Skip to main content

Un estudo aborda o influxo do consumo na configuración urbana comercial de Compostela

“Na medida en que o ensanche concentra moitos negocios, a maioría das persoas entrevistadas teñen aquí situados os seus locais, seguidos daqueles que están na zona vella”, matiza a investigadora que realizaou o traballo xunto a Silvia Pérez Freire, tamén da UVigo, e a investigadora predoutoral da USC, Irina Malyuchenko. A Cátedra do Camiño da USC é froito da colaboración con Turismo de Galicia.

Tal e como se desprende do estudo, a maioría da clientela son residentes do propio municipio e doutros municipios pertencentes á comarca de Santiago, e tamén unha mestura de consumidores locais e visitantes. Entre aqueles que proceden de fóra, son comúns as referencias a Portugal e Brasil, seguidas doutras nacionalidades europeas como Italia ou Alemaña, e tamén clientela procedente de Estados Unidos, países latinoamericanos, e do continente asiático, “aínda que estes últimos foron referidos por un pequeno número de persoas”, puntualiza Sara Torres.

Clientela habitual

“Non existe un perfil de cliente non desexable de maneira clara porque todos son necesarios para manter a vida dos negocios, aínda que nalgún caso nárrase unha experiencia concreta non desexable”, sinala a investigadora. A maioría dos establecementos considera a clientela local como a máis desexable por realizar compras continuamente, aínda que algúns aluden á clientela que procede do estranxeiro. Fóra da procedencia, fan constar que “existe unha clientela apreciada que é a denominada clientela habitual que realiza compra para a familia e os estudantes universitarios”.

A maioría das persoas entrevistadas non percibe cambios significativos durante a tempada turística, en parte porque esta “xa non é tan estacional como antes e hai turistas e visitantes ao longo de todo o ano, aínda que a intensidade varía segundo as épocas”. Porén, consideran que a chegada de visitantes non afecta significativamente a oferta que realizan nos seus propios establecementos, pero si a do resto, “confirmando que o turismo modifica a oferta de produtos e servizos”, destaca a investigadora. Con todo, de maneira xeral, os e as entrevistadas non identifican un produto ou servizo “estrela” e, cando o fan, non refiren un produto turístico, agás na hostaleira.

De forma maioritaria, as persoas entrevistadas opinan que a zona vella non debería reservarse principalmente para o turismo. “Isto só contribuiría a facer deste espazo un parque temático e perder a esencia da cidade”, afirma a investigadora tomando como base as respostas recollidas. “Santiago é algo mais que o destino ao final do Camiño, é unha cidade onde os residentes viven, os visitantes diarios (procedentes doutros municipios da comarca) e os visitantes de longa duración (estudantes universitarios) mercan produtos e demandan servizos profesionais e hostaleiros; sen obviar que o turismo peregrino como destino final e o turismo xeral como destino cultural ou urbano demanda, consome e gasta nos establecementos da cidade”, conclúe o estudo.

A autora

Sara Torres tamén é membro do grupo GALABRA da USC. Licenciada en Ciencias Políticas (2011) pola Universidade de Santiago de Compostela, doutorouse con mención internacional en Ciencias Políticas e da Administración (2016) na mesma universidade, coa tese titulada ‘Iniciativas para o mantemento comercial dos cascos históricos. Zona Monumental Pontevedra 1989-2015’.
R.