Skip to main content

Rueda garante a actuación da Xunta ata que as praias estean “absolutamente limpas” de pellets e reclama “xa e canto antes” os medios do Estado

Rueda salientou que o Goberno galego xa ten en marcha cos concellos un operativo de 200 profesionais para recoller estes pellets e tamén outros residuos plástico que se detectan nos areais e adiantou que “se reforzarán ata os 300 nesta fin de semana”. De igual xeito, explicou que se está a monitorizar a situación en todas as praias afectadas co obxectivo de “retirar canto antes os pellets que vaian chegando”. Ademais, garantiu que o operativo de limpeza da Xunta “continuará activo e en alerta ata que non queden ningún destes residuos nas praias”.

“Xa e canto antes” os medios do Goberno central

O presidente demandou que ante este “compromiso da Xunta” o do Goberno central “sexa o mesmo”, en canto ás súas competencias no mar na loita contra a contaminación e reclamou que non se poñan “escusas”. Por iso, tras ter elevado o Plan de Contaminación Mariña Accidental de Galicia (Camgal) ao nivel 2, Rueda lembrou que a Administración galega ten demandado medios para a detección dos residuos no mar e para que estes non cheguen ás praias, en referencia a solicitude de sete lanchas, catro barcos, un avión e dous helicópteros e un submarino.

No entanto, lamentou que, pasadas máis de 48 horas da petición destes medios, Galicia “continúa sen ter eses medios comprometidos polo Goberno central”. Polo tanto, reclamou que os envíe “xa e canto antes” para colaborar coa Xunta e cos concellos na loita contra esta contaminación, dentro do ámbito das súas competencias, “que é a mariña”, lembrou.

“Todos os sacos que se intercepten no mar son pellets que non chegarán á costa”, argumentou ao respecto. “Sempre vai ser moito máis sinxelo mentres estean nestes sacos na auga, e non que se estraguen e cheguen ás praias”, advertiu. “Cada pellet que chegue as praias é un pellet que non se recolleu no mar”, afondou, sobre a necesidade da actuación antes de que cheguen a terra.

Información á Fiscalía e nova reunión Camgal

En paralelo á limpeza das praias, o presidente explicou que o Goberno galego vai remitir á Fiscalía toda a información da que dispón a Xunta para que se aclaren todas as circunstancias relacionadas con esta vertedura. “Nós somos primeiros interesados de que se chegue ao final de todo isto para determinar os responsables”, aseverou. De igual xeito, adiantou que a Xunta traballará co sector pesqueiro e co sector turístico para evitar calquera dano a súa Imaxe.

Ademais, informou de que esta tarde volverá celebrarse unha nova reunión do Plan Camgal, un encontro ao que se ten convidado a participar á Delegación do Goberno en Galicia e tamén a representantes da Fegamp, xa que o mandatario galego considerou necesaria a súa participación.

Nesta reunión avanzou que se abordarán o protocolo de recollida dos pellets e tamén outro para organizar as persoas voluntarias que queren botar unha man na recollida destes residuos nas praias, e ás que lle agradeceu a súa colaboración.
R.