Skip to main content

As catro provincias galegas presentan candidaturas para contar co distintivo de Sendeiros azuis en 2024

A Xunta pon en valor que, por primeira vez, as 4 provincias galegas presentan candidatura para contar co distintivo de Sendeiros azuis, un galardón que a Asociación de educación ambiental e do consumidor (Adeac) concede desde hai varios anos para recoñecer o papel das sendas e camiños como un recurso valioso para gozar da natureza, realizar actividades deportivas e de ocio ao aire libre e interpretar ambientalmente a contorna.

Durante a súa participación, por videoconferencia, na reunión do xurado que concede estes distintivos, presidido polo presidente de Adeac, José Palacios, a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, salientou que Galicia volve ser a Comunidade que máis candidaturas presenta. Así, optan a este recoñecemento ao redor de medio cento de sendeiros, dos que 14 se presentan a este recoñecemento por primeira vez.

Nesa liña, do Campo salientou que nesta ocasión a provincia de Ourense tamén opta a recibir un destes galardóns logo de que a Dirección Xeral de Patrimonio Natural presentase a candidatura da ruta da Aceveda no Parque Natural do Invernadeiro, que, cómpre lembrar, é titularidade da Xunta de Galicia

O obxectivo é, segundo dixo a directora xeral, revalidar o resultado obtido na pasada edición destes galardóns, cando se converteu na autonomía co maior número de distintivos deste tipo con 35 itinerarios recoñecidos.

Transformación respectuosa das contornas

A Bandeira Sendeiro Azul premia e recoñece a recuperación e posta en valor de sendeiros e itinerarios mediante a súa transformación en contornas respectuosas, resilientes e sostibles.

Nesa liña, os principais obxectivos desta iniciativa inclúense o fomento da conectividade ecolóxica e a restauración ambiental; a contribución coa análise de fontes cartográficas e de datos á planificación e xestión de zonas naturais; o fortalecemento da coordinación entre as administracións con competencias nestes espazos; a integración transversal de aspectos económicos, ambientais e sociais, e a mellora do coñecemento e sensibilización ambiental.

Ademais, realízase unha revisión periódica dos seguintes aspectos: características das sendas e trazados; estado da información, sinaléctica e infraestruturas; conservación e xestión do patrimonio natural e cultural, e uso público e desfrute.
R.