns exemplos desa magnífica expresión popular do Entroido en Galicia”.

Na súa intervención, Alfonso Rueda asegurou que “a riqueza cultural e o valor etnográfico e festivo” que posúen os entroidos de Laza, Manzaneda, Verín, Viana do Bolo e Xinzo de Limia merecían unha atención especial e destacada dentro do sector turístico como a que agora se lles brinda. O conselleiro de Presidencia tamén gabou “a excelente colaboración entre as administracións locais que fixo posible sacar a bo porto esta iniciativa”, e como responsable da Administración Local, animou a que este exemplo de colaboración entre concellos “siga a producirse no sector turístico e noutras áreas nas que se aposte por traballar en rede”.

Doutra banda, o conselleiro de Presidencia, afirmou que “este ciclo festivo, xa iniciado neste mesmo mes de xaneiro, constituirá un dos escaparates ideais para dar a coñecer o modo galego de diversión e lecer; unha vitrina aberta ao resto do mundo para amosar, de paso, as exquisiteces da nosa gastronomía. Escaparse ata esta área xeográfica significa vivir unha das festas máis alegres de todo o ano, formar parte dunha manifestación cultural única e singular, na que se reflicte gran parte do acerbo cultural galego”.

No acto de presentación deste paquete turístico, deuse a coñecer aos asistentes Escápate aos entroidos de Ourense, unha práctica guía que permitirá disfrutar dos cinco entroidos de maneira conxunta. Este catálogo pretende potenciar como destino turístico unha das manifestacións máis populares do inverno no interior de Galicia, que destaca polos seus valores etnográficos e festivos e pola súa capacidade de convocatoria.

A guía inclúe información sobre o significado cultural e o valor turístico das festas e numerosos datos prácticos para disfrutar destes entroidos. Figuran un total de 33 establecementos, así como información gastronómica, aloxamentos de catro estrelas, casas de turismo rural e os medios de transporte existentes. O catálogo estará a disposición dos visitantes en 420 puntos de Ourense e norte de Portugal, que inclúen oficinas de Turismo e establecementos turísticos.

Asemade, os conselleiros tamén fixeron mención a unha das iniciativas estrelas deste paquete turístico, o denominado Entroidobús, un sistema de sete liñas diferentes de autobús lanzado en colaboración coa Dirección Xeral de Mobilidade e que percorrerán gran parte do territorio ourensán con horarios flexibles e axustados ás actividades principais dos entroidos. A secretaria xeral para o Turismo, Carmen Pardo, asegurou que este é “un sistema gratuíto e seguro, que busca que o viaxeiro que se encontre aloxado nas localidades do Entroido se poida desprazar desde calquera punto, sen necesidade de utilizar vehículo propio”.

O obxectivo final da iniciativa Entroidos de Ourense: Puro Carnaval é o de desestacionalizar e impulsar o interior galego como destino turístico, de maneira que o sector turístico contribúa ao reequilibrio territorial entre costa e interior.

Solicitude de información: www.turgalicia.es
Solicitude de catálogo : entroidosdeourense@itcmensula.com
R.