Skip to main content

Galicia contará co primeiro Protocolo contra as violencias sexuais e LGBTI fóbicas no ocio nocturno

O obxectivo, salientou o presidente, “é seguir facendo de Galicia un lugar seguro e contar con todas as ferramentas posibles para loitar contra a violencia”. O protocolo, como explicou, vai dirixido a todas “as discotecas, pubs, salas de concerto ou café-espectáculos que se queiran adherir” -será posible a partir de mañá-; todos os traballadores deberán coñecer este documento e ademais os locais adheridos “contarán cun logotipo” co lema Agresión OFF violencias “para que os clientes saiban que se trata dun local cun protocolo” específicou.

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, Elena Rivo, destacou que no eido da prevención búscase xerar “un modelo de ocio nocturno seguro e libre de violencias”. O marco promoverá que os establecementos desenvolvan iniciativas propias de prevención e sensibilización. E ademais, tal e como indicou a conselleira, os establecementos adheridos comprométense a non contar con publicidade ou criterios de acceso ao local discriminatorios e sexistas como prezos diferenciados para homes ou mullers ou bonificacións en forma de bebidas para as mulleres.

En canto á detección, bríndanselles aos profesionais pautas para recoñecer manifestacións violentas, ben relacionadas coa presenza de imaxes ofensivas no recinto, como coa linguaxe sexista ou de contacto físico ou intimidatorio. Nesta liña, Rivo aclarou que a Xunta financiará un curso de dez horas de formación para todo o persoal dos locais adheridos.

En caso de ter que actuar, o protocolo ofrece pautas comúns para seguir por parte dos profesionais, que centran a atención na vítima ante unha situación potencialmente perigosa. Actuar con calma, de xeito inmediato, preservar a confidencialidade, acompañar ou informar dos recursos con que conta a persoa agredida son algúns dos aspectos protocolizados no documento. A conselleira indicou que no caso de detectar algunha posible agresión, os traballadores deberán ofrecer un espazo tranquilo e de seguridade á vítima, evitar que se quede soa ou interveñan persoas alleas, informarlle dos recursos dispoñibles e garantir que abandona o local “en bo estado e acompañada dunha persoa de confianza”. No caso de que o agresor estea no recinto cómpre chamar as forzas de seguridade -no caso de que así o solicite a vítima- ou obrigarlle a que salga do establecemento.

Para os efectos da aplicación do protocolo, consideraranse establecementos de lecer nocturno as discotecas, salas de festas, pubs e cafés-espectáculos. Diríxese a todas as persoas que interveñen neles, desde o equipo directivo, o persoal de seguridade e sala, de barra ou doutro tipo.

Todos os establecementos de lecer nocturno que queiran adherirse a este protocolo poderán facelo desde este venres, 12 de xaneiro de 2024, a través da páxina web da Secretaría Xeral de Igualdade (https://igualdade.xunta.gal).

Apoio formativo

A adhesión voluntaria ao protocolo irá acompañada dun programa de formación en liña que a Xunta de Galicia dirixirá tanto ao equipo directivo dos establecementos como ao persoal de seguridade e sala, de barra ou doutro tipo.

O curso terá dez horas de duración distribuídas en catro semanas. Estruturarase en cinco módulos temáticos que abordarán as formas de violencia contra a muller e contra as persoas LGBTI, a análise do contexto en que se producen e a súa detección, as pautas de actuación ante casos de violencia sexual ou LGBTI fóbica e como previr estes comportamentos a través da educación e da sensibilización da cidadanía.

Ao remate da formación, e superada a avaliación, o persoal dos espazos de lecer nocturno recibirá un diploma acreditativo da formación recibida.
R.