Skip to main content

Ovo, o novo espectáculo do Circo do Sol chega como atractivo e reclamo turístico do nadal galego

O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou hoxe na presentación de OVO, o novo espectáculo do Circo do Sol que chegará a Galicia do 3 e o 7 de xaneiro co apoio da Xunta de Galicia coa intención de converterse nun “atractivo e reclamo turístico do Nadal galego”.

Como explicou durante a presentación, chega avalado pola “solvencia e prestixio” da compañía, así como pola excelente resposta do público en anteriores representacións que xa realizou en Galicia. “Temos moi en conta o positivo impacto que traerá á cidade desde o punto de vista turístico, pero tamén a repercusión polo seu valor á hora de prestixiarnos como destino de grandes espectáculos, algo que axuda a difundir a imaxe de Galicia no exterior”.

Puxo de manifesto, a importancia que o Goberno autonómico concede a este tipo de eventos para desestacionalizar a oferta turística e para incentivar tanto o turismo nacional como o dos propios galegos especialmente nun momento como o Nadal.

25 aniversario

OVO é a 25ª producción en directo do Circo do Sol, creada con motivo do seu 25 aniversario. Estreouse por primeira vez en Montreal no ano 2009 e visitou 30 cidades en seis países diferentes como espectáculo de Gran Carpa antes de transformarse nun espectáculo de pavillón no ano 2016. Poderá verse en varias sesións no Multiusos Fontes do Sar, en Santiago de Compostela.

No espectáculo teñen especial protagonismo os insectos que traballan, comen, se desprazan, xogan e loitan. Cando un misterioso ovo aparece entre eles, os insectos senten unha intensa curiosidade por ese obxecto icónico que é, ademais, o fío conductor do espectáculo. Ademais das acrobacias e espectáculos, destaca o vestiario, inspirado nos superheroes futuristas e en armaduras de calquera época, e a música en directo cunha banda de sete músicos, que tocan bossa nova, samba, funk e electrónica. As entradas están á venda tanto na web da compañía como en plataformas como livenation.es, Ticketmaster e El Corte inglés.
R.