Skip to main content

A nova edición do Outono Gastronómico invita á cidadanía a participar en 77 establecementos de turismo rural

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Ana Ortiz, presentou este xoves en Gondomar unha nova edición do ‘Outono Gastronómico en Turismo Rural 2024’, a proposta de Turismo de Galicia para impulsar o turismo rural fóra de temporada. Durante a súa visita ao Pazo da Escola, un dos 77 establecementos galegos incluídos na campaña, a representante autonómica animou á cidadanía a participar nesta iniciativa.

“Estamos ante propostas que combinan os paseos e descansos pola nosa naturaleza co mellor da nosa gastronomía”, sinalou. A iniciativa desenvolverase desde este 13 de setembro ao 15 de decembro, coa intención de desestacionalizar e impulsar o sector do turismo rural que, ata xullo, se aloxaron máis de 100.000 persoas, o que supón un incremento dun 3% con respecto ao ano pasado.

En relación a esta edición de 2024 do Outono Gastronómico, sinalou que participan 77 establecementos de turismo rural, 31 dos cales ofertan a actividade Outono Plus, con propostas que van desde paseos a cabalo, descenso en canoa, sendeirismo, visitas culturais, e outras. Por provincias, A Coruña conta con 24 establecementos participantes; Lugo, con 23, e Ourense e Pontevedra con 15 establecementos cada un.

A delegada da Xunta destacou a variedade de propostas que poden elixir as persoas que queiran gozar desta experiencia desde o menú Outono gastronómico cun custe de 37,50€/persoa; ou as que inclúen estadías na casa rural e oferta gastronómica como paquete Outono gastronómico por, 105€/persoa en cuarto individual e 165€/dúas persoas nun cuarto dobre; a fin de Semana Outono Gastronómico, 165€/persoa nun cuarto individual, e 260€/ dúas persoas en cuarto dobre; e a fin de Semana Familiar Outono Gastronómico, 310€/dous adultos con 1 neno ou nena nun cuarto dobre con cama supletoria, e 360€/dous adultos con dous nenos ou nenas en dous cuartos dobres.

Toda a información relativa ao ‘Outono Gastronómico en Turismo Rural 2024’ pódese descargar na web www.turismo.gal, onde figuran ademais, todos os establecementos participantes e os menús exclusivos de cada un.
R.